Onte foi entregado no Parlamento polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, o proxecto de Lei de Orzamentos para 2022, xunto ao proxecto de Lei de Medidas Fiscais e Administrativas.
Máis de 1.100.000 contribuíntes se beneficiarán da nova rebaixa na tarifa autonómica do IRPF para as rendas medias e baixas incluída nos Orzamentos da Xunta do vindeiro ano, o que supón máis do 90%. En concreto, implántase unha nova escala e rebáixanse os tipos en todos os tramos inferiores a 60.000 euros, co que Galicia reforza a súa posición como unha das CC.AA. con menor tributación para as rendas medias e baixas.
O proxecto de Lei de Orzamentos para 2022, ascende a 11.627 millóns de euros, un 6,9% máis que no vixente exercicio.
En materia
fiscal, no Imposto de Transmisións Patrimoniais (ITP) apróbase unha rebaixa do
10%, co que o tipo xeral pasa do 10 ao 9% para reducir a tributación ás
familias que adquiren unha vivenda, favorecendo a dinamización do mercado
inmobiliario. Mantéñense todos os tipos reducidos para os colectivos prioritarios
e o ‘Programa Impostos 0 no rural’.
Polo que respecta
ao imposto de Patrimonio mantense o mínimo exento e bonifícase un 25% a cota do
imposto. Ademais, mantéñense as rebaixas no Imposto de Sucesións para que
Galicia siga entre as CC.AA. con mellor tratamento fiscal para as herdanzas
entre familiares directos e para os irmáns. O 99,9% das herdanzas por vía
directa están exentas.
Beneficios
fiscais
Os beneficios
fiscais inclúen todos aqueles ingresos que a Xunta de Galicia decide non
percibir para que revertan principalmente ás familias e aos fogares. En 2022 a
Xunta ampliará de novo o volume de beneficios fiscais ata os 522 millóns de
euros, o que supón un incremento de 50 millóns con respecto ao ano 2021.
Segundo explicou o conselleiro de Facenda e Administración Pública esta cifra
ten unha compoñente cualitativa moi relevante, posto que o 93% destes
beneficios fiscais son de carácter social.
Territorialización
do gasto
Estes presupostos
inclúen o maior reforzo dos investimentos, con 2.554,5 millóns de euros o que
permite reforzar as actuacións en todos os territorios e contribuír ao
reequilibrio territorial.
Neste sentido os
Orzamentos da Xunta para 2022 volverán potenciar o reequilibrio territorial cun
maior gasto por habitante nas provincias de Lugo e Ourense. Así en canto á
distribución territorial, o maior investimento por habitante volverá producirse
nas provincias interiores: Lugo, onde a Xunta destinará 4.926 euros per cápita,
e Ourense con 4.809 euros por habitante. Pola contra, nas provincias atlánticas,
A Coruña recibirá 3.760 euros per cápita e Pontevedra 3.584 euros por
habitante. Respecto ao volume de gasto, as provincias que reciben un maior
volume son A Coruña e Pontevedra, con 4.222 e 3.379 millóns de euros
respectivamente, mentres que Lugo recibirá 1.611 millóns e Ourense, 1.470
millóns de euros.
Priorízase o
gasto social
Os Presupostos
reforzan un ano máis o gasto social (sanidade, educación e políticas sociais) e
as políticas de emprego, toda vez que no vindeiro ano Galicia non disporá do
Fondo Covid por tratarse dun fondo extraordinario con carácter non consolidable
que o Goberno central retirou. Así, estas contas inclúen o maior gasto social
da historia da Comunidade que ascende a 8.660 millóns de euros, 610 millóns
máis que neste exercicio.
Todas as
consellerías terán máis recursos no ano 2022. En canto ao reparto por
departamentos, o incremento da Consellería de Sanidade é de 268,7 millóns e
acada a cifra récord de 4.588,7 millóns de euros; en Cultura, Educación e
Universidade o aumento é de 177,5 ata superar os 2.751 millóns, e o
departamento de Política Social sube en 115,6 millóns, e supera os 928 millóns
de euros.
As tres
consellerías que acaparan a maioría do gasto social concentran o 75% do
incremento do orzamento, é dicir, tres de cada catro euros de aumento
presupostario van destinados a sanidade, educación e políticas sociais.
Por outra banda,
tendo en conta a importancia que cobran os fondos de recuperación e resiliencia
no proceso de recuperación económica na súa dobre dimensión de xestión técnica
e de interlocución para o seu seguimento e control, o vindeiro ano a Xunta
reforzarase nun dobre plano: no plano técnico, ampliarase o período de
mobilidade voluntaria e incentivada dos funcionarios para sectores prioritarios
coma este; e no plano estratéxico, reformarase o nivel de dirección estratéxica
de todas as Consellerías para favorecer o seguimento e control dos fondos.
En resumo, a
Xunta presenta hoxe os orzamentos máis altos da súa historia para trasladar ás
persoas e ás empresas unha política útil. Estes presupostos buscan superar os
niveis de riqueza previos á pandemia e apoiar ás familias e aos sectores
económicos, baixan de novo os impostos, reforzan o gasto social e o
investimento produtivo, controlan a débeda co menor gasto en xuros, blindan as
infraestruturas sanitarias, modernizan os servizos públicos e volven á senda do
crecemento san.