jueves, 27 de mayo de 2021

O Parlamento de Galicia pide ao Goberno central que suprima a penalización fiscal ás herdanzas en vida

Onte o Parlamento de Galicia aprobou unha proposición non de lei do Grupo Popular, coa abstención dos socialistas galegos, a través da que se demanda ao Goberno de España que respecte a autonomía financeira e a capacidade normativa en materia tributaria de Galicia, en concreto que suprima o artigo da reforma da Lei do IRPF que declara como comportamento fraudulento toda venta dos bens recibidos a través dos pactos sucesorios en vida regulados no Dereito Civil de Galicia.

A proposición non de lei inclúe, ademais, a solicitude para que o Goberno central non chegue a acordos á marxe do Consello de Política Fiscal e Financeira e da Comisión Mixta de Transferencias Estado-Comunidade galega, como órganos multilaterais e bilateral para a adopción de acordos que afectan á capacidade financeira de Galicia e, por tanto, sen a participación da vontade da propia comunidade autónoma expresada, como sinala a propia normativa, a través dos seus representantes democráticos e lexítimos, isto é, a Xunta de Galicia.

IMPORTANCIA SOCIAL E HISTÓRICA

O noso Dereito Civil, recoñecido e amparado pola Constitución e o Estatuto, prevé os pactos sucesorios en vida, xa que se recoñece a posibilidade de practicar os pactos de apartación e mellora que permiten a recepción dunha herdanza en vida do causante. Son herdanzas que en vida permiten aos fillos independizarse ou poñer en marcha un negocio cando os pais lles transmiten hereditariamente, pese a non ter falecido, os bens que lle corresponderían na súa herdanza.

O portavoz popular, Pedro Puy, considerou “innecesario falar da importancia social e histórica dos pactos sucesorios en vida na sociedade galega”, que permiten a transmisión sucesoria en vida do causante de bens concretos aos herdeiros.

Neste sentido, o Goberno galego ten introducido desde 2016 rebaixas no imposto de sucesións e doazóns, que xa beneficiaron a máis de 135.000 persoas que recibiron bens por transmisión sucesoria en vida. “Estas accións teñen sido unha importante axuda social para os receptores, pero tamén está xerando unha actividade económica nun momento moi difícil”, apuntou.

Pedro Puy afirmou que “non estamos en contra da persecución do fraude fiscal, nin estamos a falar da tributación do imposto de sucesións”, pero advertiu que este debate “afecta á esencia do autogoberno de Galicia, porque se está cuestionando a capacidade normativa en materia de dereito civil galego e tamén se cuestiona a capacidade tributaria de Galicia”.

Para rematar, o portavoz popular lamentou que os socialistas galegos non apoiaran “que o Goberno central retire o texto que declara como comportamento fraudulento, que non admite proba en contrario, toda venta de bens recibidos a través dos pactos sucesorios en vida regulados polo Dereito Civil de Galicia, por tratarse dunha clara e inxustificada vulneración da autonomía competencial e financeira da Comunidade galega, así como do principio de lealdade institucional que debe presidir as relacións entre o Estado e Galicia”.



 

.