lunes, 15 de marzo de 2021

Pedro Puy critica ao Goberno central polo reparto dos fondos europeos para a loita contra a pandemia, que non se achegan ao que lle correspondería polos criterios de financiamento autonómico ou poboación

 

Da actualidade política de hoxe saliento a interebción en rolda de prensa do portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, quen afirmou, ao cumprirse un ano do primeiro confinamento motivado pola expansión da Covid-19, que a situación actual da pandemia “nos pode facer sentir tranquilos sobre a evolución futura, responsables seguindo as indicacións dos expertos e satisfeitos porque o proceso se poida desenvolver ben pola profesionalidade do persoal sanitario, a capacidade de organización da administración e o propio civismo da sociedade, que acode ás vacinas dun xeito responsable e sen incidentes”. Porén, amosou a preocupación polo reparto que está a facer o Goberno central dos fondos europeos, porque “sempre aparece algún criterio que fai que Galicia reciba por baixo do que lle corresponde por financiamento autonómico ou por poboación”.

Pedro Puy lembrou que “levamos un ano facéndolle fronte en Galicia a unha pandemia sanitaria, durante a que tomamos moitas decisións que permitiron situar a Galicia por baixo da media de afectación, tanto a nivel sanitario, social como económico”. “A experiencia acumulada debe servirnos para que manteñamos a máxima precaución e seguir as recomendacións que nos fan desde os comités médicos e sanitarios, porque estamos nun momento no que as vacinas permiten ver unha saída ao final do túnel”, manifestou.

CAPACIDADE PARA POÑER VACINAS

“Estamos a ver que Galicia ten capacidade para poñer vacinas nun tempo relativamente rápido a grandes cantidades de poboación”, salientou o portavoz popular, quen lamentou que “os procesos de fabricación das vacinas van máis lentos do previsto”. Porén, dixo que “temos o consolo de que, gracias á Unión Europea, estes procesos de vacinación teñen unha compoñente social: se vacina a quen ten máis necesidade e a través do sistema público”.

De cara ao futuro, o portavoz popular considerou “moi probable que a principal secuela desta pandemia teña que ver co ámbito económico e social”. Neste sentido, salientou que “o comportamento de Europa tamén foi exemplar co reparto dos fondos aos países máis afectados pola pandemia”, situando a España como un dos principais países receptores destes fondos.

Neste sentido, Puy amosou “certa preocupación polo desenvolvemento do marco de reparto destes fondos en España”, porque “imos vendo que se reparten de tal xeito que sempre aparece algún criterio que se aparta da habitual distribución dos fondos autonómicos ou do mero reparto por poboación”. Así, lembrou que no último reparto polo Goberno central de 11.000 millóns de euros para autónomos, pequenas e medianas empresas, e hostalería, dos que 7.000 van directamente ás comunidades autónomas, “a cantidade concedida a Galicia non é equivalente polo que lle correspondería por financiamento autonómico nin por poboación”.

EXPECTANTES E PREOCUPADOS

Pedro Puy tamén lembrou, no ámbito da automoción e a construción dunha planta de baterías eléctricas, que o Goberno central decidiu anunciar unha planta en Cataluña, sen que rematase o período de presentación de proxectos nin se coñezan os criterios de elección”. “Galicia ten capacidade para absorber este investimento: contamos cunha empresa tractora de referencia, que está a desenvolver vehículos eléctricos nas dúas liñas de produción, que ten apoio tanto da industria auxiliar e o compromiso da Xunta para levar adiante os proxectos de electrificación de vehículos”, explicou.

“Esta situación nos fai estar expectantes, preocupados e demandantes de criterios de reparto claros” dos fondos europeos por parte do Goberno central, “criterios que teñan unha mínima concorrencia que implica que non se coñeza o resultado da elección antes de que se presenten os proxectos”.

Cuestionado sobre a rebaixa da peaxe da AP-9, Puy valorou “positivamente” esta decisión, que foi un dos asuntos abordados na recente entrevista que celebraron o Presidente da Xunta e o ministro de Transportes. “Esta liña de traballo construtiva é a máis positiva”, subliñou, para engadir que “esperamos que esta medida se concrete e finalmente os usuarios teñan acceso a esas rebaixas para facilitar a propia reactivación económica”.