O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe por unha descentralización controlada e unha cogobernanza dos fondos europeos Next Generation, para axilizar a reactivación da economía.
Durante a súa participación, xunto co presidente da rexión de Nova-Aquitania, Alain Rousset, no encontro en liña Miradas Cruzadas. Alianzas público-privadas e retos dixitais e medioambientais: o papel das rexións, Feijóo pediu, deste xeito, crer máis na xestión eficaz das comunidades, para poder xestionar os fondos de acordo co calendario da Comisión Europea para a recuperación.
“Creo que as rexións debemos ter un peso determinante, porque xestionamos de forma directa nos territorios, coñecemos moi ben os nosos sectores económicos e somos máis áxiles e eficaces que a estrutura burocrática do Goberno central”, abundou, demandando, ademais, unha maior axilidade na selección dos proxectos, mediante sistemas de concorrencia competitiva para, entre outros aspectos, non solapar proxectos entre comunidades.
Así mesmo, incidiu na importancia da colaboración público-privada para afrontar os desafíos dixitais e medioambientais, así como conseguir que os fondos cheguen ás pequenas e medianas empresas.
Sobre este segundo punto, recordou que Galicia preparouse para a xestión dos Next Generation coa aprobación, no Parlamento, dunha Lei de simplificación administrativa, cuxo obxectivo clave é a xestión -“con rigor, pero con celeridade”- dos fondos, respondendo nun máximo de 90 días aos procedementos que a Comunidade teña que resolver.
“E tamén constituímos un comité de expertos formado por empresas, universidades e organizacións empresariais, para avaliar que proxectos temos que presentar aos fondos”, engadiu.
Ao longo da súa intervención, Feijóo insistiu na importancia de que neste comité, ademais das grandes empresas, estean representadas as medianas e pequenas empresas, co fin de desenvolver foros nos distintos sectores estratéxicos -biotecnolóxico, cadea agro-mar-industria, automoción, etc.- que permitan coñecer e avaliar proxectos necesarios para a nosa economía.
Nesta liña, o titular da Xunta expuxo a importancia da unión das pemes en clúster que trasladen á Administración autonómica os seus intereses. E destacou a utilidade do traballo feito neste último ano de pandemia, “porque a través dunha especie de auditoría focalizamos todo aquelo que Galicia podería facer desde o punto de vista da sustentabilidade, a dixitalización ou a fábrica 4.0; todo o potencial instalado na economía galega”, dixo, facendo fincapé na importancia de que as pemes participen nos macroproxectos dos fondos europeos.