“O PSOE e Vox non queren traspasar a AP-9 a Galicia e o BNG pretende que os galegos paguen por ela”

Como escribía neste Blog, o pasado 16 de xuño os deputados galegos do Grupo Parlamentario Popular rexistramos no Congreso dos Deputados as emendas á Proposición de Lei Orgánica de transferencia da titularidade e competencias da AP-9 a Galicia. 

Unhas emendas que pretenden evitar que a transferencia se converta nunha carga económica para a Administración autonómica e que esta teña que asumir cuestións como o custo das bonificacións ou o financiamento das obras necesarias, na súa maior parte programadas e comprometidas desde hai anos. En definitiva unhas emendas encamiñadas a preservar e defender  por encima de todo, os lexítimos intereses dos galegos.

Unha gran sorpresa foi as emendas do PSdeG que non queren transferir a titularidade da AP-9, simplemente as de administración e explotación da infraestrutura.

Tamén sorprendeu a ausencia de emendas do BNG para mellorar o texto.

Hoxe o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, mediante unha nota de prensa, lamentou que, “como evidencian as emendas dos grupos parlamentarios no Congreso á transferencia da AP-9 a Galicia, o PSOE e Vox non queren que se faga efectivo o traspaso mentres ao BNG parécelle ben que se leve a cabo sen ningún tipo de garantías de financiamento adicional.

“Os socialistas, do ganchete co partido de Santiago Abascal para evitar que os galegos sexan donos da autoestrada 42 anos despois de ser inaugurada; e os nacionalistas conformes co feito de que Madrid nos dea a AP-9 pero sen un euro para mantela, polo que serían os galegos os que pagaran o seu mantemento”, subliñou explicando que iso non é un traspaso senón unha compra con cargo aos orzamentos autonómicos: “Un gran negocio para Pedro Sánchez, un mal negocio para os galegos”. 

Pola súa parte, recoñeceu que o PPdeG quere a transferencia desta autoestrada pero insistirá en recibir os cartos necesarios para conservala en perfecto estado, engadindo que, nesa batalla, “parece que estamos sos como sos estamos na defensa xeral dos intereses de Galicia”.

Cómpre sinalar que, mediante as súas emendas, Vox manifesta que a AP-9 é un itinerario de interese xeral e non debe ser transferida, podendo afirmar que practicamente realiza unha emenda á totalidade, propoñendo soamente delegar na nosa Comunidade Autónoma as funcións de supervisión e inspección do correcto funcionamento da autoestrada.

Pola súa parte, o PSOE parte da base de que a transferencia comprometería a tramitación e a aprobación por parte da Administración Xeral do Estado das bonificacións de peaxe previstas, que estima en 50 millóns de euros ao ano. Neste sentido, a emenda supón unha rebaixa substancial das pretensións da proposición de lei aprobada no Parlamento de Galicia por unanimidade. Ademais, indican expresamente que o traspaso non pode implicar as modificacións dos ingresos previstos la Lei de Presupostos Estatais, polo tanto non se ten garantía algunha do financiamento das obras comprometidas e asociadas á autopista.

No caso dos nacionalistas, ao non presentar emendas, enténdese que renuncian á súa posición de sempre de que a transferencia tivera que implicar unha liberación total da peaxe, sen amosar preocupación algunha sobre as condicións nas que vén á Comunidade. En consecuencia, non están a defender o interese xeral de Galicia.

MESES BLOQUEADA

Hai que lembrar que a, malia que a Proposición de Lei da transferencia iniciou a súa tramitación polo procedemento de urxencia, o prazo para a presentación de emendas prorrogouse sucesivamente ata 15 veces. Foi grazas á presión mantida polos deputados do PP que se acadou que esa prórroga rematase o pasado martes 15 de xuño, logo de meses de bloqueo por parte do Partido Socialista e de Podemos-Galicia en Común.”


Con la tecnología de Blogger.