viernes, 5 de febrero de 2021

Galicia impulsa da man de 30 empresas e centros tecnolóxicos o Polo para a transformación de Galicia, con oito proxectos que optan aos fondos europeos

Onte o titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzaba, tras a reunión do Consello da Xunta, os novos pasos realizados no impulso ao Polo para a transformación de Galicia. Unha iniciativa de colaboración público-privada, dixo, que agrupa 8 proxectos de modernización industrial cos que optar aos fondos europeos.

“A Xunta de Galicia, xunto con 30 empresas e centros tecnolóxicos, presentamos proxectos no ámbito da transición ecolóxica, a loita contra o despoboamento e o reto demográfico”, explicou.

Deste xeito, dentro do Polo, inclúense 4 proxectos tractores: un centro para o impulso da economía circular co obxectivo de xestionar 2,6 millóns de toneladas de residuos ao ano; a xeración de hidróxeno verde; a produción de fibras téxtiles a partir de viscosa nunha planta con capacidade de 150.000-200.000 toneladas anuais; e o desenvolvemento de nova potencia renovable para abastecer os proxectos anteriores.

E, de maneira adicional, o Polo abrangue tamén catro iniciativas transversais: a creación de cadeas loxísticas sustentables; un centro de investigación e innovación; a posta en marcha de laboratorios dixitais; e, como novidade, un plan para a recuperación da terra agraria, coa posta en disposición de 18.000 hectáreas de terras abandonadas para o desenvolvemento de cultivos.

O titular da Xunta salientou que os proxectos acadan un investimento público-privado de 3.000 millóns de euros, coa creación de 30.000 empregos —16.000 directos— e a redución das emisións de CO2 en 2,9 millóns de toneladas ao ano.

“Isto é unha oportunidade de negocio, unha oportunidade medioambiental, unha oportunidade laboral e unha oportunidade social”, afirmou, precisando que o Consello da Xunta acordou tamén crear un instrumento para xestionar os proxectos, un mecanismo público-privado para impulsalos e poñelos en marcha.

“Formarán parte del aqueles socios aos que lles interese ser os titulares destes proxectos unha vez saian da esfera pública, entidades financeiras que serán chamadas a participar no capital e, por suposto, capital público”, abundou.

Nesta liña, lembrou ademais que o Parlamento está a tramitar a Lei de reactivación económica, que está previsto se aprobe a finais deste mes de febreiro.

Pola súa banda, o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, explicou a importancia de activar un mecanismo de colaboración público-privada que sirva de apoio e impulso tanto ao Polo para a transformación como para todos os proxectos tractores que se poidan presentar desde Galicia. Un mecanismo impulsor cunha xestión profesionalizada e que permitirá dar maior velocidade e capacidade de tracción aos proxectos, dispoñer de estudos de viabilidade dos mesmos, desenvolver modelos de negocio, dinamizar a captación de fondos e de socios industriais e tecnolóxicos e afianzar a participación de pemes galegas nas iniciativas.

Conde incidiu en que para desenvolver estas iniciativas Galicia tamén contará co marco normativo axeitado a través da Lei de reactivación económica, que se está tramitando no Parlamento galego e que achegará simplificación administrativa e apoio ao investimento empresarial. Neste sentido, lembrou que a lei recollerá que os proxectos tractores de Galicia elixidos polo Goberno para optar aos fondos europeos de recuperación poderán ver axilizada a súa tramitación.