sábado, 13 de marzo de 2021

Feijóo reivindica a aposta de Galicia por un Goberno único, unido e disposto a afrontar a pandemia sen conspiracións nin deslealdades



Asisto hoxe en Santiago de Compostela ao Comité Executivo do PPdeG, no que o líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou a decisión que os galegos tomaron en xullo de 2020, cando optaron pola responsabilidade fronte o populismo e a fragmentación. Deste modo -aseverou- Galicia apostou por un Goberno único, unido e disposto a afrontar a pandemia sen conspiracións nin deslealdades, acertando ao non dar espazo a aqueles que dicían que viñan a sumar co PP, pero en realidade querían dividir o voto e restar desde os Executivos.

O presidente tamén asegurou que entende aos cidadáns que senten un profundo desencanto coa política actual, sinalando que España non precisa a gran parte dos políticos que hoxe se ven no noso país. Nese senso, expresou que non merecemos dirixentes que cren que a política é un taboleiro de xadrez, que dicían que viñan rexenerala e practican a política máis decadente, que nun dos peores momentos alentan á división e ao caos e que en medio dunha pandemia ocupan o seu tempo en intrigas e manobras: “España non merece un partido que di estar ao mando do Goberno español e que presenta tres mocións de censura de forma continuada na mesma mañá”.

Por iso, celebrou que a deslealdade non teña premio en Murcia, alegrouse de que Juanma Moreno e Alfonso Fernández Mañueco blindasen uns gobernos ante calquera intriga e desexou para Madrid un executivo estable, unido, maioritario e libre de conspiracións como o que temos na nosa Comunidade. 

Do mesmo xeito, prometeu dedicarse á política con maiúsculas e a seguir traballando para que o PPdeG sexa un faro no que mirarse “de estabilidade, responsabilidade, madurez e dos intereses xerais de Galicia, que son coincidentes cos de España”.

DEFENDER OS INTERESES DA COMUNIDADE

Durante a súa intervención no Comité Executivo do PPdeG incidiu en que o seu partido leva catro décadas coa única folla de ruta de defender os intereses da Comunidade, explicando que isto non se fai copiando o modelo do independentismo vasco e catalán, convertendo a un partido galego nunha franquicia de Bildu, de Esquerra ou da CUP en Galicia nin convertendo o Bloque Nacionalista Galego no Bloque independentista Galego, ou cun proxecto político que só consiste en dicirlle que si a todas as propostas de Pedro Sánchez como fan os socialistas galegos.

Segundo apuntou, non se pode aceptar que se discrimine a Galicia nos Orzamentos, que se baleire de carga de traballo ao noso sector naval público, unha política enerxética errada ou que se poñan en perigo as empresas do dominio público marítimo terrestre. “Aqueles partidos que lle digan que si a todo isto converteranse nunha sucursal do PSOE que non serve a Galicia e non representa os intereses lexítimos dos galegos”, subliñou.

UN GOBERNO QUE SE ANTICIPA, DECIDE E EXECUTA

Como lembrou no seu discurso, hai xusto un ano a Xunta tomou a que quizá sexa a decisión máis importante da historia da Autonomía e declaraba a emerxencia sanitaria, anticipándose, decidindo e executando mentres o Goberno central discutía e dubidaba.

Ademais, o presidente recoñeceu que o Executivo autonómico tomou decisións moi duras pero sempre cuns principios moi claros baseados en dar toda a información, contarlle a verdade á xente e, sobre todo, protexer a vida e a saúde dos galegos. Igualmente, salientou o esforzo de Galicia polo seu entendemento, responsabilidade e xenerosidade nestes duros meses.