O presidente provincial do PP, Manuel Baltar, afirmou hoxe que “indigna ver como o PSOE de Ourense aplaude a marxinación máis grande na historia da provincia, cuns orzamentos estatais para 2021 que reducen nun 70 % os investimentos destinados ao noso territorio con respecto ás últimas contas vixentes, aprobadas no 2018 polo goberno de Mariano Rajoy”.
A cita tivo lugar horas antes de que remate o prazo para a presentación de emendas -mañá martes-, “que sabemos serán rexeitadas, pero nas que insisteremos na tramitación das contas no Senado, porque estamos diante dun deliberado maltrato con Ourense”, sinalou o presidente dos populares ourensáns.
Pola súa banda, os representantes ourensáns no Congreso e no Senado cualificaron o proxecto de orzamentos xerais como “un escándalo e un ataque intencionado a Ourense, cun PSOE que nunca defendeu á nosa provincia e que tenta atacar ao PP con estas contas, cando realmente as consecuencias deste uso partidista do Estado e as súas institucións só serán para a provincia e os ourensáns”.
Ademais de analizar no seu conxunto as emendas presentadas aos orzamentos –“cun desastre absoluto en materia de estradas-, os membros de ambas as dúas cámaras lexislativas insistiron na marxinación que sofre Ourense, “que só recibirá 3 de cada 10 euros contemplados nos orzamentos de 2018, aínda hoxe vixentes”. En total, 123,8 millóns de euros fronte aos 414 millóns de hai dous anos, é dicir, un 70 % menos.
“Os socialistas de Ourense non miran pola súa provincia -engadiron- e por riba aínda se gaban dunhas contas que non responden a ningún criterio obxectivo, nin tan siquera á loita contra a pandemia, senón a un reparto indecente do diñeiro para conseguir o apoio daqueles que queren rachar coa unidade de España e, aínda peor, traspasando todas as liñas imaxinables ao pactar con Bildu”.