viernes, 28 de mayo de 2021

Tellado anuncia a celebración do Congreso ordinario do PPdeG para os días 16 e 17 de xullo

 

Hoxe o secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, anunciou que a dirección do partido convocou á Xunta Directiva para o próximo martes, 1 de xuño, cun único punto na orde do día: a celebración do Congreso ordinario do PPdeG. Á espera da decisión que adopte o máximo órgano de decisión autonómico entre conclaves, a proposta é que se leve a cabo os días 16 e 17 de xullo.

Unha vez superado o Estado de Alarma, con practicamente un terzo da poboación vacinada e coas persoas máis vulnerables xa protexidas, manifestou que a súa formación considera que chegou o momento de retomar os procesos orgánicos que estaban pendentes no partido.

Nese senso, incidiu en que a data non é froito da casualidade, senón que xorde como resultado dunha conversa entre o líder do PPdeG e o presidente nacional, Pablo Casado, que elixiron o aniversario da última vitoria electoral de Alberto Núñez Feijóo para iniciar un calendario congresual que arranca co Partido Popular de Galicia e que actualizará os órganos de dirección nos diferentes estamentos provinciais e locais.

Como resaltou, ambos presidentes estiveron de acordo en esperar a que pasaran as restricións sanitarias, nun escenario de maior seguridade para poder realizar conclaves máis abertos e participativos. “Hai moito que puidemos realizar este congreso de forma telemática, pero pensamos que non pode ser un mero trámite interno. Debe ser unha celebración, un espazo de diálogo do partido coa súa militancia, un momento para o debate e a actualización de ideas e unha oportunidade para acompasar o partido a unha sociedade cambiante, en constante evolución”, engadiu.

Ademais, sinalou que este non será un conclave centrado nos nomes, senón principalmente nas ideas “para recoller o pulso da rúa, consolidar o noso proxecto e facer fronte aos grandes retos da sociedade post-pandemia”.

O CALENDARIO PARA ESCOLLER AO PRESIDENTE DO PPdeG

Á espera da decisión final da Xunta Directiva, o próximo martes 1 de xuño convocarase oficialmente o Congreso autonómico e todos os afiliados terán ata o 16 de xuño para inscribirse e participar. Segundo explicou o número dous dos populares galegos, ese mesmo día rematará tamén o prazo para a presentación de candidaturas a presidir o PP de Galicia.

A partir de aí, ata o día 21, recolleranse os textos dunha serie de ponencias, que poderán ser consultadas e emendadas pola militancia, e o 7 de xullo celebraranse as asembleas para elixir aos compromisarios.

Finalmente, o Congreso autonómico celebrarase o día 16 de xullo, cando os afiliados poderán aprobar os textos finais das ponencias, e o 17 de xullo, cando todos os inscritos poderán elixir ao presidente do PPdeG.