miércoles, 20 de octubre de 2021

No 40 aniversario das primeiras Eleccións autonómicas galegas, o 20 de outubro de 1981

 

O Parlamento de Galicia acolleu esta mañá unha xornada conmemorativa do 40 aniversario das primeiras Eleccións autonómicas galegas, celebradas tal día coma hoxe de 1981. Uns comocios snos que tiven a opotunidade de votar.

A sesión foi  inaugurada polo presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices Vieira, e clausurada polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Contou coa participación  de  cadanseu representante dos catro grupos parlamentarios xurdidos das primeiras eleccións ao Parlamento de Galicia: Mariano Rajoy Brey (Grupo Parlamentario de Alianza Popular de Galicia),  Víctor Vázquez Portomeñe (Grupo Centrista), Xerardo Estévez Fernández (Grupo dos Socialistas de Galicia) e Camilo Nogueira Román (Grupo Mixto).

Na súa intervención, o presidente do Parlamento de Galicia reivindicou “un mellor coñecemento da nosa historia”, xa que esta é, ao seu xuízo, unha das eivas dos españois en xeral e dos galegos en particular. Actividades como a que hoxe acolleu a  Cámara galega tratan de suscitar a curiosidade e o interese da xente sobre unha etapa aínda recente, pero practicamente esquecida.

“Por desgraza, moitos dos nosos coetáneos –por non falarmos dos máis novos- saben tanto ou máis dos primeiros presidentes estadounidenses que dos feitos e das personalidades aos que debemos a estabilidade e o benestar dos que España e Galicia gozamos nos nosos días”, afirmou Santalices.

Recordou que, cando as galegas e galegos elixiron nas urnas o seu primeiro Parlamento autonómico, “as ansias de democracia latexaban con forza na maioría da xente, o que explica o éxito sen paliativos do Estado de dereito que, entre todos, fomos quen de edificar e consolidar nestas catro décadas”.

 Recuperar a concordia

O presidente da Cámara galega recordou que “estamos en débeda con moita xente”, entre os que citou aos impulsores do Estatuto do 36; as “vítimas da barbarie e da represión”; “as  persoas que se viron na obriga de se exiliaren para salvar as súas vidas, moitas veces nunha viaxe sen retorno”; “os que avivaron o espírito galeguista e democrático durante a longa noite de pedra”; e cantos, en suma, “desde diferentes posicionamentos, contribuíron ao asentamento da democracia e á chegada da autonomía, nun exemplar exercicio de concordia que fariamos ben en recuperar nos nosos días”.

Santalices subliñou tamén o “entusiasmo dos que concorreron  a aqueles comicios a partir dos que comezou a edificarse a autonomía e as institucións que hoxe a conforman”. Dos protagonistas de aquela época, o titular da Cámara gabou o traballo da “Comisión dos 16”, autores do primeiro anteproxecto de Estatuto de Autonomía e a cantos se empeñaron en superar o “Estatuto da Aldraxe”. “A eles –afirmou- corresponde o mérito de que Galicia teña agora a consideración de Comunidade histórica. Porque houbo quen, naqueles tempos, tratou de arrombar a Galicia ao vagón de cola, nunha categoría inferior a Cataluña e ao País Vasco”.
Albor, apóstolo da autonomía

Santalices tivo, ademais, verbas de agradecemento para o primeiro presidente da Xunta de Galicia, Gerardo Fernández Albor, que “sacrificou unha desafogada situación persoal, como médico e cirurxán de prestixio, para se converter en apóstolo da autonomía, na procura dunha maior base social para o autogoberno e de ancoraxes sólidas para as institucións que se dispoñían a edificar”.

A xornada celebrada hoxe enmárcase na programación deseñada polo Parlamento de Galicia para conmemorar os 40 anos da autonomía galega. Arrincou coa entrega da Medalla do Parlamento de Galicia á Xeración Nós, o pasado mes de abril, e terá continuidade o próximo 19 de decembro, no aniversario da constitución da primeira lexislatura da Cámara galega, entre outras actividades.

O acto foi  presentado por Victoria Rodríguez e comezou coa proxección dun vídeo, conducido por Xosé Antonio Touriñán, con imaxes e testemuñas relacionadas coa época na que se celebraron as primeiras Eleccións ao Parlamento de Galicia e a súa significación.

Neste acto o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recordou o 40 aniversario das primeiras eleccións autonómicas como o inicio do “soño” democrático que constrúe unha Galicia libre, igualitaria e fraterna.

“O 20 de outubro de 1981 Galicia empeza a realizar o seu propio soño. Un soño construído con papeletas que deron forma á vontade popular, e iniciaron un camiño que non se interrompeu nestes corenta anos”, lembrou, subliñando que nesas primeiras eleccións “deixamos de ser un pobo de ausencias para facernos presentes na nosa historia”. 

Durante o acto de clausura da, Feijóo resaltou que con estes primeiros comicios dá comezo un período sen parangón na nosa historia, no que as enerxías cidadás que permanecían agochadas se despregan en todos os eidos imaxinables.

Nesta mesma liña, salientou que o xogo de partidos consubstancial coa democracia representativa, xurde en Galicia co contrapunto do galeguismo afectivo no que traballaron arreo homes e mulleres que teiman por tecer vencellos insoslaiables entre os galegos.

“Podemos afirmar que o autogoberno nace con dúas ágoras democráticas: o Parlamento como sede da vontade popular, análogo ás asembleas lexislativas doutras democracias; e xunto a el un foro invisible pero efectivo definido por unha galeguidade na que non está reservado por ninguén o dereito de admisión. Velaí os dous eixos que explican este éxito colectivo que deu comezo o 20 de outubro de 1981”, explicou, incidindo en que ese plus que representa a vivencia común de Galicia explica a principal peculiaridade da democracia galega.

O titular do Goberno galego concluíu salientando que nestas catro décadas, a democracia na Comunidade non só sobreviviu, senón que se fortaleceu. E, sobre este punto, aproveitou o acto para agradecer o labor de todos aqueles parlamentarios pioneiros.