sábado, 6 de febrero de 2021

Na posta en servizo da nova estación de autobuses de Ourense

Asisto esta mañá ao acto de posta en servizo da nova estación de autobuses de Ourense, que foi presidido pola conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, que salientou que a nova estación de autobuses de Ourense “abre o tempo da intermodalidade en Galicia”, grazas a un investimento da Xunta de 9 millóns de euros.

Nunha nota de prensa da Xunta dáse conta de que “a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, supervisou hoxe o inicio da actividade dos servizos de transporte público por estrada desde a nova terminal de autobuses, onde aínda continuarán os traballos de execución do aparcadoiro subterráneo, de urbanización e de integración na contorna.

Na súa intervención, Vázquez indicou que, a pesar dos traballos pendentes, o Goberno galego quixo poñer en servizo a nova terminal de autobuses para poder ofrecer xa á cidadanía as vantaxes da terminal.

Ourense convértese hoxe, dixo, na primeira cidade galega na que os viaxeiros poden transbordar entre o autobús e o tren de forma directa, “en 30 segundos”,  sen desprazarse pola urbe e “sen subir sequera unhas escaleiras mecánicas”, dispoñendo dunha “intermodalidade plena”,  ao mesmo nivel e nun mesmo emprazamento, entre o ferrocarril e o autocar. Así, subliñou, “a de Ourense é a máis intermodal de todas as intermodais galegas”.

A nova estación de autobuses de Ourense, con máis de 7.300 m², 16 dársenas para autocares e un edificio de viaxeiros de máis de 700 m², ponse en servizo coa previsión de albergar case 80.000 expedicións e  400.000 viaxeiros ao ano. Nas súas instalacións operará un total de 102 liñas de autobús autonómicas e outras 10 nacionais e internacionais.

Ethel Vázquez lembrou que a Xunta, o Concello de Ourense e o Goberno de España asinaron no ano 2016 un acordo de colaboración para impulsar conxuntamente “a mellor estación intermodal” para a cidade. A ese respecto, a conselleira puxo en valor o traballo da Administración autonómica por cumprir os seus compromisos coa cidade, coa execución da nova estación de autobuses integrada na terminal ferroviaria.

Ademais, destacou que o Goberno galego achega preto do 65% do financiamento do novo aparcadoiro que está a executar Adif, que porá máis de 300 prazas de estacionamento ao servizo do barrio da Ponte e que, a pesar do retraso se agarda que estea rematado en primavera.

Así  mesmo, a conselleira referiuse á sensibilidade da Xunta ao adaptar o proxecto para reforzar a independencia da estación de autobuses fronte ao centro de saúde e para garantir que a afección a esa infraestrutura sanitaria sexa aínda menor que a que xeraba o establecemento comercial que existía antes na zona.

Avanzou que en adiante continuarán os traballos da nova praza da estación que completarán a reordenación da zona e a instalación dunha fonte ornamental que resaltará o carácter termal da cidade de Ourense.

Todos estes elementos supoñen un investimento da Xunta de 9 millóns de euros na estación intermodal de Ourense, cofinanciada con fondos europeos do programa operativo Feder 2014-2020.

 Diálogo sobre a terminal ferroviaria

Na súa intervención, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade  remarcou que a posta en servizo da nova estación de autobuses da intermodal de Ourense é unha boa nova que, sen embargo, evidencia outras cuestións negativas.

Ethel Vázquez lamentou que o inicio do funcionamento da terminal de autobuses da estación intermodal de Ourense se produza sen que aínda teña chegado o AVE a Galicia e sen que exista unha data certa na que o fará. Ao mesmo tempo denunciou a “negativa rotunda” do Goberno de España a dialogar con Ourense sobre o proxecto de reforma ferroviaria, que xera inquedanza e preocupación na cidade.

Lembrou que a Xunta leva moito tempo solicitando que se convoque a comisión de seguimento da estación intermodal de Ourense, sen ter resposta,” e considerou agora máis urxente que se celebre ese encontro tras a aprobación do estudo informativo do proxecto de reforma ferroviaria.

Esforzo investidor en Ourense

A conselleira salientou o gran esforzo investidor da Xunta para “facer cidade” en Ourense con obras en execución ou licitadas en materia de infraestruturas que suman máis de 13 millóns de euros.

Referiuse ás obras de reforma da rúa Marcelo Macías, á posta en valor da Ponte Vella –centrada na contorna da capela dos Remedios-, ao próximo inicio da segunda fase do acondicionamento de Seixalbo ou á demolición da actual estación de autobuses  do Pino, que rematará este mesmo mes, liberando o espazo para a construción dunha residencia da terceira idade.”