Santalices: “Cando se cumpren 40 anos da promulgación do Estatuto, homenaxear a Xeración Nós tórnase unha obriga inescusable”

Coincidindo coa data na que se celebran 40 anos da promulgación do vixente Estatuto de Autonomía de Galicia, o Pazo do Hórreo acolleu este mediodía o acto de entrega das Medallas do Parlamento de Galicia que nesta edición recaeron, por decisión unánime da Mesa da Cámara, na totalidade dos integrantes da Xeración Nós, os seus discípulos e colaboradores.

As medallas, entregadas polos presidentes do Parlamento e da Xunta de Galicia foron recollidas polas fundacións que, a día de hoxe, perpetúan a memoria de catro dos fundadores da revista Nós: Otero Pedrayo, Castelao, Losada Diéguez e Vicente Risco.

O presidente do Parlamento. Miguel Ángel Santalices Vieira, explicou que “cando se cumpren 40 anos da promulgación do vixente Estatuto de Autonomía, homenaxear a Xeración Nós tórnase unha obriga inescusable”.

Recordou Santalices que a Galicia actual puido acceder á súa autonomía e se blindou como comunidade histórica grazas ao Estatuto plebiscitado en 1936, un documento que “non tería sido tal sen a conciencia galeguista espallada por moitos, tamén pola xeración Nós”.

Cosmopolitismo e vangarda na Galicia de hai 100 anos

Con esta distinción, o Parlamento de Galicia quere recoñecer  o “cosmopolitismo, europeísmo e vangarda” que Nós achegou á cultura galega, “sempre coa lingua como bandeira, hai agora cen anos”.

Explicou Santalices que coa distinción entregada este mediodía, o Lexislativo galego rende tributo “á memoria, ao exemplo de integridade, coherencia e fidelidade a Galicia, e ao legado intelectual dos fundadores de Nós”, como Antón Losada Diéguez, Vicente Risco, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Arturo Noguerol, Florentino López Cuevillas e Ramón Otero Pedrayo. Tamén a Xavier Prado Lameiro, Ánxel Casal, Ramón Cabanillas e tantos outros –arredor de 200- que participaron no proxecto editorial da revista Nós. Un século despois da aparición do primeiro número, o presidente do Parlamento considerou que  esta publicación “resultou determinante para a posterior configuración de Galicia, como foran as Irmandades da Fala e como foi o Seminario de Estudos Galegos”.

Semente de galeguismo

“Uns e outros, desde Nós, espertaron e espallaron a semente galeguista que latía na cerna desta vella Gallaecia”, afirmou.

Trátase –agregou Santalices- dun “conxunto heteroxéneo de galegos bos e xenerosos que, nun tempo infinitamente máis difícil que o actual, foron quen de antepoñer a idea de Galicia a todo o demais”.

O presidente do Parlamento sinalou que os integrantes de Nós foron “auténticos heroes aos que debemos eterna gratitude por un sacrificio que apenas lles foi recoñecido en vida”. Recordou que “a guerra e a posguerra obrigaron a moitos dos colaboradores de Nós a pagaren un elevado prezo, nalgúns casos coas súas propias vidas”.

Lealdade a Galicia

Por iso, “fose desde a Galicia territorial, fose desde a Galicia exterior, uns e outros mantiveron a súa lealdade, e o servizo a Galicia é a causa galeguista”.

Santalices parafraseou a Churchill cando subliñou que “nunca tan poucos fixeron tanto por tantos”, malia a modestia material de Nós, unha revista concibida un serán do mes de San Xoán de 1920 en Pontevedra e que apenas tiraba entre 300 e 500 exemplares nun momento no que o analfabetismo roldaba o 50% en Galicia”.

Con la tecnología de Blogger.