jueves, 17 de junio de 2021

O Consello da Xunta autoriza a contratación das obras de ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, por valor de 52,6 millóns de euros


O Consello da Xunta autorizou hoxe a contratación das obras de ampliación do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, cun investimento de preto de 52,6 millóns de euros.

A Xunta prevé licitar nos vindeiros días o contrato para a execución das obras, que comezarán a finais deste mesmo ano e terán un prazo de execución de 40 meses. Estas actuacións estarán cofinanciadas con fondos europeos FEDER.

O proxecto consta de tres intervencións: a construción dun novo edificio de hospitalización no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, a reforma do actual Hospital Materno Infantil e a mellora de accesos.

En relación ao novo edificio de hospitalización e ambulatorio terá unha imaxe coherente co edificio construído en 2017, constando de 12 plantas e dispoñéndose entre o oeste do antigo edificio Materno Infantil e o Hospital Cristal.

Estas instalacións, desde o andar -2 ata o segundo, destinaranse a usos fundamentalmente ambulatorios e desde a terceira ata a novena, dirixiranse a hospitalización.

Para a construción deste edificio será necesario realizar unha serie de obras previas, así como habilitar novos núcleos de comunicación. Así, modificarase a rasante da vía interior do CHUO e demoleranse elementos obsoletos como pasarelas, escaleiras ou unha franxa de 4 metros do andar cero do Hospital Cristal na súa fachada posterior.

Como reforzo aos núcleos de comunicación vertical, executarase un novo núcleo vertical no nexo de unión do antigo edificio de hospitalización e o central. 

Tamén se acometerá a remodelación interna no edificio de hospitalización existente para adaptar o núcleo de escaleiras actual. Ademais, desenvolverase a comunicación de urxencias co novo edificio en andar cero.

No caso do Hospital Materno Infantil, realizarase unha actuación integral que permitirá a súa posta en valor. Habilitarase unha área pediátrica con 38 camas, incluíndo 14 habitacións individuais para menores de 2 anos; unha área de neonatoloxía, con UCI pediátrica, zona de urxencias pediátricas e urxencias obstétricas; así como unha área de radioloxía; e 336 camas de hospitalización obstétrica e convencional.