O PP reclama ao Goberno a apertura de máis pasos fronteirizos con Portugal na provincia de Ourense


Hoxe os deputados do Partido Popular pola provincia de Ourense, Ana Vázquez e Celso Delgado, pedimos no Congreso a comparecencia urxente do director xeral da Policía, Francisco Pardo, para que explique se o Goberno ten previsto facilitar a mobilidade dos traballadores transfronteirizos abrindo novos pasos entre a provincia de Ourense e Portugal, unha medida que consideramos absolutamente necesaria xa que a día de hoxe estes traballadores só poden transitar entre a provincia e o país veciño a través do paso de Feces de Abaixo, en Verín.

Na nota de prensa que difundiu o PP de G dise: “Debido á grave crise sanitaria que asola Portugal pola Covid-19, o Goberno luso mantén pechadas as fronteiras con España desde o 31 de xaneiro, só permitindo a entrada ao país aos traballadores transfronteirizos, ou ben por causas de forza maior ou situación de necesidade acreditadas documentalmente, restricións que non se aplican ao tránsito de mercadorías.

Como consecuencia da decisión do executivo portugués, na actualidade só están habilitados 13 pasos entre España e Portugal, nunha fronteira que ten 1.214 quilómetros de lonxitude e percorre sete provincias. Ourense é o territorio español con máis quilómetros fronteirizos -219- e hoxe tan só está habilitado o paso entre Verín e Chaves.

Esta situación, explica a deputada Ana Vázquez, “está a ocasionar un impacto económico moi negativo entre os habitantes da raia, con perdas elevadas aos industriais e comerciantes dun lado e outro da fronteira e ocasionando graves problemas aos traballadores transfronteirizos que, en ocasións, teñen que percorrer máis de 150 quilómetros para cruzar por un paso aberto”.

Os deputados populares poñen como exemplo o que está a acontecer nas comarcas ourensás da Baixa Limia, A Limia, O Ribeiro e Terras de Celanova, onde empresas do sector da madeira, traballadores de servizos e transportistas teñen que facer máis de 100 quilómetros para cruzar a raia, cando como mínimo dispoñen de pasos fronteirizos intermedios nos seus territorios, como Lindoso, Montealegre ou Pontebarxas.

Ante esta situación e ao igual que fixeran en marzo de 2020, días despois da declaración do primeiro estado de alarma e do peche da fronteira con Portugal, Ana Vázquez e Celso Delgado piden ao Goberno a apertura de máis pasos que faciliten a mobilidade dos traballadores transfronteirizos, da actvidade empresarial e o tránsito de mercadorías.

“PRECARIAS” CONDICIÓNS DE TRABALLO DOS POLICÍAS FRONTEIRAS.


Na iniciativa parlamentaria, o PP tamén pedirá explicacións ao director xeral da Policía pola “precariedade nas condicións de traballo que están a sufrir os policías que prestan servizo nos pasos fronteirizos”, sinala Ana Vázquez.

Así, afirma a deputada, “ver aos axentes resgardándose do forte temporal de chuvia e vento baixo parasoles de praia é unha imaxe impropia do século  XXI”, situación á que engade “a ausencia dunha norma clara que aplicar nos controis, pois a prohibición de cruzar a fronteira é unha decisión do Goberno portugués, mentres en España a ministra de Asuntos Exteriores, Arancha González Laya, só indicou que os dous países estaban a ultimar unha limitación temporal da mobilidade”.


https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/2021/02/05/pp-reclama-pasos-fronterizos-abiertos-portugal/0003_202102O5C2999.htm



Con la tecnología de Blogger.