lunes, 21 de diciembre de 2020

A Xunta proponlle ao Ministerio de Transportes unha comisión de seguimento para abordar conxuntamente a última fase das obras do AVE e manter puntualmente ben informados aos galegos

A Xunta proponlle ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana constituír unha comisión de seguimento que permita abordar conxuntamente a última fase das obras da alta velocidade a Galicia, así coma todo o proceso de probas ao obxecto de manter puntualmente ben informados aos galegos sobre esta infraestrutura estratéxica.

Así llo trasladou hoxe a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, ao ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luis Ábalos, durante a supervisión das obras do viaduto das Teixeiras, precisamente un dos 17 treitos que foron desbloqueados en 2017 polo ministro Íñigo de la Serna e o presidente de ADIF, Juan Bravo. Na visita desta mañá tamén participou, por parte da Xunta, o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro.

Na súa intervención, a titular de Infraestruturas do Goberno galego explicou que a dificultade da execución material e a complexidade administrativa que entraña o encaixe de decenas de contratos, permite facerse unha idea do traballo que queda aínda por diante para o remate e posta en servizo do AVE a Galicia: o remate da subestación intermedia que reforzaría o abastecemento de enerxía da rede, as instalacións de comunicacións e seguridade e todas as probas necesarias e regulamentarias, o período de probas co tren laboratorio.

Por iso, incidiu, “demandamos unha vez máis, máxima axilidade para terminar os traballos e un cronograma sincero sobre as previsións para a posta en servizo”.

Ethel Vázquez lembrou que a demanda do AVE a Galicia é unha constante na axenda de infraestruturas do Executivo galego desde hai máis dunha década, con independencia de quen ocupase o Goberno de España ou o ministerio, xa que se trata dun obxectivo de país, unha infraestrutura estratéxica para o progreso de Galicia e para a calidade de vida e as oportunidades dos galegos.

Incidiu en que ao longo dos últimos 11 anos a Xunta asistiu a moitas visitas das obras do AVE e que en todo ese tempo ten solicitado a cada presidente do Goberno de España e a cada ministro axilidade nas obras e veracidade e transparencia na información. “Sempre cremos na súa palabra. Non dubidamos cando o ministro De la Serna nos dixo que as obras do AVE rematarían a finais de 2019. Como el confiou no seu equipo técnico, nós confiamos nel; e volvemos confiar cando o ministro Ábalos ratificou ese calendario, o mesmo cronograma avalado polos mesmos técnicos”, relatou Ethel Vázquez.

Remarcou que a todos e cada un dos Gobernos de España a Xunta lle ofreceu sempre a mesma lealdade. Defendeu, ademais, o feito de que o Goberno galego realice un seguimento “intensivo e permanente” sobre as obras xa que, dixo, “forma parte do noso deber de defensa dos dereitos e intereses de Galicia”. Non se entendería, subliñou, que a Xunta aceptase “con indiferenza cada novo calendario das obras do AVE”.

A titular de Infraestruturas da Xunta tamén lle solicitou ao ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana participación e información sobre as previsión que manexa para a chegada da alta velocidade ferroviaria ao conxunto das cidades galegas.

Neste sentido, chamou a aproveitar a oportunidade que supón a conmemoración do Ano Europeo do Ferrocarril para demandar un canal de diálogo estable co Ministerio en relación ás infraestruturas ferroviarias da Comunidade.

Ethel Vázquez trasladou, por último, a vontade de colaboración do Executivo galego co Goberno español para que Galicia teña “canto antes” un AVE que articule “as nosas ansias de contribución ao progreso de España e infraestruturas que nos axuden a servir á reconstrución da economía”.