Xuntanza en Vilamarín dos alcaldes e representantes das institucións integradas na Plataforma da autovía A-56, coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, garantiu hoxe que a Xunta demandará ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA) o impulso efectivo da autovía Ourense-Lugo, a A-56, como unha actuación “estratéxica e prioritaria para a vertebración de Galicia”.

Nunha a nota de presa consta que “A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, acompañada dos delegados provinciais  da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e en Lugo, Javier Arias, participou hoxe nunha xuntanza no concello de Vilamarín cos alcaldes e representantes das institucións integradas na Plataforma A-56.

No encontro, a conselleira trasladou que a Xunta comparte a preocupación dos concellos pola falta de avances na Autovía Ourense-Lugo, que foi planificada hai xa 18 anos e, sen embargo, só ten executado o 9% do investimento e arredor do 13% do trazado.

Trátase, dixo do eixe fundamental para comunicar as provincias de Ourense e Lugo, conectando no norte coa A-54 (Lugo-Santiago) e no sur coa A-52 (Autovía das Rías Baixas), vertebrando o interior da Comunidade e conectando unha poboación de 250.000 persoas coa Galicia Atlántica e a Meseta.

Ethel Vázquez lembrou que o único treito en servizo da A-56, o que une San Martiño coa Barrela, abriu ao tráfico o pasado mes de outubro despois de máis de 10 anos de obras e sen ofrecer en solitario ningunha funcionalidade aos concellos e veciños da contorna.

Lembrou a xuntanza mantida pola Plataforma co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o pasado outono, no que o Goberno galego manifestou a súa inquedanza pola falta de progresos desta infraestrutura, unha preocupación agudizada tras a presentación dos Orzamentos do Estado para 2021, que non conteñen partidas para impulsar novos treitos.

A conselleira asegurou que o Goberno galego apoia a posición dos concellos, que consideran necesario priorizar os treitos de San Martiño-Cambeo, polo sur, e do intercambiador de Guntín, polo norte.

Xunto con isto, apuntou que a cidade de Ourense agarda desde o ano 2018 que se cumpra o compromiso adquirido coa cidade de licitar as obras do treito Eirasvedras-Quintela, correspondente coa Variante Norte da urbe.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade asegurou que na xuntanza que terá lugar o vindeiro mes de abril co ministro de Transportes, José Luis Ábalos, a Xunta demandará avances reais e efectivos na Autovía Ourense-Lugo, así como axilidade para rematar as obras da A-54 (Lugo-Santiago) e un compromiso de que o Goberno vai actuar “sen retrasos nin recortes” para conectar Lugo coa alta velocidade ferroviaria."

A miña valoración deste encontro entre a Xunta e as institucións integradas na Plataforma A-56 desta xuntanza é moi positiva, por necesaria e oportuna.

Lembro agora a entrada publicada neste Blog o 5 de marzo de 2021 que titulaba "Os deputados do PP por Ourense e Lugo expresan a súa indignación polo “absoluto abandono e particular desprezo” do Goberno á autovía A-56" 

 http://www.celsodelgado.gal/2021/03/difundimos-hoxe-esta-nota-de-prensa-que.html

Daquela, em nome dos deputados ourensáns e lucenses, eu denunciaba que o Goberno “está a furtar e agochar información con respostas que evitan calquera compromiso, condenando a esta autovía ao esquecemento e convertendo os 8,8 quilómetros do tramo San Martiño-A Barrela, inaugurado o 23 de setembro do pasado ano, nunha mera illa”.

O abandono da A-56, engadía , confirmouse coa aprobación dos orzamentos xerais do Estado para 2021, “nos que só figura unha ínfima consignación de 250.000 euros para o tramo Eirasvedras-Quintela; 100.000 máis para o proxecto Quintela-A Casilla e a mesma cantidade para o tramo A Casilla- Cambeo- San Martiño”. Aínda máis grave, dixo, “e a falta de consignación orzamentaria algunha para os tramos lucenses, incluído o necesario intercambiador das autovías A-54 e A-56 en Guntín”.




Con la tecnología de Blogger.