Anunciamos a presentación de emenda para que as obras de "Mellora da seguridade Viaria na intersección de Ribela" teñan nos PXE de 2021, unha partida que permita a súa licitación


O pasado 25 de agosto, informaba nunha entrada deste Blog, que ese mesmo día o BOE publicaba o Anuncio da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia relativo a Resolución do Ministerio de Transportes, Movilidade e Axenda Urbana pola que se aprobaba provisionalmente o Proxecto de Trazado: "Mellora da seguridade Viaria na intersección de Ribela. Construción dunha ligazón e reordenación de accesos na estrada  N-525,  p. k. 244+368".  T.M. de Coles. Provincia de Ourense. Clave: 33- OR-5330.

Un proxecto que ten un orzamento Base de Licitación (IVE incluído) de 2.104.872,04 €. 

Nesa entrada celebraba a aprobación provisional deste proxecto, que levabamos esperando desde hai moitos meses e que provocou a nosa insistente e constante acción parlamentaria para activala. E engadíamos que agardabamos que os trámites anunciados foran xestionados con axilidade; e que estaríamos vixiantes pois estamos diante dunga actuación moi necesaria.

O MITMA daba conta de que “con esta actuación proxectada, a intersección quedará substituída por unha nova ligazón dotada dun paso inferior para a circulación entre Ribela e Sobral a través da OU-0552, así como ramais de entrada e saída na N-525 con carrís de aceleración e deceleración para permitir todos os movementos entre ambas as estradas.

Ademais, proxéctase unha vía de servizo en sentido Santiago entre os PP. KK. 244+000 e 244+860, que permite reordenar os accesos existentes e materializar a súa conexión ao carril de vehículos lentos da estrada a través dun único punto.”

Pese a que a resolución declaraba a urxencia do proxecto e que ordeaba á Demarcación de Estradas do Estado en Galicia a incoación dun Trámite de Información Pública a efectos da declaración de utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación referidos aos bens e dereitos o certo e que a data de hoxe non consta a realización dese obrigado trámite.

E agora, coa recente presentación do proxecto de lei de Orzamentos Xerais do Estado para 2021 contemplamos con preocupación que non figura unha partida específica nin consignación alguna para esta obra.

Lembro que na Lei de Orzamentos Xerais do Estado de 2018 consignaba para o proxecto  2018 17 38 0548 Mellora da seguridade Viaria na intersección de Ribela unha suma de 500.000 €.

Preocupado por esta ausencia de partida orzamentaria, anuncio que no trámite de emendas ao articulado do proxecto de  PXE de 2021, os  deputados populares ourensáns no Congreso presentaremos unha emenda para dotar este proxecto cunha cantidade suficiente para que poida licitarse a obra en 2021, e que estimamos non debe baixar do millón de euros.

Con la tecnología de Blogger.