Feijóo subliña que o compromiso de Portugal co AVE Vigo-Porto é un importante acicate para que o Goberno de España priorice unha infraestrutura estratéxica para ambos países

 

Onte o titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou que o compromiso de Portugal co AVE Vigo-Porto é un importante acicate para que o Goberno de España priorice unha infraestrutura estratéxica para ambos países.

Logo dunha reunión mantida co primeiro ministro da República de Portugal, António Costa, Feijóo referiuse a esta infraestrutura como clave xa que permitirá unir todo o Eixe Atlántico, desde A Coruña ata Lisboa. “Agradecemos ao primeiro ministro a confirmación de que esta conexión sexa unha prioridade para incluíla nos fondos europeos e así conseguir o financiamento axeitado”, precisou, incidindo en que este apoio implica que as autoridades españolas tamén prioricen as súas inversións coa fronteira portuguesa, tanto para converter Vigo en estación pasante -cun proxecto duns 500 millóns de euros- como para, posteriormente, conectar a cidade olívica con Guillarei-Tui -un traxecto de arredor de 30 quilómetros- e unir definitivamente por vía férrea toda Galicia co norte e centro de Portugal, ata Lisboa.

Así mesmo, o responsable do Executivo autonómico trasladou ao primeiro ministro o interese dos alcaldes da zona de Vinhais e A Gudiña para levar a cabo a mellora das conexións viarias a ambos lados da fronteira, “tanto para vertebrar todo ese territorio como para utilizar a estación do AVE na Gudiña e poder así conectar as poboacións portuguesas cara a Galicia e Madrid”.

No tocante ás posibilidades que brindan os fondos europeos Next Generation para reactivar a situación económica, Feijóo referiuse ao proxecto relacionado coa automoción que ten presentado a candidatura galega, ademais de avaliar as sinerxías que neste eido poden desenvolver Galicia e o norte de Portugal.

E, en materia de transformación enerxética, destacou os traballos que tanto as empresas galegas como as do país veciño están a levar a cabo, co obxectivo de facer investimentos en Galicia e no norte de Portugal no ámbito das enerxías renovables.

Durante a xuntanza, ambos mandatarios abordaron tamén os fondos de cohesión e transfronteirizos. Ao respecto, lembrou que Galicia e o Norte de Portugal teñen conseguido 130 millóns nas últimas convocatorias do fondo POCTEP e confirmou que a Eurorrexión xa traballa en novos proxectos.

Nesta liña, referiuse ao proxecto transfronteirizo Interlumes que, cun investimento de 9 millóns de euros, conta coa creación nas proximidades da Serra do Xurés, en Verín, dunha moderna base de medios aéreos. “Estamos a falar dunha iniciativa que proporciona capacidade loxística desde o punto de vista de extinción de incendios por medios aéreos e terrestres, moi importante para as zonas castigadas polos lumes”.

Por último, Feijóo e António Costa avaliaron a situación que atravesa o turismo e a oportunidade que supón o Xacobeo 21-22. Non en van, 25 de cada 100 peregrinos que chegan a Santiago de Compostela fano a través dos dous Camiños portugueses.

Con la tecnología de Blogger.