No debate da proposición de lei do Parlamento de Galicia sobre a transferencia da AP-9 á Comunidade galega

O vicepresidente do Parlamento e deputado do Grupo Popular, Diego Calvo, asegurou esta tarde no Congreso, no debate da proposición de lei sobre a transferencia da titularidade e competencias da AP-9 á Comunidade galega, que a Xunta “pode xestionar esta autoestrada con maior eficacia do que o está facendo o Estado, porque coñece o territorio, está máis próxima ás necesidades e ás realidades dos usuarios”. 

Diego Calvo lembrou que a proposición de lei é “unha demanda unánime do Parlamento de Galicia, que ata en tres ocasiones aprobou a tramitación desta lei de transferencia da AP-9”. “Os tres partidos con representación na Cámara autonómica facemos causa común desta proposición de Lei, un obxectivo de país, unha demanda de Galicia, que transcende e supera as diferenzas ideolóxicas e nosas habituais discrepancias”. 

ASPIRACIÓN LEXÍTIMA

“Expomos unha aspiración lexítima, unha cuestión que encaixa perfectamente na Constitución e no Estatuto de Autonomía de Galicia, e que parte dunha comunidade autónoma que exerceu o seu autogoberno con lealdade”, engadiu. Neste sentido, afirmou que “só aspiramos a mellorar, mediante unha xestión directa, a relación entre os cidadáns, as empresas e o territorio de Galicia coa nosa principal arteria de comunicación”. 

O deputado popular lamentou que “este mes de xaneiro, por cuarto ano consecutivo, a AP-9 foi a autoestrada que máis incrementou as súas peaxes en toda España”, #ante o que asegurou que “dificilmente un goberno galego habería autorizado unha subida de peaxes tendo sobre a mesa un informe do Consello Consultivo advertindo que esa subida era nula de pleno dereito”. 

“É tempo de lembrar que a Autoestrada do Atlántico é un patrimonio dos galegos e non a propiedade privada dunha sociedade concesionaria que fai valer de forma impecable non só os seus dereitos, senón tamén os seus intereses”, manifestou. Esta situación, anotou, “impediu que, tres anos despois de comprometerse, a peaxe de Redondela siga sen liberarse, que o pasado 1 de xaneiro aplicásese unha nova subida extraordinaria e que se freasen as bonificacións comprometidas”.

Por último, Diego Calvo incidiu que “nada nesta autoestrada fai que teña consideración estatal, pois discorre pola nosa comunidade, non dá acceso a ningún territorio fronteirizo e non comunica con ningún porto nin aeroporto de titularidade nacional”. Con todo, sinalou que “é precisamente a súa titularidade estatal a que dificulta a execución de obras moi necesarias para Galicia que, debido á afectación desta vía e á nula resposta por parte do Goberno central ás solicitudes de permisos e autorizacións remitidos pola Xunta, ven dilatados no tempo co consecuente prexuízo para os galegos”. 

XESTIÓN MÁIS XUSTA E SENSIBLE CO TERRITORIO

Pola súa banda, o deputado PP no Congreso Celso Delgado defendeu o voto afirmativo do Grupo Popular a esta proposición de lei porque “vén apoiada pola unanimidade do Parlamento galego, e ten pleno amparo na Constitución e o Estatuto de Autonomía”.

Na súa intervención no Pleno do Congreso, lembrou “a titularidade autonómica dá AP-9 permitiría ao Goberno galego dispoñer dunha ferramenta que permita unha xestión da autoestrada máis xusta e máis sensible co territorio que vertebra e a poboación á que dá servizo”. 

Delgado dixo que “no contexto actual, esta proposición de Lei Orgánica é máis oportuna que nunca, pois a concesionaria AUDASA mantén unhas peaxes desorbitadas, que limitan o acceso a esta vía ás persoas con menos recursos, lastran as economías familiares e a competitividade dos sectores económicos galegos. 

O deputado popular demandou axilidade ao Goberno central para que “faga efectivo de inmediato a gratuidade do tramo Vigo-Redondela, suprima xa a abusiva taxa anual  acumulativa do 1 por cento das peaxes desde 2018 e durante 20 anos, e implante con urxencia as bonificacións de peaxes para os usuarios, para o que hai 50 millóns de euros consignados nos orzamentos do Estado para 2021”.


https://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2021/02/02/tres-partidos-llegan-separado-defender-traspaso-galicia-ap-9/00031612273138692528714.htm

https://www.farodevigo.es/galicia/2021/02/02/congreso-acepta-tramitar-ley-gallega-33870337.html

https://www.abc.es/espana/galicia/abci-congreso-primer-paso-hacia-ap-9-gestionada-galicia-unica-negativa-202102021835_noticia.html?ref=https:%2F%2Fwww.google.com%2F

https://www.economiadigital.es/galicia/politica/ap-9-vox-rechaza-la-transferencia-para-no-favorecer-el-nacionalismo-de-feijoo.html

https://www.elespanol.com/quincemil/articulos/actualidad/la-transferencia-de-la-ap-9-a-galicia-avanza-en-el-congreso-con-el-unico-no-de-vox

https://www.elcorreogallego.es/galicia/el-congreso-levanta-las-barreras-para-el-historico-traspaso-de-la-ap-9-a-galicia-DC6242603


Con la tecnología de Blogger.