viernes, 11 de diciembre de 2020

Feijóo salienta o carácter estratéxico do Corredor Atlántico e a conexión de Galicia con Portugal para a Eurorrexión

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, salientou hoxe o carácter estratéxico do Corredor Atlántico e a conexión de Galicia con Portugal para a Eurorrexión.

“Sería un grave erro para Galicia non incorporarse a un corredor ferroviario que posibilitaría seguir traballando en produtividade, en competitividade da nosa economía e tamén coa zona norte de Portugal, que é a máis rica, a máis próspera e a de maior actividade económica de todo o país”, subliñou Feijóo durante a súa participación, xunto co presidente da Cámara Municipal de Porto, Rui Moreira, na primeira edición de Diálogos Gallaecia, baixo o título Galicia e Portugal, novos lazos.

Sobre isto, o titular da Xunta engadiu que sería “un grave erro” seguir sen conexión ferroviaria do Porto Exterior da Coruña e sen unha Saída Sur en Vigo que conecte Galicia con Portugal, polo que agarda que “se o impulso do Goberno portugués nesta cuestión é un impulso definitivo e prioritario nos fondos europeos, tamén se animen as autoridades españolas”.

En materia fiscal, lembrou que, co obxectivo de facilitar o investimento, Galicia está adoptando decisións a través da Lei de reactivación e da Lei de recuperación da terra agraria, como os relacionados co imposto de transmisións patrimoniais e co imposto de actos xurídicos documentados. Ademais, mencionou as decisións dos últimos anos, como foron os impostos cero no rural ou a práctica eliminación do imposto de sucesións.

Por outra banda, Feijóo gabou a grande ambición neste eido dos concellos portugueses, que están a dar “unha lección de pragmatismo, de orientarse cara á inversión”.

Fondos europeos de recuperación

Ao longo do acto, o presidente da Xunta tamén destacou que os fondos europeos deben investirse en proxectos estruturais, porque destinalos a iniciativas estéticas suporía perder “unha grandísima oportunidade”. Así, destacou que se trata da ocasión que ten a economía española para reactivarse e volver a un PIB previo á covid nos vindeiros anos.

Feijóo subliñou que depende dos estados o reparto dos fondos, pero que as comunidades autónomas teñen a capacidade de realizar propostas: “Coñecemos o territorio, a nosa musculatura industrial e as nosas prioridades”. Por iso, destacou o traballo realizado pola Xunta para detectar máis dun cento de proxectos no sistema produtivo galego.

Xacobeo 2021

Tras destacar a necesidade de que Portugal tamén poña en valor o Camiño Portugués ante a celebración do Xacobeo 2021, o presidente da Xunta asegurou que despois da pandemia, Galicia e o Norte de Portugal “serán destinos máis interesantes” dada a relevancia que adquirirán o turismo de natureza, o gastronómico e o cultural; ámbitos nos que existen “activos que podemos organizar conxuntamente”, aseverou.

Nesa liña, Feijóo insistiu en que “o Norte de Portugal e Galicia temos unha gran capacidade de atracción turística que, se nos organizamos e se temos paquetes comúns, podemos ser un potente territorio atractivo desde o punto de vista turístico”.

Pola súa parte, o presidente da Cámara Municipal de Porto, Rui Moreira, incidiu en que “entre o Norte de Portugal e Galicia o importante será sempre a relación económica, que medrou moito, pero que neste momento necesita de infraestruturas para medrar máis”.