jueves, 17 de junio de 2021

Feijóo é proclamado como único candidato á Presidencia do PPdeG pola Comisión Organizadora do 17º Congreso

 

Coñecemos hoxe que Comisión Organizadora do 17º Congreso do PPdeG proclamou oficialmente a Alberto Núñez Feijóo como único candidato á Presidencia do Partido Popular de Galicia, tras ser avalado por 6.119 afiliados e logo de que ningún outro aspirante máis entregase as firmas necesarias nun prazo que remataba o día 16 de xuño.

Precisamente onte Feijóo presentaba a súa candidatura para seguir liderando a formación na nosa Comunidade, recoñecendo que todo o seu compromiso e experiencia están a disposición do seu partido e aclarando que se presenta “non polo que fixen, senón polo que queda por conseguir”.

Deste modo dáse inicio a unha campaña interna na que, aínda que nun formato máis reducido, o candidato presentará o proxecto político que propón para os vindeiros anos. Como xa avanzou, farao durante a celebración de catro Xuntas Directivas provinciais, comezando por Ourense, o día 21 de xuño; á que lle seguirá Lugo, o día 28; A Coruña, o día 29; e por último Pontevedra, o día 6 de xullo.

MELLORAR PARA SERVIR A GALICIA

O PPdeG está organizando un Conclave autonómico que será aberto, participativo e funcional coa vista posta, non só nos equipos que saian del, senón nas propostas de futuro que van poñer a disposición de Galicia, pois o obxectivo é que sexa a Comunidade a gran vencedora deste Congreso.

Así, ademais de renovar as ideas para facer fronte aos grandes retos que ten por diante a sociedade, tamén comeza un período de reactivación para poder configurar un proxecto competitivo cuxo seguinte reto electoral son os comicios municipais.

De feito, malia gañar eleccións, os populares apostan permanentemente por mellorar, actualizando a organización todos os días para adecuala ao que a xente espera deles e continuar sendo o partido que máis se parece a Galicia. Por este motivo, tanto os relatores das ponencias como os militantes deberán facer aportacións durante estas semanas para acertar nun ideario que debe ser reflexo do que os galegos precisan na próxima década.

Cómpre sinalar que ata o día 21 de xuño recolleranse os textos dos tres relatorios que se levarán ao Conclave, uns documentos que poderán ser consultados e emendados pola militancia e que buscan impulsar o modelo de baixada de impostos e defensa dos sectores industriais e produtivos, adaptar os servizos públicos ao contexto post-covid e incrementar as vías de participación coa formación.   

Trala celebración das asembleas para elixir aos compromisarios o 7 de xullo, finalmente o 17º Congreso autonómico terá lugar na cidade de Pontevedra o día 16 de xullo, cando os afiliados poderán aprobar os textos finais das ponencias, e o 17 de xullo, cando todos os inscritos poderán elixir ao presidente do PPdeG.