A Xunta expresa a súa preocupación ante as cuestións publicadas sobre a pesca no marco do acordo do brexit acadado entre a Unión Europea e Reino Unido


Onte a Xunta expresaba na web a súa preocupación ante as cuestións publicadas sobre a pesca no marco do acordo do brexit acadado onte entre a Unión Europea e Reino Unido.

Dicía que "a falta de coñecer información oficial dos seus termos por parte do Goberno central, que é quen participou na negociación, o Executivo galego considera que unha vez máis a pesca foi empregada como moeda de cambio en Europa pese as advertencias e peticións realizadas para que na negociación non se traspasara esa liña vermella. Neste sentido, Galicia non se vai conformar con compensacións por este acordo e será belixerante e contundente para recuperar os dereitos de pesca perdidos no acordo do brexit.

A Xunta agarda a coñecer o texto do acordo definitivo para valorar as posibilidades de defensa da cadea mar-industria de Galicia. Non obstante, segundo a información transcendida, o acordo é sumamente negativo porque semella que se entregou de forma definitiva á frota británica o 25% das cotas de pesca europeas -cargando máis nas especies peláxicas como o xurelo, a xarda ou o lirio- para comprar o acceso ás augas do Reino Unido durante só cinco anos e medio.

O Goberno galego considera isto alarmante para a frota galega, tanto a curto como a medio e longo prazo. A curto prazo porque os barcos perderán cotas importantes de pesca e posibilidades de intercambio que axudaban a facer rendibles as frotas e as lonxas (onde as descargas procedentes do Gran Sol constitúen o maior volume de facturación).

Os efectos a medio prazo pasan porque a posibilidade de renegociación en 2026 da contraprestación ao Reino Unido en forma de cotas poderá derivarse contra especies demersais, como a pescada, o gallo ou o rape, nas que a frota galega basea as súas pesqueiras. A Xunta tamén considera alarmante o acordo a longo prazo porque semella que se estragou a última posibilidade de facer forza nunha negociación ao entregar o acceso aos mercados europeos dos produtos mariños británicos.

A isto hai que engadir as perdas e dificultades que supón este acordo, por unha banda para a frota que faena en augas do Gran Sol, pois perde parte dos seus dereitos e posibilidades de pesca directas e ademais en cinco anos deberá renegociar ano a ano un acceso que vai ser minorado en termos de posibilidades de pesca. Por outra banda, tamén afecta aos barcos que faenan nas augas do Cantábrico-Noroeste, porque as cesións a Reino Unido relacionadas coas especies peláxicas poñen moito máis difícil acadar cotas ampliadas de especies coma a xarda, o lirio ou o xurelo.

Galicia tamén considera negativo que Reino Unido abandone a Política Pesqueira Común (PCP), pois non sufrirá a aplicación de aspectos de difícil cumprimento que este mesmo Estado propugnou para a súa incorporación á PCP como a normativa sobre a eliminación de descartes. Tampouco terán que aplicar aspectos relativos á sustentabilidade como a minoración de frota ao ver aumentadas as súas cotas cos novos arranxos para a ordenación conxunta de máis de 100 poboacións de peixes que parece que tamén poderán seguir pescando en augas UE.

Para Galicia todo isto demostra que a pesca é de novo empregada como moeda de cambio como aconteceu cando España entrou na Comunidade Económica Europea, un proceso no que a frota resultou prexudicada. 

A comunidade galega advertiu en numerosas ocasións deste risco, a última o pasado sábado cando o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo trasladou por carta ao Goberno central a súa preocupación en relación coa deriva das negociacións sobre o brexit en materia pesqueira.

Galicia sempre apostou e aposta por un acordo que permitise manter o statu quo mediante o acceso da frota comunitaria ás augas británicas a cambio da entrada dos produtos pesqueiros do Reino Unido no mercado comunitario sen ningún tipo de arancel. Trátase da proposta que a comunidade defendeu desde o principio e que beneficiaría ás dúas partes pois Europa conta cunha importante frota que faena en augas británicas e o mercado comunitario é o principal destinatario dos produtos pesqueiros do Reino Unido."

Con la tecnología de Blogger.