domingo, 14 de marzo de 2021

Vendo o esplendor da restaurada Catedral de Santiago de Compostela

Onte sábado, unha vez finalizada a reunión a que asistín en Compostela, caminei desde San Francisco ata a Praza da Quintana. Unha vez alí entrei pola Porta Santa para ver a Catedral restaurad, 800 anos despois da súa construción.

Qué marabilla, ver recuperada a luz e as cores que o tempo escurecera e o esplendor das fachadas.

Magnífico o novo sistema de iluminación do templo que enxalza o seu interior, así como a renovación dos bancos e da sillería. 

Estamos sen súbida ante unha das maiores actuacións realizadas nun ben declarado Patrimonio Mundial pola UNESCO nos últimos anos.

Lembremos que este proxecto, que comezou en 2009 coa aprobación do Plan director do conxunto catedralicio, iniciouse como un reto de país e converteuse nun éxito colectivo tanto a nivel técnico como de xestión. 

Un éxito técnico grazas ao labor de todos os profesionais que participaron nel; e un éxito de xestión grazas ao impulso conxunto do Arcebispado, o Cabido, a Fundación Catedral, e as Administracións que uniron forzas.

Agardemos que pronto rematen as limitacións de mobilidade impostas pola pandemia. e así sexa posible que a Catedral  reciba a milleiros de visitantes, e que aproveitemos a prórroga concedida polo Papa Francisco, que permitirá converter este Ano Santo nun evento inédito que se prolongará durante dous anos.