O PSOE marxina e abandona proxectos esenciais para a provincia de Ourense

 

Esta mañá, na sede ourensá comparecimos en roda de prensa os representantes do Partido Popular pola provincia de Ourense no Congreso, Ana Vázquez e Celso Delgado, e no Senado, Miguel Viso e Francisco José Rodríguez, para valorar  o proxecto orzamentario presentado polo executivo de Pedro Sánchez para 2022.

Difundimos ao remate unha nota que titulamos: "O PSOE marxina e abandona proxectos esenciais para a provincia de Ourense" e subtitulamos: "Os representantes populares no Congreso e no Senado cualifican de escandaloso o abandono das autovías A-56 (Ourense-Lugo) e da A-76 (Ourense-Ponferrada)" e "Critican que tampouco aparezan consignacións para as obras pendentes de executar na estación intermodal de alta velocidade da capital"

Dicimos na nota de prensa difundida ao remate: "Os orzamentos para 2022 consignan para a provincia de Ourense preto de 157,5 millóns de euros, dos que 55,4 millóns corresponden a investimentos dos distintos ministerios e 102 millóns ás sociedades. Uns datos que aínda que recollen unha suba con respecto aos orzamentos de 2021 (123,5 millóns de euros) “deixan ver que as sumas consignadas para o vindeiro ano son insuficientes para abordar as necesidades da provincia”. Neste sentido, abondou Celso Delgado, “as diferenzas con respecto aos gobernos populares son evidentes, xa que Ourense recibiu 414,7 millóns de euros nos OXE de 2018, elaborados polo Goberno de Mariano Rajoy”.

Por capítulos, esta é a análise que fan os representantes do PP sobre o proxecto dos Orzamentos Xerais do Estado de 2022 para a provincia:

ESTRADAS

Destaca en primeiro lugar o escándalo que supón o abandono polo goberno de Pedro Sánchez das autovías A-56 (Ourense-Lugo) e da autovía A-76 (Ourense-Ponferrada).

 No caso da A-56, o Goberno socialista só consigna para o primeiro tramo da variante norte entre Eirasvedras e Quintela a reducida contía de 2 millóns de euros, que é unha cifra interior en 3 millóns á que estaba prevista na folla orzamentaria dos PXE 2021. A consignación mínima esixible para unha estrada que debe estar en obras o próximo ano tería que chegar aos 5 millóns.


Ademais, as contas de 2022 só inclúen para o seguinte tramo da variante de Ourense, Quintela-A Casilla, a pírrica suma de 100.000 euros, o que acredita o nulo interese por sacar a licitación as obras dun proxecto que xa está finalizado.

Máis lamentable é que para os restantes tramos ourensáns da A-56, os que van desde A Casilla-Cambeo-Sanmartiño, a consignación é de tan só 100.000 euros. E peor parados saen os tramos lucenses desta autovía, que desde A Barrela ata Guntín carecen de consignación.

Para a autovía A-76, no tramo entre A Veiga de Cascallá e O Barco de Valdeorras –“que se existira vontade política podería estar licitado desde 2019”-, tan só se consigna a mísera cantidade de 100.000 euros. O mesmo sucede co tramo A Veiga de Cascallá-Requejo que recibe idéntica suma. En total, a A-76 recibe nas tres provincias polas que discorre 500.000 euros, “un desprezo absoluto a Valdeorras”.

Na conexión entre as estradas N-120 e N-536, tramo Sobradelo-O Barco de Valdeorras, o proxecto de PXE para 2022 consigna case 22,9 millóns de euros, pero o certo é que vén ser practicamente a mesma suma que se consignou nos OXE de 2021 (22,8 millóns) que van quedar na súa inmensa maioría sen gastar, “e iso por canto como viñemos denunciando, as obras atópanse paradas desde hai meses”. Está executado tan só un 8,3 % dunhas obras que se iniciaron en setembro de 2019 e que contractualmente deberían estar concluídas en 2022.

Non se recollen partidas específicas para outras actuacións demandadas na N-120 como os carrís de adiantamento desde o alto da Guítara ata Ourense, o enlace de acceso na Rúa e a remodelación de accesos en Vilamartín de Valdeorras. Tampouco hai cartos para o proxecto de trazado de mellora da seguridade vial na intersección de Ribela, na N-525.

Tampouco se recollen partidas para bonificacións na AP-53, a autoestrada estatal de conexión entre Santiago e Ourense, “que ten as peaxes das máis caras de todo o Estado e sobre a que non se aplica ningún tipo de desconto aos usuarios”.

FERROCARRIL

En materia ferroviaria constátase a ausencia de consignacións específicas para as obras pendentes de executar polo ADIF na estación intermodal de Ourense: o crecemento do edificio de viaxeiros, as escaleiras mecánicas, as pasarelas previstas sobre as vías, a praza exterior, as actuacións de permeabilidade entre os dous barrios, etc. Todas estas actuacións deben ser obxecto de licitación antes de que remate 2021.

Os representantes ourensáns anunciaron que reclamarán, vía emenda, una partida para o estudo da construción dunha estación de mercadorías no polígono de San Cibrao das Viñas.

Respecto da variante exterior de Ourense (Taboadela-Ourense) aparece dotada con 22,7 millóns de euros. É unha suma inferior aos 29 millóns que aparecen nos OXE de 2021, dos que so está previsto por ADIF-AV que se gasten máis de 9,1 millóns. En definitiva, a dotación vén do que non se executou no presente ano.

Os parlamentarios agardan coñecer durante a tramitación no Congreso cal é o detalle das actuacións que aparecen nun novo epígrafe tanto de ADIF, como de ADIF-AV, chamado “Red TEN-T”.

“Celebramos as consignación para mellorar as vías entre Ourense e Monforte de Lemos, pero seguimos a considerar imprescindible a recuperación polo ADIF do proxecto da variante de 12 quilómetros entre Os Peares e Canabal” que é imprescindible para acurtar o tempo da viaxe entre Lugo e Ourense en 11 minutos.

MINISTERIO DE TRANSICIÓN ECOLÓXICA

Advirten os deputados que non aparece unha consignación específica para o proxecto máis importante que debe acometer a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil en Ourense que é a “Finalización do saneamento do río Barbaña e mellora da EDAR de San Cibrao das Viñas. Fase II”. Un proxecto de extraordinaria necesidade por afectar a un río nun estado ecolóxico deficiente e que ten unha enorme contía económica: 29.778.812,31 de euros, dos que 14.889.406,18 está previsto que sexan financiados por fondos da Unión Europea.

CONFEDERACIÓN HIDROGRÁFICA DO MIÑO SIL

Un ano máis se reproduce nos OXE para 2022 unha partida de 2 millóns de euros para a nova sede central da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, “que segue sen materializarse pois levamos máis de tres anos sen que o organismo de conca atope o solar ou edificio cuxas características se adapten ás necesidades reais requiridas e que sexa idóneo en localización, superficie, prezo e accesibilidade”.

CULTURA

Resulta razoable a consignación de 3 millóns para a rehabilitación arquitectónica do antigo Pazo Episcopal, o Museo Arqueolóxico de Ourense.

INTERIOR

“Celebramos a consignación no orzamento da Garda Civil de 286.000 euros para obras, pero botamos en falta as mesmas consignacións para investimentos en dependencias da Policía Nacional e no Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar”.

VALORACIÓN DOS INVESTIMENTOS EN GALICIA E CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE AS CONTAS.

“O executivo central segue a investir menos en Galicia que Mariano Rajoy, pois a prioridade deste goberno é Cataluña, unha comunidade á que pertencen os socios políticos de Pedro Sánchez e que apoian a súa continuidade na Moncloa”, dixo pola súa banda a deputada Ana Vázquez á hora de analizar os investimentos en Galicia e as contas xerais para 2022. Porcentualmente, “Galicia continúa estando un punto por baixo do último orzamento aprobado polo PP en 2018 -9,3 % fronte ao 8,3% actual-, “unhas contas que permanecen moi afastadas do que foi a media de investimentos na nosa comunidade nos últimos anos, que rondaba o 11 % e mesmo chegou ao 13,80 %”.

Nun momento no que os fondos comunitarios enchen de recursos os OXE, “Galicia non debería contar con consignacións ridículas como as que se destinan a moitos proxectos, abocándoos ao abandono”, engadiu Vázquez, que destacou que se trata “duns orzamentos falsos que parten dun cadro macroeconómico que non se pode cumprir, crean unha nova suba fiscal monumental para empresas e particulares, castigan o aforro, aumentan desmedidamente o déficit e descontrolan o gasto público”.

Este proxecto económico “esconde subas de impostos que teñen comprometidos con Bruxelas: peaxes, suba do diésel, cotizacións sociais etc, ata que se presente o informe de expertos o próximo ano”. Incidiu a deputada que “non hai orzamentos de Sánchez sen subas de impostos, consolidándose no 2022 todos os machadazos fiscais de 2021, entrando en vigor os tramitados ao longo deste exercicio, penalizando os plans de pensións privados e incorporando tanto o mínimo do 15 % no Imposto de Sociedades como o imposto de matriculación que subirá en xaneiro”.

Os OXE de 2022 incorporan 27.633 millóns en fondos europeos, “pero de pouco servirán se o grao de execución é tan baixo como o que levan neste exercicio”. De feito, a 31 de agosto de 2021, o Goberno tan só executou o 22,4 % dos fondos europeos que se orzamentaron hai un ano. Esta porcentaxe sería mesmo menor se se ten en conta que boa parte das transferencias realizadas non se materializaron aínda en investimentos reais"

 https://www.google.com/amp/s/www.cope.es/emisoras/galicia/ourense-provincia/ourense/amp/noticias/psoe-margina-abandona-provincia-ourense-los-presupuestos-del-estado-2022-20211015_1559708


https://www.laregion.es/articulo/ourense/pp-ourense-clama/202110151255401072313.html


https://www.osil.info/os-deputados-ourensans-do-pp-no-congreso-critican-o-abandono-da-a-76-ponferrada-ourense/

https://www.farodevigo.es/ourense/2021/11/09/pp-reclama-gobierno-91-millones-59317049.htmlhttps://www.farodevigo.es/ourense/2021/11/09/pp-reclama-gobierno-91-millones-59317049.html



 

¡

 

 

Con la tecnología de Blogger.