Feijóo na sesión de investidura: "Esta XI lexislatura é hoxe a do coronavirus pero porei todo de min para que remate sendo a lexislatura do entendemento e a lexislatura da recuperación. A lexislatura na que Galicia foi quen de volver superarse"

 


Asisto esta mañá no Parlamento de Galicia en Santiago de Compostela, á sesión de investidura da XI Lexislatura, que por mor das limitacións da COVID-19 seguín con outros invitados desde unha sala e non desde a tribuna do público.

Escoitei a intervención do candidato á  Presidencia da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

Este foi o discurso íntegro:

"Señor Presidente do Parlamento;

Señoras e señores deputados do Partido Popular, do BNG e do Partido Socialista:

Convidados na Cámara,

Galegas e galegos:

Esta sesión de investidura culmina un proceso que comezou o pasado 10 de febreiro, data do decreto que disolveu este Parlamento e, con el, a X Lexislatura da nosa Autonomía.  

A Galicia que temos ante nós case sete meses despois, tras vérmonos obrigados a aprazar os comicios do 5 de abril pola COVID-19; a Galicia que hoxe representamos pola vontade cidadá expresada finalmente nas eleccións do 12 de xullo, é moi diferente respecto daquel momento.

Calquera ilusión que tiveramos entón vese agora condicionada polas innumerables incertezas que xera a pandemia.

Calquera dato positivo minguou polos seus efectos.

Calquera reto está sometido á súa evolución.

E calquera paso adiante que deamos estará marcado pola profunda fenda emocional que provoca o moito que sufrimos e seguimos sufrindo.

Especialmente nas 644 familias ás que o coronavirus lles arrebatou un ser querido antes de tempo, e tamén en todos os que non puideron despedirse dos seus coa proximidade e apertas que precisamos cando nos morre alguén.

Xurdiu unha nova circunstancia histórica que nos obriga a convivir cunha pandemia. E isto implica levar con nós a dor que supón en tantos galegos. Con moito máis motivo neste Parlamento.

Estamos obrigados a respectar tanto sufrimento coas nosas formas e cos nosos feitos.

Desde logo a miña obriga é telo sempre presente.

Neste momento hai en Galicia:

Máis de 3.600 persoas afectadas polo virus. A inmensa maioría, o 95,7% do total de contaxiados, está superando a enfermidade nos seus domicilios. Pero hai 17 persoas que loitan nas unidades de coidados intensivos e 143 que están en plantas de hospitais.

Desde que o 8 de marzo a primeira persoa foi dada de alta, 12.771 venceron o virus, pero algunhas delas teñen secuelas físicas ou psicolóxicas.

E lamentablemente todo indica que seguirá habendo novos contaxios como dixemos fai meses.

Todas esas persoas, ao igual que as que xa padecen ou padecerán as consecuencias sociais e económicas de todo isto, tamén nos reclaman unha resposta excepcional para un momento inédito. E temos que darlla. Eu, por suposto, a darei.

Esta é a cuarta vez que solicito o apoio deste Parlamento para presidir Galicia.

Sempre acudín orgulloso do meu pobo, e hoxe aínda máis pola determinación coa que está afrontando un momento tan difícil.

Sempre acudín consciente da responsabilidade que supón, e hoxe aínda máis porque ningunha outra lexislatura (nin sequera a primeira en plena recesión económica) presentaba tantísimas necesidades e retos como os que hai agora.

Sempre acudín con ilusión, e hoxe aínda máis porque, malia todos os obstáculos, estou convencido de que podemos superarnos como xa fixemos outras veces.

E sempre acudín coa vocación de manter Galicia unida, e hoxe aínda máis porque non é momento de egoísmos senón de traballar xuntos polo ben común.

Señorías, o Executivo autonómico que terá Galicia se teño a confianza desta Cámara estará preparado para seguir gobernando desde o primeiro día, e para o conxunto dos cidadáns.

Igual que os que me votaron, aqueles que apoiaron outros partidos (conseguiran representación ou non) poden ter a plena certeza de que o futuro Goberno tamén será seu.

Será o Goberno de todos. Sen excepcións.

Non concibo outro xeito de  gobernar.

A unidade que se precisa nestes momentos require tamén desta Cámara, que despois duns meses insólitos volve funcionar de xeito ordinario por tres motivos que quero recoñecer expresamente.

Xunto co País Vasco fomos o primeiro territorio en organizar unhas eleccións durante unha pandemia. E como pobo creo que podemos sentirnos satisfeitos pola data elixida, pola execución e pola resposta cidadá.

Os expertos sinalaban o mes de xullo como o momento máis seguro para celebralas.


Non vou entrar en consideracións sobre o que os diferentes partidos afirmaron a ese respecto. Non o fixen nin o farei porque entendo que o que conta é a opinión dos especialistas. Tiñan unha gran responsabilidade, pero avaliaron, aconselláronnos e á vista está que estaban no certo.

Cómpre tamén agradecer a organización dos comicios ás persoas que velaron pola seguridade de todos. Para a historia quedará que fixeron un excelente traballo.

E sobre todo, os galegos demostraron, por riba de calquera lóxico temor, unha adhesión inquebrantable aos valores democráticos. Para os bos e tamén para os malos momentos.

Señorías, nunca me cansarei de agradecer a nova maioría absoluta colleitada polo Partido Popular de Galicia.

 

Sobre ela fixéronse moitas análises, como tamén se fixeron: sobre o notable ascenso do BNG, polo que novamente felicito aos seus integrantes. Sobre os resultados dos partidos que conforman a coalición no Goberno central. Ou tamén sobre a desaparición neste hemiciclo de forzas presentes na pasada lexislatura e noutras partes de España.

Porén, vexo un erro que nos quedemos só en lecturas partidistas. Porque o que se decide en calquera comicio non é a situación na que queda cada formación, senón o que o pobo dita para o seu propio futuro. E debemos saber interpretalo para serlle completamente útil neste tempo tan complexo.

Na miña opinión, máis aló de siglas e candidatos, estabilidade e moderación son os principais vencedores das eleccións que conformaron este Parlamento.

A vitoria da estabilidade nace da convicción maioritaria de que é a mellor fórmula sempre, pero aínda máis para afrontar as moitas incertezas que temos hoxe.

A estabilidade que dá un Goberno que non é un principiante. Porque calquera experiencia é pouca para afrontar unha situación como esta.

E a estabilidade que dá un Goberno sólido e non dividido, con capacidade por tanto para tomar as decisións que sexan necesarias. Sen pulsos internos. Sen máis sometemento que ao interese xeral.

A segunda –dicía- foi a vitoria da modernización, que nada ten que ver con debilidade, indecisión ou ambigüidade. Todo o contrario. A moderación que o pobo galego preconiza é sinónimo de determinación, respecto e humildade. E iso é positivo para a xestión e para a convivencia.

Na xestión, as políticas moderadas son as que permiten cambios tranquilos e efectivos, constantes e seguros. Como os que aplicamos na crise de 2008.

Na convivencia, a moderación une. Porque a moderación facilita puntos de encontro que non son factibles con teses doutrinarias.

Creo que non me equivoco se digo que, para elixir Goberno e tamén para conformar oposición, os cidadáns premiaron máis moderación. En consecuencia, sería fraudulento responderlles agora endurecendo desde cada partido as nosas respectivas posicións. Eu  non o vou facer, e espero que vostedes tampouco.

Non entendan isto como unha petición meramente retórica. O momento que vivimos require realmente da implicación de todos.


Apelo para iso ao espírito de entendemento que a sociedade galega demostrou nestes meses e que debemos reproducir agora nesta Cámara para  afrontar os dous grandes retos que temos: o  reto sanitario e o reto socioeconómico.

Debemos seguir traballando en común.

Por iso, quero que a miña primeira proposta concreta no día de hoxe sexa  constituír neste Parlamento unha Comisión que nos permita definir xuntos o Pacto de Reactivación que precisa e merece a nosa terra.

Señorías, a pandemia pon todo a proba. Tamén á política, que nos últimos anos non sempre estivo á altura das circunstancias.

Moitos cidadáns preguntaranse se nin sequera unha situación como a que vivimos vai facer mellores aos seus representantes. O noso deber é demostrarlles que si, que en Galicia si.

Iso obríganos en primeiro lugar a dicirlle a verdade en todo momento.

Dirixímonos a cidadáns que demostraron a súa madurez, tentando coidar todos a todos.

Nos últimos meses, fixeron moitos sacrificios. Soportaron con gran civismo restricións de dereitos e liberdades. Adaptáronse a novas obrigas e prohibicións.

 

Tiveron un comportamento excepcional e mala resposta lles daremos nós se agora subestimamos a situación ou se enganamos respecto aos instrumentos que temos –e os que non temos- para facerlle fronte.

Señorías, na última sesión de control da pasada lexislatura –o 5 de febreiro- dixen que Galicia tivera nos últimos anos unha boa evolución. Reflectín, por exemplo, que rexistraba o Produto Interior Bruto máis alto da súa historia.   

Pois ben, esa Galicia que levaba cinco anos consecutivos crecendo, que alcanzara niveis de emprego previos á crise de 2008, que consolidaba a súa recuperación e preparaba ilusionada o mellor Xacobeo da súa historia, sofre agora os golpes destes últimos meses.

A realidade hoxe é que a sociedade, a economía e o benestar se están vendo fortemente afectados.

Por iso, eu non estou aquí –espero que vostedes tampouco- para prometer catro anos sinxelos. Non o fixen na campaña electoral e tampouco vou facelo hoxe porque os galegos non me elixiron para que lles minta.

O que vivimos non é unha crise máis.

Se a crise de 2008 foi dura, o que está por vir é durísimo.

E aínda que existen predicións dabondo abrumadoras, o certo é que as súas dimensións son aínda descoñecidas.

Lamentablemente é así, e así llo temos que dicir aos cidadáns.

Debemos falar con transparencia porque é o noso deber, pero tamén para concienciar da responsabilidade colectiva. Especialmente tendo en conta a evolución dos contaxios nas últimas semanas.

Temos que asumir que o mes de agosto foi demoledor.

Neste momento, en España volven diagnosticarse de media uns 6.700 casos diarios. En Galicia por riba dos 260 casos diarios.

En maior ou menor medida, toda a Nación rexistra un claro repunte, que se agardaba en todo o mundo pero que chega algo antes das previsións que o Goberno nos transmitira; e novamente con máis forza en España que noutros países da nosa contorna. 

Neste contexto hai respostas que corresponde organizar ás distintas administracións; pero temos que ser conscientes de que ningún goberno debe combater o virus sen a colaboración cidadá.

Sendo escrupulosos, cada persoa contribúe a conter a progresión dos contaxios.

Se alguén se relaxa, descoida a hixiene de mans, o uso da máscara ou o distanciamento social, hai consecuencias que pagamos todos.

E por suposto, temos que ser implacables cos comportamentos irresponsables, dos que en Galicia sufrimos algún exemplo especialmente lamentable.

A prevención é o máis valioso que temos para protexernos namentres no mundo non apareza unha vacina ou tratamento efectivos.  

O único que nos queda despois da prevención son as restricións, con todo o que iso supón. E por iso, temos que seguir insistindo: se nos relaxamos e nos confiamos, retrocedemos e confinámonos.


Quero dirixirme expresamente aos mozos, e aos non tan mozos. A todas esas persoas que, pola súa idade ou condición física, se senten invencibles fronte ao coronavirus. Están equivocados.

O 80 % dos casos detectados en agosto están por debaixo dos 60 anos. Máis da metade, por debaixo dos 40. Unha cuarta parte, 25 ou menos. Na maioría coinciden festas, encontros familiares ou viaxes recentes.

Preocúpanos por eles, pero sobre todo porque en moitos casos son asintomáticos que continúan a liña de contaxios ata volver alcanzar persoas máis vulnerables, como xa está ocorrendo lamentablemente.

A media de idade dos falecidos en Galicia con COVID-19 desde que comezou este novo incremento de casos é de 83,6 anos.

Por iso, entre todos debemos tentar evitar que esa tendencia continúe. Coidar das persoas con máis idade, como farían eles.

¿Acaso hai algunha dúbida de que os nosos maiores porían todo da súa parte, todo o que fixera falla, todo o que estivera nas súas mans, todo iso e máis, e todo o tempo que fose necesario para protexernos?

Polo que máis queiramos, coidémonos todos e coidemos especialmente aos nosos maiores.

Polo que máis queiramos, extrememos as precaucións e cumpramos as normas.

Polo que máis queiramos, sigámonos esforzando.

Galicia ten que seguir sendo un exemplo para Galicia, por esgotador que resulte.  

E, para toda España, Galicia ten que seguir sendo un exemplo de sentidiño.

Con medidas para protexer a saúde pública.

E con medidas para protexer a economía e o benestar colectivo.

Eses dous obxectivos marcarán as prioridades inmediatas do meu goberno se obteño a confianza desta Cámara, sen descoidar os retos que xa tiñamos antes da pandemia.

Señorías, nunha sesión de investidura como esta, o habitual é presentar unha folla de ruta a medio e longo prazo. Eu tamén o farei porque a Galicia da nova década tiña trazada unha estratexia previa ao COVID, á que desde logo non renunciaremos.

Síntome convocado por cada medida que sinalamos no programa electoral para lograr unha Galicia máis familiar, máis nova, máis innovadora, máis verde e máis aberta.

E iso si, son plenamente consciente de que o que primeiro nos empraza son as urxencias xeradas pola pandemia.  

Por iso, é a miña obriga sinalar con claridade que o momento máis importante da lexislatura é este. Centrará a primeira e maior parte da miña intervención porque probablemente ningún outro reto (por grande que sexa) estará ao nivel do que nos xogamos nas próximas semanas e meses (oxalá que non anos).

O resultado depende de nós, pero tamén do que a España da que formamos parte consiga no seu conxunto. O meu compromiso é seguir traballando co Goberno central, como ata agora. Apoiando o que se fai ben e sinalando aquilo no que todos podemos mellorar. Porque iso tamén é lealdade.

Avisar sobre os erros, como o retraso na alerta a nivel nacional ou os constantes cambios de criterio nos datos.

Denunciar a inacción do Goberno central en ámbitos clave, como o das residencias.

Lamentar a falta dun liderado único na adquisición do material ou no relacionado co curso escolar.

Sorprendernos polo feito de que se ignoren peticións tan básicas, como a que fixemos para reducir o IVE das máscaras. Ou rexeitar a estratexia xurídica que se está a desenvolver é compatible con recoñecer o esforzo da maioría dos membros do Executivo estatal, e con desexarlles que acerten.

Señorías, non vexo nin ao señor Sánchez, nin ao señor Iglesias líderes dun partido ou doutro. Nesta situación só vexo ao Goberno da nosa Nación.

Tanto eles como os dirixentes autonómicos saben que o pobo galego estivo, está e seguirá a disposición do interese común.

Únenos o obxectivo de saír desta coa maior fortaleza posible, e nada, absolutamente nada, hai máis importante ca iso.

Nada hai máis importante que seguir esforzándonos para manter como Comunidade datos que –en medio de tanta dor- nos dan alento no ámbito sanitario.

Como ser unha das comunidades con menor incidencia do virus (a quinta neste momento).

Cunha das taxas de letalidade máis baixas de España (5º posto).

Coa menor taxa de hospitalización COVID (xunto con Asturias e Estremadura).

Con menos pacientes graves en relación á poboación (2º posto).

Ou con menor mortalidade en residencias que no conxunto de España (sete veces menos falecementos do que nos correspondería por poboación).

E igualmente, nada hai máis importante que evitar entre todos un segundo confinamento xeneralizado.

Precisamos que a economía funcione para seguir contando cos recursos que financian os servizos públicos.

E precisamos que non se desmorone o tecido produtivo no seu conxunto para que aquilo que funcione permita auxiliar aos sectores que se están vendo irremediablemente afectados.

Coa máxima prudencia sanitaria, todos temos que protexernos a todos.

Coa máxima determinación e enerxía da que sexamos capaces, todos temos que traballar para todos.

Señorías, nunha comparecencia pública o 13 de marzo, dixen textualmente que todos tiñamos deberes que cumprir nesta crise, pero que non todos iamos ter as mesmas responsabilidades.

Transcorrido este tempo, e política aparte, non hai ningunha dúbida de que o maior peso recae sobre os máis de 40.000 profesionais que garanten o funcionamento de hospitais e centros de saúde.


E de xeito máis concreto nos que atenden pacientes COVID e nos 35 profesionais que conforman o Comité Clínico e estudan cada situación, cada risco e propoñen cada medida.

Fano cun rigor e esforzo descomunal.

E fano como nos piden a todos que respondamos a esta ameaza: sen desfalecer en ningunha circunstancia por dura que sexa. Nunca llo agradeceremos dabondo.

En efecto, o reto sanitario é o máis importante. Condiciona todo o demais e, como lles dicía, estamos nun momento crítico. Porque a evolución en España é mala, e en Galicia (aínda que haxa menor impacto) tamén.

A incidencia en España nos últimos 14 días (205,5 casos diagnosticados cada 100.000 habitantes) sitúanos en niveis equivalentes aos do 2 de abril. Volvemos ser o país europeo coa peor evolución, e multiplicamos por 2,3 a incidencia da segunda Nación máis afectada (Francia).

En Galicia, ese indicador continúa por debaixo da media nacional (123 en Galicia, 205 en España), pero a tendencia en Galicia tamén é negativa.

Hai 99 concellos sen novos casos nas últimas dúas semanas, 130 nos últimos sete e case 200 sen rexistrar contaxios desde hai 3. Pero debemos estar atentos á evolución das zonas máis afectadas.

E en todo momento protexer ao máximo as residencias e centros de discapacidade. A situación actual é de 161 casos activos en usuarios (o 0,57 % do total).

Neste contexto, en Galicia reaccionamos, como fixemos desde o primeiro momento. Mesmo antes de que no conxunto de España se advertira publicamente acerca do coronavirus.

Saben que xa en febreiro constituímos unha comisión interdepartamental da Xunta de Galicia.

Iniciamos a contratación o 1 de marzo dos primeiros profesionais de reforzo no ámbito da Sanidade Pública.

Ou aumentamos o stock de respiradores, ata o punto de que hoxe estamos en condicións de triplicar o número de camas de críticos respecto a antes da pandemia. 

Reaccionamos, adiantándonos en moitas ocasións ao resto de España, e poden ter a certeza de que o seguiremos facendo en cada momento.

Pero tamén digo que será máis sinxelo, e máis efectivo, se a coordinación a nivel nacional é ampla e permanente.

España ten un grave problema se normaliza que só hai dúas alternativas para afrontar a pandemia: ou Mando Único do Goberno central ou absoluta descoordinación.

As comunidades temos o noso papel e o Goberno central tamén debe asumir o seu. Que non é o de centralizar todo ou inhibirse de todo, senón o de aceptar que ten competencias propias que exercer para que outros tamén poidamos desempeñar as que nos corresponden con máis eficacia.

O Goberno de España ten que liderar a resposta a unha pandemia que afecta a toda a Nación. Ten que garantir que as Forzas e Corpos de Seguridade aseguren o cumprimento das leis. Dotarse dos medios necesarios. Detectar se hai normas que mellorar. E, por suposto, coordinarse coas Comunidades Autónomas, con estado de alarma ou sen el, nos temas que son comúns.

Se non, ¿para que existen 22 membros no Goberno central?

¿Para que existen ministerios que xestionan competencias coincidentes coas autonómicas?

¿Para que hai unha Vicepresidencia Social se nada ten que ver coas residencias?

¿Para que hai un Ministerio de Educación se non ten responsabilidade no curso escolar?

¿Para que hai un Ministerio de Universidades se nada ten que dicir na organización da ensinanza superior?

¿Para que hai un Ministerio de Política Territorial se nada hai que coordinar?

O Estado das autonomías é un Estado. Non é un conxunto de estados. En consecuencia, a Administración central non pode ser unha mera observadora que se abstén de actuar agora. Porque iso non é cogobernanza. Iso é desgobernanza.

Con esa convicción nós imos seguir defendendo que unha maior coordinación é imprescindible para protexernos máis e mellor.

E por suposto, imos seguir exercendo as nosas competencias.

Apoiados na emerxencia sanitaria decretada o 13 de marzo, e que desde ese momento segue plenamente vixente.

Apoiados no Plan de Resposta aos Brotes que en Galicia está operativo desde abril.

E sobre todo, apoiados no Comité Clínico que nos asesora permanentemente nos tres eidos de actuación claves: detección, atención e adaptación.

A eles voume referir agora.

Señorías, seguiremos realizando unha intensa labor de detección con todas as persoas implicadas nas tarefas de rastrexo.

Cos médicos de familia, que están a ter un papel clave neste campo.

Cos membros de Medicina Preventiva, que seguen os casos a nivel hospitalario.

Cos equipos da Consellería de Sanidade (servizos centrais e xefaturas territoriais).

E anúnciolles que con futuras incorporacións, como as que o Ministerio de Defensa puxo a disposición e que Galicia xa solicitou.  

E tamén co reforzo da estrutura do departamento de Saúde Pública, que cómpre dimensionar e axustar á pandemia que vivimos. 

Test, test e máis test. É o camiño sinalado pola Organización Mundial de Saúde e non imos desviarnos del.

Fomos a 1ª Comunidade en poñer en marcha o Covid-auto.

Priorizamos os profesionais sanitarios.

Nas residencias, cada nova incorporación sométese a unha proba diagnóstica e, ademais, levamos dous varridos completos ao conxunto dos 25.000 usuarios e imos comezar un terceiro.

Tamén procedemos ao cribado de colectivos especialmente expostos, como Garda Civil, Protección Civil, traballadores en escolas infantís -que hoxe comezan o curso-, colexios e institutos, profesionais de farmacia, funcionarios de Administración local ou traballadores de axuda no fogar.

Estase a impulsar a integración na app Radar Covid, e esperamos a súa entrada en funcionamento a mediados de setembro. 

E, sobre todo, ante cada brote apróbase unha estratexia de testaxe para facer diagnóstico precoz, illar positivos e corentenar os contactos estreitos.

Actualmente, facemos unha media de 4.400 probas diarias, un 178% máis de probas PCR, ademais dos test de anticorpos, dos que facíamos no pico do estado de alarma. Así somos máis eficaces e por iso se están a detectar máis casos. Pero queremos dar un paso máis.

Como saben, fomos pioneiros no uso da técnica pooling, que actualmente analiza de forma conxunta ata 20 mostras e terá capacidade para chegar a 60 conxuntas.

E propoñémonos volver selo cun novo sistema de test masivos a partir de mostras de saliva que se está planificando no Hospital de Vigo e que esperamos consolidar ao longo de setembro.

Permite que cada persoa desde a súa casa recolla a súa propia mostra, a rexistre a través dunha app e a remita para que sexa avaliada en robots con capacidade para analizar 100.000 probas ao mes, tan so nesta técnica.

Un salto cualitativo para facer grandes avaliacións, que loxicamente priorizaremos nas áreas sanitarias e tamén en grandes centros de traballo ou afluencia.

Señorías, ademais dos test, a partir dun determinado momento é inevitable aplicar restricións, como as que están en vigor neste momento. Nalgún caso con carácter xeral para toda Galicia e, se é preciso, con máis intensidade alí onde hai maior incidencia. Como fixemos nas áreas da Coruña e Lugo nas últimas semanas.

Tomaremos as medidas que sexan necesarias. Sendo conscientes de que ninguén é infalible. E coa humildade tamén de recoñecer que o éxito na contención dos primeiros brotes (no Barbanza e A Mariña, por exemplo) será cada vez máis difícil se entre todos non revertemos a transmisión comunitaria que volve haber en España.

Neste punto quero lanzar unha mensaxe de tranquilidade aos galegos. Temos un gran sistema sanitario con capacidade para prestar a atención precisa.  

Como pobo decidimos que a Sanidade Pública fose unha das grandes obras colectivas da nosa democracia.

Como Goberno mellorámola nas últimas lexislaturas.

E como presidente a  Sanidade segue a ser a miña máxima principal vocación e compromiso.

En suma, xa tiñamos unha gran Sanidade Pública, acreditámolo dando unha das mellores respostas de toda España na primeira onda da pandemia, e ademais preparámola para responder tamén á segunda.

Mantemos o reforzo de profesionais sanitarios contratados.

 

Hai reservas para aumentar as UCI, e a día de hoxe só está ocupada o 3,6% da capacidade dispoñible con pacientes COVID.

Cumprimos o requisito de camas de hospitalización, aínda afortunadamente ao 1,7 % do seu tope.

Contamos coa Plataforma TELEA para facer seguimento aos pacientes domiciliarios. Atendéronse a máis de 4.300.

Temos capacidade para levantar hospitais de campaña se chegase a ser preciso.

Hai stock de material, e canles abertas para adquirir o que sexa necesario.

E estamos preparados para intervir as residencias que sofren gran impacto da enfermidade, como fixemos recentemente no Incio.

E máis aló do reforzo puntual ao que nos obriga esta crise, tamén quero subliñar que segue en vigor a estratexia que xa tiñamos antes do coronavirus para a Sanidade Pública.

Primeiro porque esta crise demostrou que foi un acerto o investimento sanitario dos últimos anos. E segundo porque llo debemos tamén a todos os galegos que sofren outras patoloxías diferentes á COVID-19.

Quixera dicirlles a estes pacientes que somos conscientes do que tamén sofren, de que a xestión da pandemia inflúe no día a día de hospitais e centros de saúde, e do que implicaría para cada caso que os contaxios volvan desbocarse e obriguen novamente a limitar a actividade ordinaria dos centros sanitarios.

Señorías, o pasado ano Galicia foi a 4ª Comunidade coa espera media máis baixa para unha operación.

Rexistrou ademais un maior rendemento cirúrxico (case 40.000 intervencións máis que en 2009, un 23%).

Mellorou o ritmo de consultas, cun tempo medio de espera un 40 % menor.

E tamén a eficacia da Atención Primaria, que hoxe deriva aos hospitais un 13 % menos de casos que hai unha década.

Grazas a todo isto, de acordo co Barómetro Sanitario, os galegos valoran a súa Sanidade Pública máis que nunca na historia, especialmente nas Urxencias e na Atención Primaria.

Para manter estes datos, e con máis razón aínda nun contexto de pandemia, completar a renovación integral do Servizo Galego de Saúde será absoluta prioridade desta lexislatura.

En todos os niveis e comezando pola Atención Primaria porque sabemos que xoga un papel fundamental. Nesta crise e tamén en situación de normalidade.

Así, do mesmo xeito que nos últimos 11 anos construímos ou renovamos 74 centros de saúde, impulsaremos os que faltan: outros 39 nesta lexislatura.

E continuaremos coa execución do Plan de Atención Primaria 2019-2021, dotado como saben con 100 M€, que xa permitiu melloras retributivas e contratos máis estables, e que terá as actualizacións precisas para seguir vencendo á pandemia.

Así mesmo, remataremos o impulso dado na última década á Atención Hospitalaria.

Do mesmo xeito que construímos o novo Hospital Público de Vigo e puxemos en funcionamento o Hospital Público de Lugo, construiremos o novo Hospital Público da Coruña, para duplicar a actual superficie.

Do mesmo xeito que transformamos o Hospital Público de Ourense nun novo hospital cun edificio de ingresos na 1ª fase e coa 2ª fase actualmente en marcha, tamén transformaremos nun novo Hospital Público o de Pontevedra, o Gran Montecelo; o novo Hospital Público de Ferrol e ampliaremos o Hospital Público de Santiago.

Do mesmo xeito que rematamos a 1ª fase da ampliación do Hospital Público da Mariña e estamos impulsando a 2ª, ou dotamos ao Hospital Público do Salnés de nova superficie e de novos servizos, incluiremos novas melloras no 100 % dos hospitais comarcais.

En Verín, cun novo servizo de urxencias e PAC.

En Monforte, co hospital de día e a nova farmacia.

No Barco reformaremos a fachada, as consultas externas, o hospital de día ou a área de cirurxía maior ambulatoria.

E tanto en Cee como no Barbanza finalizaremos a ampliación das Urxencias.

En definitiva, cumpriremos a palabra dada e esta lexislatura será a da finalización dun novo Servizo Galego de Saúde: o 100 % dos galegos terán ao seu carón unha infraestrutura sanitaria pública nova ou renovada e con tecnoloxía actualizada.

Igualmente, seguiremos incorporando novos dereitos e servizos.  Como fixemos nas lexislaturas anteriores:

Igual que introducimos a Libre elección de médico, pediatra, persoal de enfermería e centro hospitalario, ou o acceso á 2ª opinión, incluiranse novas patoloxías  no decreto que garante tempos máximos de espera.

Igual que melloramos a dotación de servizos nos hospitais como a Hemodinámica 24 horas en Lugo e Ourense, nesta lexislatura a hospitalización a domicilio chegará ao 100% dos galegos.

Igual que instauramos as vías rápidas para determinadas doenzas, agora renovaremos toda a tecnoloxía de diagnóstico do cancro de mama, estenderemos a toda Galicia o cribado de cervix, seguiremos impulsando o de cancro de colon para acadar máis participación e iniciaremos outros novos como os de cancro de pulmón ou determinadas enfermidades raras.

Do mesmo xeito que incorporamos novas vacinas no calendario ou novos tratamentos como o da Hepatite, fortaleceremos a carteira de servizos dos hospitais comarcais, comezando pola potenciación dos Hospitais de Día.

Igual que nos últimos anos apostamos por uns hospitais con máis medios tecnolóxicos  (quirófanos híbridos), agora iniciaremos a Cirurxía Robótica.

E teremos presente, señorías, que a pandemia supón un dano na saúde mental de moita xente. Por iso, nesta lexislatura, conforme ao xa comprometido, desenvolveremos o maior Plan de Saúde Mental da nosa historia.

Crearemos novas unidades (por exemplo no ámbito da atención infantil e xuvenil) e o Servizo Galego de Saúde xa ten prevista a contratación de máis de 200 profesionais para poder prestar unha mellor atención ás persoas con problemas de saúde mental.

Señorías, referinme á detección e atención sanitaria, pero (como lles dixen) tamén é preciso falar da adaptación que temos que facer en todos os ámbitos. Conxugar a seguridade coa actividade.

En aras disto, xa apoiamos os distintos sectores para elaborar protocolos axeitados. Comercio, industria, sector primario, sector turístico... e seguiremos traballando con todos.

Recoñecendo que en moitos casos carecen de instrucións a nivel nacional que serían aconsellables.

Que cumprir as normativas supón gran esforzo para todo o mundo.

E, por suposto, que por máis que o tentemos, non sempre se acerta e por iso a revisión dos protocolos ten que ser constante.   

Nos últimos meses os cidadáns adaptáronse. Nos seus traballos, no seu día a día, nos seus costumes... asimilaron un novo contexto cunha responsabilidade maioritaria.

Cómpre que tamén as distintas administracións nos preguntemos se a nosa adaptación foi completa, se respondemos como debiamos ás debilidades que os primeiros meses de pandemia deixaron ao descuberto. Pois ben, quero referirme a catro eidos nos que creo que temos materias pendentes: lexislación sanitaria, profesionais sanitarios, residencias de maiores e educación.

Despois de todo este tempo, España segue exactamente coa mesma lexislación sanitaria que tiñamos antes da pandemia. É incomprensible.

Pódese entender o estado de alarma nos inicios porque nos enfrontabamos de súpeto a algo novo. Pero resulta inexplicable que, tras estes meses, xa cunha segunda ola enriba de nós, continuemos igual.

Fálase de nova normalidade pero o mecanismo que se nos dá para afrontar unha situación semellante á de marzo segue sendo excepcional. Non é nin novo nin é normal porque o estado de alarma é extraordinario. Tanto se o pide o presidente do Goberno como se o pedimos os presidentes autonómicos.

É imprescindible garantir axilidade e seguridade xurídica nas actuacións de control dos brotes.

E non a hai se estamos suxeitos ao criterio e aos tempos de cada xulgado de garda para tomar decisións. Nin tampouco se a única alternativa é que vaiamos aprobando estadiños de alarma, cada comunidade cun criterio distinto.

Por iso defendemos modificar o marco normativo que rexe para toda España, e recoller nel instrumentos homoxéneos para tomar decisións homoxéneas. Que loxicamente, cada territorio debe adoptar no momento oportuno, pero cun criterio común e cunha única lexislación.

Convencidos diso, esta semana remitiremos a nosa proposta de Lei Orgánica de Saúde. E o faremos conforme ao compromiso que asumín.

Igualmente, tamén lles confirmo que neste período inicial da lexislatura remitiremos a esta Cámara unha reforma da Lei de Saúde de Galicia.

Saben que, ata agora, a actualización da normativa autonómica foi imposible ao estar disolto este Parlamento, pero –recuperadas plenamente as súas competencias lexislativas- esta norma parécenos prioritaria para cinco obxectivos.  

Primeiro. Maior eficacia cando hai que tomar medidas urxentes, velando en todo momento pola proporcionalidade.

Segundo. Concretar ao máximo esas medidas, mantendo por suposto certa flexibilidade de resposta.  Por exemplo, vemos conveniente introducir unha regulación sobre mecanismos que se teñen demostrado eficaces, como o rexistro de persoas procedentes doutros territorios en diferente situación epidemiolóxica.

Terceiro. Recoller na Lei o papel das novas tecnoloxías.

Cuarto. Aclarar as competencias das administracións local e autonómica.

E quinto. Actualizar a materia sancionadora, e facela coherente coas ordes que impulsamos a pasada semana neste ámbito.

Outro asunto é o relativo á estabilidade dos profesionais sanitarios.

O respecto ao persoal sanitario é compartido por todas as administracións. Pero, non estou seguro se ademais do respecto e dos aplausos e das palabras estamos respostando con feitos.

Merecen máis estabilidade, e por iso, seguiremos insistindo ante o Goberno central en que é urxente eliminar a taxa de reposición nas ofertas públicas de emprego do persoal sanitario.

Non ten sentido seguir prohibindo que se contraten máis profesionais dos que se xubilan. Nin ten sentido que a Administración se vexa obrigada a facer multitude de contratos temporais cando o que quere é evitalos.

Tamén merecen maior reforzo porque hai áreas clave nas que se debe asegurar o relevo xeracional, como a Atención Primaria, a Pediatría ou a Saúde Mental xa mencionada. A cifra dos novos médicos que se forman cada curso, que tamén depende do Goberno central, debe garantir as incorporacións que son precisas nestes ámbitos.

E, en terceiro lugar, merecen máis recoñecemento. Sempre e máis aínda neste momento. E por iso, polo que respecta ao futuro Goberno autonómico, propoñeremos melloras nas súas condicións de traballo á altura do seu esforzo e profesionalidade.

Señorías, a emerxencia provocada pola COVID-19 tamén tivo un grande impacto nos servizos sociais, non só a nivel humano senón tamén porque provocou a apertura dunha reflexión colectiva sobre o futuro das residencias.

A situación en Galicia non chegou aos extremos que se viviron noutros territorios grazas á anticipación e contundencia coa que se traballou desde o primeiro momento.

Antes da declaración do estado de alarma e antes de que o Goberno central publicase os seus criterios, Galicia xa contaba cun protocolo en materia de residencias.

A autoridade sanitaria asumiu a tutela de todas as residencias, tanto públicas como privadas.

Reforzamos o cadro de persoal dos centros residenciais con máis de 1.000 persoas.

Puxemos en marcha as primeiras residencias integradas, varios días antes que outras comunidades que seguirían despois o noso exemplo.

Intervimos, como xa mencionei, nas residencias privadas cun elevado número de contaxios.

E dispoñemos dun completo plan de reactivación que indica como deben desenvolverse as visitas e saídas das residencias; e cando e en que circunstancias se deben restrinxir se hai brotes.

Houbo menor afectación e mortalidade nas residencias galegas respecto a outras partes de España, pero desde logo non podemos conformamos.  Porque tivemos que chorar demasiadas perdas e porque a protección dos maiores debe ser a máxima posible sempre.

O noso obxectivo é perfeccionar os mecanismos de resposta nas residencias ante esta ou calquera outra emerxencia e, por iso: haberá aínda máis Sanidade nas residencias xa que aprobaremos un protocolo de relación entre elas e a rede sanitaria pública, centrado en mellorar o seguimento dos pacientes e avanzar na teleasistencia.

Poremos en marcha un Plan de formación permanente para os traballadores dos centros de servizos sociais de Galicia. Abordaremos a renovación e apoio tecnolóxico dos centros. Reforzaremos a inspección, entre outras medidas. E elaboraremos unha nova normativa que regule as condicións de apertura e actividade das residencias de maiores.

Seguiremos facendo todo o posible, e ademais contamos para iso co rigor e profesionalidade dos traballadores destes centros.

Somos conscientes de que a práctica totalidade do persoal de atención ás persoas dependentes demostrou nestes meses un gran compromiso e profesionalidade que merece toda a nosa gratitude.

Por suposto, alá onde se detecten malas prácticas cómpre detectalas e denuncialas.

Pero as excepcións non poden enturbiar o mimo e dedicación da maioría. Porque non sería xusto.

Outro eido no que a adaptación é básica é a educación. Preocúpanos o inicio do curso porque estamos a falar do máis importante que temos, que son os nosos fillos e as nosas fillas, as xeracións que garanten o futuro do país.

Nos últimos anos, a educación galega avanzou en ámbitos clave nos que nos propoñemos seguir afondando.

Superou liortas estériles e abriu a Educación Pública ao plurilingüismo. Hoxe máis de 100.000 alumnos reciben ensino nunha terceira lingua e temos o compromiso de seguir aumentando esa cifra cada curso.

Viu melloradas as infraestruturas. Desde 2009 construíronse ou renováronse máis de 850 centros nos que estudan 220.000 alumnos. E continuaremos coa posta a punto.

Fíxose unha Educación Pública máis accesible, que manteremos con máis prazas públicas de comedor, coa maior rede de transporte escolar, con axudas para libros e material e coas taxas universitarias máis baixas de España.

E dispón de máis tecnoloxía, xa que máis de 120.000 estudan en aulas dixitais. Obxectivos que, por suposto, reforzaremos nesta lexislatura: só neste curso imos adquirir como mínimo outros 14.000 novos ordenadores.

Galicia pode estar orgullosa da súa Educación Pública porque ademais os resultados acreditan que pode estalo.

Nos resultados do informe PISA, supera a media de España e da OCDE en todas as competencias avaliadas.

E hai o menor índice de abandono da historia da Comunidade (25,8 % en 2009 ao 13,5 % en 2018).

Pero, señorías, ademais de orgullosa, quero tamén que Galicia se sinta segura e tranquila, coa educación que lles deamos aos rapaces neste curso tan difícil que vai comezar, e durante o tempo que dure a pandemia.

É normal afrontalo con inquietude. Tamén iso marcou unhas eleccións en condicións inauditas, e con todos os temores que tamén houbo entón, finalmente creo que se resolveu satisfactoriamente.

Seguramente a preocupación cero non se vai acadar nunca, pero as familias e o resto da comunidade educativa deben saber que a Xunta está facendo e fará todo o que estea na súa man. E que, en todo momento, o Comité Clínico do Servizo Galego de Saúde, que deu unha das mellores respostas á pandemia de España, está traballando neste ámbito tamén.

Que as familias afronten o inicio de curso con preocupación é inevitable.

Que o fagan con confusión é un feito lamentable polo que debemos pedir desculpas e que debemos resolver. Eu fágoo con independencia de quen teña máis ou menos responsabilidade porque creo que as administracións puidemos facelo mellor.

Ata a semana pasada, a días da data fixada inicialmente para empezar o curso, non se celebrou o Consejo Interterritorial para afrontar o protocolo común de apertura do curso escolar en España.

E parece ser, por fin, que  a Conferencia de Presidentes deste venres terá a educación nun punto da orde do día.

Quero recoñecer con claridade que eu non me sentín cómodo nesta dilatación da preparación do curso, nin tampouco observando como os socios do Goberno central se pasan este asunto uns a outros como se fose unha pataca quente da que ninguén quere responsabilizarse.

Pero tampouco vou escudarme niso porque a apertura das aulas ocúpame e preocúpame.

O curso debe comezar coas máximas certezas, e por iso: Galicia foi unha das primeiras comunidades en contar cunha proposta para o novo curso -presentada no mes de xullo-, e a primeira en contar con instrucións adaptadas ao protocolo nacional pactado o pasado xoves, e adaptada tamén ás últimas recomendacións do Comité Clínico. Deste xeito, o claustro, que hoxe se incorpora aos centros, ten unha folla de ruta completa desde o primeiro día.

E na mesma liña, para que os pais conten con toda a información precisa, antes do inicio do curso, a Consellería de Educación organizará encontros telemáticos coas familias para explicar todas as medidas directamente. Posteriormente, os equipos directivos terán tamén a indicación de concretarlles as especificidades en cada centro.

Señorías, os nenos galegos volverán ás aulas de xeito escalonado porque pensamos que iso facilita a adaptación ás novidades que haberá.

Volverán a aulas seguras, reorganizadas cando nos espazos actuais non era preciso garantir a distancia recomendada polo Ministerio.

Nesas aulas estarán profesionais sometidos a un cribado completo, xa que estamos realizando probas a todo o persoal que traballa nos centros educativos, tanto público como concertado.

Galicia, que xa era a Comunidade de toda España con máis profesores por alumnos (10,5 rapaces por docente fronte aos 12,5 da media de España), sumará os profesores necesarios para atender o novo mapa de clases.

E a disposición de toda a Comunidade educativa hai un listado de medidas preventivas que cumprir.

En primeiro lugar, o máis importante: a obrigatoriedade da máscara a partir dos 6 anos.

Información sobre que facer cada día antes de ir ao colexio ou instituto.

Medidas de protección, como as relativas a ventilación da aula varias veces ao día e a limpeza do centro, así como dobres turnos ou mamparas nos comedores.

Escenarios para unha eventual situación de brotes.

E un plan de ensinanza virtual para cando estes brotes se produzan, porque todo indica que lamentablemente se van a producir.

Entre todos, coa máxima seguridade e coas máximas certezas, debemos traballar para que o curso comece.

Porque señorías, os nenos precisan educación de calidade.

Seus pais non poden converterse nos seus únicos profesores.

Os docentes teñen que estar máis aló da pantalla do ordenador.

E a educación sobre todo nos máis pequenos ou con dificultades, será menos educación se non é presencial. Porque a figura dun profesor ante os seus alumnos, a relación que forxan persoalmente, é imprescindible, insubstituíble.

Por iso debemos aspirar a que o curso comece.

Con todas as precaucións e sen perder de vista a situación epidemiolóxica. Pero debemos aspirar a que o curso comece.

Comprendo a preocupación. Compártoa. Como pai e como responsable educativo.

Todos os sectores a sentiron. Os que nunca pararon e os que retomaron a actividade.

Todos responderon con gran profesionalidade. E por iso, non debemos aceptar que ninguén cuestione nin tente boicotear a dos docentes e o resto dos traballadores educativos.

Igual que o persoal dos hospitais -especialmente urxencias, infecciosos e unidades críticas- adaptou o seu servizo no que entran miles de persoas cada día...

Igual que os traballadores dos supermercados que conviven cos miles de cidadáns que mercan neles...

Igual que os responsables de abrir en condicións de seguridade establecementos turísticos nos que os cidadáns disfrutaron as súas vacacións...

Igual que os traballadores das pequenas, medianas e grandes empresas que cada xornada cumpren co seu deber, tamén a comunidade educativa debe retomar o curso co ritmo que a autoridade sanitaria aconselle.

Coa maior responsabilidade, sabendo que o risco cero lamentablemente non existe. E con toda a vocación de dar a mellor formación aos nosos fillos.

E estou convencido de que a comunidade educativa farao ben. Coma sempre. 

Señorías, que o curso comece con todas as garantías é esencial por moitos motivos non menores.

Esencial para preservar a calidade da formación dos nosos nenos.

E con máis motivo no caso de familias desfavorecidas.

Non podemos esquecer, na educación e en todos os eidos, que Galicia debe saír desta crise máis cohesionada, non menos. Máis solidaria, non menos. Máis equitativa, non menos.

Durante as primeiras semanas da emerxencia sanitaria, Galicia despregou un Plan social de continxencia para apoiar ás familias que teñen que vivir ao día e que foron as que máis sufriron o impacto das primeiras incertezas.

Axilizouse e flexibilizouse, ata o máximo que permite a Lei, o acceso á Risga, para que máis de 1.600 persoas foran novos beneficiarios da Risga, é dicir, un 15 % máis dos que a recibían con anterioridade.

Prestouse atención domiciliaria 100% gratuíta a máis de 3.000 persoas maiores e ampliouse o servizo de Xantar na casa para chegar a 1.700 novos galegos que viven solos (incremento de máis do 20 %).

E concedéronse axudas a preto de 60.000 familias cunha bolsa de comedor escolar, tanto para escolas infantís como para colexios e institutos durante a pandemia.

Deste xeito logramos amortecer o primeiro golpe da pandemia, xunto co compromiso que demostraron centos e centos de galegos, desde as Administracións, desde as ONG ou a título individual, para atender ás persoas máis vulnerables.

O comportamento exemplar da sociedade galega inspirounos para poñer en marcha un Plan de recuperación social que aínda está en aplicación a día de hoxe dotado con 60 millóns de euros.

Para 1.200 familias sen ingresos ou con ingresos moi baixos, demos unha Tarxeta Básica de entre 450 e 900 euros para adquirir produtos de primeira necesidade; ademais dun incremento do 50% na partida de Axudas de Inclusión Social. 

Para as familias con nenos ou con persoas dependentes a cargo, propuxemos senllos Bonos Coidado Extraordinarios, con 500 euros ao mes para contratar atención a domicilio que xa solicitaron máis de 1.800 familias.

Para as 730 familias con menores en acollida, incrementamos un 25% a súa retribución.

Para rapaces en situación de vulnerabilidade, dous novos centros de protección.

Para garantir a continuidade duns servizos sociais fundamentais como son as escolas infantís e os centros de día, unhas liñas de axuda extraordinarias para compensar o tempo que deberon permanecer coa súa actividade suspendida.

E, señorías, tamén tendo presente que a loita contra a violencia machista non pode descoidarse en ningún momento.

Non o fixemos nos últimos anos e por iso mantivemos as axudas periódicas e garantimos o apoio en materia psicolóxica, xudicial ou de asesoramento durante a pandemia.

No momento excepcional do estado de alarma puxemos en marcha un Plan de reforzo da atención das vítimas.

E seguiremos traballando nesta lexislatura, por exemplo creando catro centros de información de titularidade pública para mellorar a coordinación dos 82 que existen a nivel municipal, e tamén fomentando que sigan chegando ao ámbito rural. 

O camiño cara á Galicia do benestar pasa tamén por achegar a todas as familias os recursos para vivir dignamente. Nos últimos once anos, a nosa comunidade duplicou os fondos destinados á loita contra a pobreza.

Grazas a iso e ás melloras lexislativas como o novo decreto da Risga, a rede de seguridade que asiste ás familias máis vulnerables é máis forte hoxe que hai once anos.

Agora ben: isto non pode conducir ao conformismo. As consecuencias da pandemia van tensionar o noso tecido social e debemos estar preparados para reaccionar.

Preparados a nivel de recursos, preparados a nivel normativo e preparados tamén a nivel político. A loita contra a pobreza debe ser nesta lexislatura forxa de consensos, e non orixe de disensos.

Nun ámbito no que é difícil deslindar as competencias autonómicas das municipais, a coordinación é capital. Nos últimos meses, demostramos que funcionar así, ademais de desexable, é perfectamente posible. Non teño máis que eloxios para o traballo dos municipios galegos. Da inmensa maioría deles. Debe seguir sendo así.

Sempre defendín desde esta tribuna que a colaboración permite exercer con máis amplitude, eficiencia e acerto as funcións que temos atribuídas.

Por iso, entristéceme ler informacións que apuntan a que o Ingreso Mínimo Vital non está a tramitarse coa axilidade que se require neste momento.

Segundo os datos dos que dispoñemos, tan só está accedendo ao Ingreso Mínimo Vital o 0,5% das persoas que o solicitan. Aínda contando as familias ás que se lles concedeu automaticamente, esta prestación está a chegar a menos do 10% dos seus potenciais beneficiarios.

O grave atasco burocrático que estamos a vivir pode lastrar a eficacia dunha medida que o Goberno anunciou como histórica, e que podería selo se se tivese posto en práctica como é debido.

Non vou recordar as advertencias que fixemos a maioría dos dirixentes autonómicos e das ONG sobre as formas coas que se negociou e aprobou a medida e sobre a modalidade de xestión que se escolleu.

Si me gustaría avanzar a posición que manterá a Xunta de Galicia, se esta Cámara me outorga a confianza para ser o seu Presidente:

En primeiro lugar, a nosa comunidade seguirá reclamando a xestión do Ingreso Mínimo Vital. Como lle trasladei varias veces ao presidente do Goberno central, despois de trinta anos tramitando a Risga, a Administración autonómica ten os profesionais e a experiencia necesaria para que esta prestación chegue do mellor xeito posible ás persoas que a necesitan.

Nin a maioría dos galegos nin eu mesmo comprendemos as razóns polas que a algunhas comunidades xa se lles ten comprometido a xestión desta axuda e a outras se nos denegou.

Aínda que a parálise sexa tal que, cando se cumpren tres meses da publicación do Ingreso Mínimo Vital no BOE, nin sequera se consumase a encomenda de xestión ás dúas únicas comunidades que, segundo o Goberno, eran dignas de facelo.

En segundo lugar, e paralelamente a unha reclamación que cremos xusta, a xestión directa desta renda por parte das comunidades autónomas, Galicia deseñará o mecanismo para que unha parte do orzamento da Risga se reoriente a complementar o Ingreso Mínimo Vital, garantindo, iso si, que estea vinculado coa inserción sociolaboral das persoas que o perciben.

A nosa comunidade tamén estará pendente daquelas persoas que están nunha situación máis extrema. Seguiremos traballando para evitar os desafiuzamentos e facilitando alternativas  habitacionais ás persoas que os sofren.

Ademais, nesta lexislatura desenvolveranse as medidas recollidas no Plan de atención a persoas sen fogar, que inciden especialmente no acceso á vivenda. Temos o convencemento de que dispoñer dun teito é a mellor forma de iniciar un proceso de inclusión social.

Somos conscientes das dificultades de moitos galegos, especialmente os máis novos, para acceder a unha vivenda. Pode agravarse no contexto actual, e por iso seguiremos priorizando esta tarea:

A través do Bono de Alugueiro Social, que durante a pandemia está a cubrir o 100% da renda, co diñeiro de todos os galegos a través do presuposto da Xunta.

Con novas axudas para a adquisición de vivenda protexida, tanto nova como rehabilitada; de ata 20.000 € para familias con menos ingresos.

Incentivando a emancipación dos mozos cun programa de alugueiro con opción a compra.

E fomentando tamén a mobilización de vivendas baleiras, un obxectivo no que levamos traballado moito ao longo dos últimos anos.

Máis de 33.000 familias en Galicia contan con axudas da Xunta para aluguer ou rehabilitación; e o noso obxectivo é que haxa cada vez máis porque ter unha vivenda digna é un obxectivo clave de calquera persoa.

Por suposto, en ningún caso o dereito constitucional á vivenda pode exercerse en colisión coa liberdade ou a propiedade doutros galegos.

Como a maioría dos cidadáns, estamos preocupados pola ocupación ilexítima de vivendas. Dana a convivencia, atenta contra os valores que nos fan fortes como sociedade. E, como no resto de España, está crecendo de forma preocupante, polo que se debe reaccionar a nivel nacional con rapidez e contundencia, modificando a normativa legal axeitada.

As difíciles semanas nas que España estivo confinada fixéronnos apreciar máis se cabe a importancia de dispoñer dun fogar en condicións. Pero o noso pensamento estivo tamén con aqueles que teñen unha vivenda, pero non con quen compartila.

As persoas maiores que viven soas precisan apoio, compañía e cariño. Para achegárllelo, dispoñemos do Servizo de Axuda no Fogar (que despois destes once anos chega a 16 veces máis domicilios que antes), tamén o Xantar na casa ou os servizos de teleasistencia.

Seguiremos estando ao seu carón. Nos vindeiros meses presentaremos a Estratexia de atención á soidade non desexada, que identificará esta problemática e proporá medidas para solucionala.

Tamén volverá poñerse en marcha, con todas as garantías sanitarias, o autobús de Coidados porta a porta, que en 2019 percorreu 20 concellos e neste 2020 levará a 200 municipios servizos de óptica, podoloxía e estimulación cognitiva.

Teño a convicción de que as persoas maiores deben ser suxeitos activos, non pasivos, desta sociedade. A súa voz debe ser escoitada con atención, valorada e respectada. Os galegos de máis idade teñen dereito a decidir como queren facerse maiores.

Desde esa filosofía estenderemos unha iniciativa pioneira como son as casas do maior, que nesta lexislatura chegará ao 100% dos concellos de menos de 5.000 habitantes. Xa están en funcionamento as primeiras 30 e lanzada a orde para outras 30 casas do maior máis. 

Reforzaremos tamén a rede pública de residencias de maiores, para aquelas persoas que, polo seu grao de dependencia, precisan un apoio máis intenso.

Na primeira metade desta lexislatura, Galicia contará con sete das mellores residencias de Europa: as que proxectamos, co financiamento da Fundación Amancio Ortega, nas principais cidades de Galicia. E complementaranse con máis prazas públicas naquelas zonas onde exista unha maior demanda.

Se nestes once anos conseguimos incrementar nun 44% o número de prazas á disposición das persoas maiores dependentes, ata 2024 prevemos subir esa porcentaxe ata o 80% creando 2.000 prazas máis.

Pero todo isto, como é natural, non podemos facelo sós. O financiamento do sistema da atención á dependencia non pode recaer, case en exclusiva, sobre os ombros das comunidades autónomas.

Dos 383 millóns de euros que Galicia destina a atender ás persoas dependentes, tres cuartas partes proveñen da comunidade autónoma, contradicindo a Lei, que establece un reparto 50-50.

Desde 2009, o investimento da Xunta en dependencia incrementouse nun 95%; os fondos estatais nun 24%.

Espero que esta sexa a lexislatura na que o Goberno central salde esta débeda cos maiores e coas persoas con discapacidade de Galicia.

Isto non significa, señorías, que na nosa comunidade non sigamos tendo materias pendentes. Pese ao incremento sostido das prazas públicas, pese ao impulso á integración laboral das persoas con discapacidade, pese ás melloras na accesibilidade... aínda existe marxe de mellora.

Moitas persoas pasan demasiado tempo esperando polo seu grao de dependencia ou de discapacidade, unha situación que se viu acentuada durante a pandemia. Por eles, comprometémonos a axilizar e simplificar os procesos necesarios para acceder aos servizos e prestacións públicas.

Nesa mesma liña, proximamente contaremos cunha ferramenta útil para que as persoas con discapacidade poidan acceder canto antes a un centro que se axuste ás súas necesidades e preferencias. Falo do Decreto do concerto social, que xa está en tramitación e pronto verá a luz.

Permítanme tamén reiterar o meu compromiso coa Xustiza, un servizo que tamén se está a ver fortemente presionado a raíz da pandemia.

É prioritario que o Goberno central desenvolva con éxito e con fondos suficientes un plan de reactivación dos órganos xudiciais. Conta con todo o apoio da Xunta de Galicia.

Pola nosa parte, non renunciamos a seguir completando nin a renovación tecnolóxica nin a seguir finalizando as infraestruturas xudiciais que necesitamos. De feito, do mesmo xeito que nos últimos anos investimos 100 M€ na renovación tecnolóxica e de infraestruturas nas cidades de Ourense, A Coruña, Santiago e Ferrol, que teñen novos xulgados a disposición, seguiremos traballando e, por exemplo, remataremos a Cidade da Xustiza de Vigo, a maior obra xudicial feita nunca na historia de Galicia.

Señorías, hai e haberá galegos en dificultades que debemos protexer porque a situación económica é complexísima.

Xa estamos padecendo as consecuencias da pandemia, como o resto de comunidades e países.

A isto únese a incerteza sobre os rebrotes, e os efectos das medidas que hai que tomar para contelos. 

E no noso caso, súmanse ademais as preocupantes previsións para España, que apuntan á maior caída do PIB da contorna europea, sen precedentes na nosa historia.

Debemos aceptalo con realismo porque isto é básico para poder anticiparse, sen esperar pasivamente os acontecementos.

E debemos afrontalo con esperanza porque xa superamos momentos de recesión antes.

Se Galicia é a  2ª comunidade que máis aumentou o PIB per capita na última década.

Acadou a maior converxencia en renda con España da serie histórica.

Bateu récords de exportacións ata a chegada da pandemia.

Reduciu a taxa de paro do 12,6% que atopamos en 2009 ao 11,95% actual.

Ou cambiou o rumbo de sectores que estaban caendo, como o naval ou a automoción.

Se fomos capaces de lograr iso é porque, como pobo, fomos capaces de reverter a fonda crise que tamén marcou unha sesión de investidura como esta na primeira das miñas lexislaturas. Esa experiendia debe impulsarnos.

Tamén no presente hai ocos de esperanza nos que podemos apoiarnos para afrontar o desafío actual. Por exemplo:

Os datos de caída do PIB (aínda que durísimos) revelan polo momento un mellor comportamento de Galicia que o resto de España. En Galicia o PIB cae o 14,5% e no resto de España o 18,5%.

O emprego destruído no 2º trimestre estase recuperando a maior ritmo que a media nacional. En Galicia se recupera o 81,85% fronte ao 31% do conxunto do Estado.

E o mesmo ocorre cos ERTES. Galicia foi a 5ª Comunidade onde máis rápido descendeu o número de traballadores nesta situación, cunha intensidade oito puntos superior ao conxunto de España.

E, ademais dos datos, tamén temos a nosa forza colectiva. 

Como xa dixen, conto con todos os grupos desta Cámara. Se cada día galegos que foron votantes do Partido Socialista ou do Bloque Nacionalista ou do Partido Popular traballan e loitan xuntos, tamén nós temos que sumar esforzos na busca de respostas realistas ás consecuencias económicas  e sociais da pandemia.

A reacción tamén será máis axeitada se seguimos contando co tecido produtivo, coa súa visión e experiencia, como fixemos en Galicia ao constituír o Comité de Expertos Económicos.

Quero agradecer a todos os seus integrantes a súa disposición. E trasladarlles igualmente que o seu servizo a Galicia non rematou. Seguirémolos necesitando.

E, por suposto, o Diálogo Social é un instrumento clave para trazar medidas que palíen a situación actual e impulsen a senda de crecemento.

O Diálogo Social resultou moi útil para dar os primeiros pasos durante a pandemia. 

Por exemplo, no Diálogo Social Galicia pactou e conseguiu ser unha das primeiras comunidades que facilitou que os traballadores afectados por un ERTE puidesen cobrar un anticipo da súa nómina cando o Goberno aínda non lla tiña ingresada.

Por exemplo, no Diálogo Social activamos axudas para completar as prestacións de menor contía dos traballadores afectados por ERTES e para as persoas a partir de 55 anos que perderon o seu emprego.

Por exemplo, no Diálogo Social fixemos un novo programa de formación dixital dirixido a parados con máis de 45 anos.

E tamén no Diálogo Social durante a pandemia aprobamos un paquete de medidas extraordinarias de conciliación para axudar ás familias, que inclúe as excedencias e as reducións de xornada por coidados a menores ou maiores.

Todas elas, insisto, son iniciativas que xurdiron no seo do Diálogo Social durante os meses da primeira ola, e por iso, a miña intención é reforzar o marco de concertación que xa tiñamos.

Así, anúnciolles que a miña primeira decisión xunto co nomeamento do novo Goberno  será a convocatoria da Mesa de Diálogo Social. Precisamente para trazar xuntos métodos e obxectivos:

Métodos e obxectivos para paliar a crise, pero tamén saír reforzados dela e deseñar a Galicia de 2030 apoiada nos catro eixos nos que xa viñamos traballando: unha Galicia máis familiar; máis verde; máis innovadora e máis aberta.

Señorías, non oculto que un obstáculo determinante para afrontar o futuro é a incerteza que temos sobre as contas públicas.

Galicia tiña ata a chegada da COVID-19 unha situación financeira saneada. Soubemos manter o autogoberno. Non precisamos de axudas que implicaran perda de control ou intervención da nosa Facenda autonómica. Fomos a Comunidade que menos aumentou a débeda pública desde 2008 e a que mellor paga, aínda actualmente, aos seus provedores.

 

Eses datos, aos que por suposto seguimos aspirando, vense agora superados por unha restra de incógnitas acerca da situación financeira que temos as Comunidades e que cómpre disipar canto antes.

Desde que se iniciou esta crise, a maioría dos presidentes autonómicos pedimos a celebración dun Consejo de Política Fiscal y Financiera. Non se celebrou ningún. E é imprescindible porque as autonomías, que estamos asumindo importantes tensións para poder cumprir coas competencias que temos, precisamos respostas e decisións. Como tamén o é mellorar o funcionamento da Conferencia de Presidentes para que sexa útil e verdadeiramente un espazo de acordo concreto.

En primeiro lugar, necesitamos volver a falar do Fondo de 16.000 millóns de euros habilitado para afrontar os gastos deste ano. Primeiro porque se está revelando insuficiente.

Pero, ademais, seguimos absolutamente en contra dos criterios fixados discrecionalmente polo Goberno, que no caso de Galicia supuxo só no primeiro tramo deste fondo perder 83 millóns de euros en relación coa porcentaxe que nos correspondería co sistema de financiamento actual.

En segundo lugar, discrepamos de que eliminara do Fondo a área social, toda vez que Galicia xa preveu 76,5 millóns de recursos na área social mentres que o Goberno só enviou 18,9 millóns e deles o 43% para os concellos.

E, en terceiro lugar, porque debe ter continuidade este ano 2021. Hai gastos que van ser estruturais durante varios anos (en Sanidade e Educación especialmente) e, por iso, o Goberno debería habilitar un Fondo similar suficientemente dotado para 2021. O Fondo covid 2021.

Segundo dentro da restra de incertezas: a necesidade financeira. O Goberno central segue sen aboar os 370 millóns que lle debe a Galicia, e que lle debe ao resto das comunidades autónomas, pola mensualidade do IVE que está sen pagar e polos incentivos polo cumprimento dos obxectivos fiscais que desde o ano 2017 seguen sen pagar.

Terceiro. Tampouco se transferiron os fondos finalistas para emprego, uns fondos que nos confiscaron, simplemente, e que no caso de Galicia ascende a 100 millóns de euros. Seguimos esixindo o acceso a eles. E o lóxico sería amplialos ante unha nova realidade sociolaboral que recomenda fortalecer as políticas activas de emprego.

Cuarto. Aínda non temos ningunha información para elaborar os presupostos do próximo ano, que neste momento terían que estar en proceso de elaboración. Non temos ningunha información. Non sabemos nin coñecemos o teito de gasto, nin as previsións, nin os anticipos a conta, nin os obxectivos de déficit público, nin a porcentaxe de débeda autorizada, é dicir, non sabemos nada.

Quinto. Estamos en desacordo co acordo alcanzado coa Presidencia da FEMP (en contra de todos os partidos salvo o PSOE) respecto ao superávit dos concellos, que corresponde aos veciños de cada municipio.

Sexto. Importantísimo. Hai que aclarar a situación na que queda Galicia respecto aos fondos europeos. O acordo alcanzando por España a nivel europeo suporía, co procedemento actual, unha perda do 40% dos fondos europeos respecto ao período comunitario anterior. Que, por suposto, non podemos aceptar.

Que xa pedín reconsiderar a nivel nacional ao presidente do Goberno porque é básico para que poidamos preparar o futuro cun mínimo de planificación económica e presupostaria.

Sétimo. Levamos anos reclamando desde a Xunta que se actualice o sistema de reparto de fondos que naceu eivado.

Pasa por unha reforma ou actualización do sistema de financiamento autonómico que xa non pode adiarse máis e que debemos negociar entre todos. Pensando máis en persoas e menos en territorios.

E oitavo. Debemos habilitar un sistema que garanta as comunidades participar na xestión do Fondo de Recuperación aprobado pola Unión Europea, sobre o que logo volverei.

Ademais da situación financeira das administracións, é moi importante que non agravemos os problemas que xa temos.

Sería totalmente incompatible falar de reconstrución e, ao mesmo tempo, deixar caer empresas que supoñen miles de postos de traballo.

O Goberno central debe poñer fin ás incertezas xeradas na industria asentada no litoral cunha nova lei de costas que naza do consenso e a defensa do emprego. Tamén dos empregos que garante Ence para 5.000 familias directamente e 80.000 que viven da madeira.

Debe buscar alternativas que garantan un futuro industrial para as comarcas dependentes das centrais de Meirama e A Pontes.

Velar polo futuro de Navantia, sobre todo para cubrir o baleiro que ten polo retraso da construción das fragatas.

Garantir un prezo eléctrico que achegue estabilidade á industria electrointensiva. Para que poida competir en igualdade de condicións co resto de Europa e porque 5.000 familias en Galicia dependen do prezo da enerxía para a industria electrointensiva.

E debe implicarse para materializar a solución viable e estable para Alcoa. Hai unha opción. E ademais temos a palabra que me deu persoalmente o Presidente do Goberno.

Desde logo eu creo nesa palabra e traballarei con el para conseguir o obxectivo que compartimos todos: manter a actividade industrial na Mariña lucense e salvar os miles de emprego en xogo.

Entre todos debemos crear un clima propicio para que a economía poida afrontar o momento actual, e por suposto, a Xunta tamén.

Con ese convencemento aprobamos en xuño o Plan de Reactivación e Dinamización, dotado de 3.043 millóns de investimento público-privado.  E como xa avanzamos, traerémolo á comisión que se cree neste Parlamento para seguir fortalecendo un paquete de medidas en tres ámbitos: medidas para afrontar o shock; medidas para impulsar a reactivación e medidas para acelerar a transformación económica.

Loxicamente, o máis urxente é afrontar o shock inicial, e para iso xa achegamos todos os mecanismos de financiación ao noso alcance para a industria e o resto do tecido produtivo. Por exemplo,

Vacacións fiscais de impostos galegos ata novembro de 2020.

Aprazamento das cotas de amortización do 1º semestre dos préstamos con Igape e  XesGalicia.

Axilización de pago a provedores.

Préstamos ata 200.000€ que beneficiaron a 2.200 empresas e microcréditos cos que bonificamos o 100% dos xuros a pequenos emprendedores e autónomos.

Igape Responde converteuse en xanela única para asesorar aos emprendedores.

Todo o posible, en definitiva, para outorgar liquidez e apoiar o mantemento da actividade. Porque iso era o primeiro.

Nunha segunda fase, tamén asumimos a nosa responsabilidade para contribuír á reactivación. Por exemplo

Recuperamos o 100% da obra pública que estaba en execución en Galicia antes do estado de alarma. A primeira comunidades autónoma que recuperou toda a obra pública. 508 obras que supoñen 5.300 postos de traballo.

Flexibilizamos as condicións de acceso ao solo empresarial propiedade da Xunta de Galicia.

Aprobamos novas liñas de financiamento para axudar ás empresas a reinventarse nun novo contexto no que case nada é igual que antes. A transformación e dixitalización de espazos comerciais é quizais un dos exemplos máis ilustrativos e máis exitosos disto.

Contribuímos a xerar unha industria de material COVID en Galicia, destinando case 12 millóns que, por exemplo, permitiron unha capacidade de fabricación de preto de 1 millón de máscaras cada día en Galicia.

Permítanme referirme neste punto ás persoas e sectores que están a verse especialmente afectados pola crise.

Loxicamente, as persoas máis castigadas pola crise son os desempregados ou aquelas persoas que ven reducida a súa xornada laboral e ingresos.

É necesario darlles respostas específicas e, por iso, redefinimos unha nova axenda de emprego que prevé mobilizar máis de 225M€ e beneficiar a máis de 65.000 galegos desempregados.

Atendemos os principais retos aos que se debe enfrontar o mercado laboral, que debe prepararse para a transformación tecnolóxica de empresas  e autónomos e facilitar a convivencia das diferentes formas de traballo – presencial e teletraballo –.

A crise tampouco está afectando a todos os sectores da mesma maneira, e temos que ser plenamente conscientes de que a hostalaría, o turismo, o sector do ocio e da festa, o da venta ambulante... están a sufrir moi intensamente.

Agradezo a colaboración de todos nun momento de moita incerteza para eles. Decisións como o peche dos establecementos de ocio nocturno son necesarias en determinados momentos para conter o avance da pandemia, pero loxicamente teñen consecuencias económicas que hai que ter en conta. 

Neste sentido, seguiremos a traballar conxuntamente co sector cun protocolo de reactivación para cando a situación sanitaria permita a reapertura paulatina dos locais así como vías de financiamento ás que poidan acceder.

Tamén quero recoñecer o esforzo de todo o sector turístico na preparación para a campaña de verán, ao que tentamos contribuír cun Plan de Choque de 58 M€ e do que o 75% das medidas están en execución.

Galicia chega aos meses de vacacións cos deberes máis feitos e iso traduciuse en que estamos entre as comunidades cos mellores resultados turísticos. E, con ese impulso, imos seguir traballando. Para resistir pero tamén para avanzar.

Porque dicíalles que esta crise tamén nos convoca a medio e longo prazo, e pon ante nós o reto de afrontar a transformación na que xa estabamos inmersos pero que cómpre acelerar.

Primeiro, a transformación cara unha Galicia aberta.

Xa estabamos no camiño cara unha Galicia aberta, impulsados por un modelo turístico exitoso e co horizonte dunha década que vai celebrar tres Xacobeos.

Nos últimos anos aumentamos en máis dun millón a cifra de turistas anuais. Crecemos  en todas as variables. Consolidamos un novo modelo turístico, máis descentralizado e máis desestacionalizado. Duplicamos o número de turistas estranxeiros.

É certo que a pandemia transformou profundamente a nosa realidade, por iso é fundamental reformular o Xacobeo. E estamos a facelo, a escasos catro meses do seu inicio, grazas ao traballo avanzado, que nos permitiu ter unha proposta e un diagnóstico con gran antelación.

A década Xacobea que imos iniciar, máis alá dunha celebración, debe ser unha ferramenta económica na que debemos tentar apoiarnos.

No ámbito turístico, suporá unha vantaxe competitiva, nun momento en que todos os destinos buscan reinventarse e adaptarse a un novo escenario de incertezas, en Galicia partimos dun acontecemento recoñecido mundialmente, que leva séculos fomentando os valores que hoxe todos buscan para o seu destino.

Non só no ámbito turístico, tamén no ámbito cultural. No ámbito cultural debe ser un revulsivo para os nosos creadores, desde o que retomar a súa actividade, un acontecemento que fomente o deseño de produtos e formatos e que incentive demanda para construír e consolidar proxectos de país a longo prazo.

Despois dun impacto colectivo tan profundo como o sufrido durante estes meses, o Xacobeo pode ser, imos traballar para iso, un apoio para a recuperación, non só económica, senón tamén emocional do pobo galego.

Transformación, en segundo lugar, cara a Galicia innovadora.

Señorías, igualmente temos que seguir avanzando cara unha Galicia máis innovadora.

Iso non significa renunciar ao que xa somos porque os sectores estratéxicos da nosa economía están chamados a seguir séndoo.

Non renunciamos a seguir sendo líderes no sector pesqueiro, pero debemos seguir innovando para responder aos retos da comercialización e garantir novas fórmulas de traballo máis sostibles. Nese sentido, están listos para botar a andar nos primeiros compases da lexislatura o Plan de Acción do Marisqueo e o Plan de Acción da Pesca Costeira Artesanal. Tamén seguiremos atentos ás consecuencias que o Brexit ten en ámbitos como este.

Tampouco renunciamos a que moitos galegos sigan vivindo do rural, pero debemos seguir innovando para avanzar na súa modernización. Para seguir atraendo proxectos de transformación do sector lácteo. E para seguir aumentando a agricultura ecolóxica.

Non renunciamos ás nosas industrias históricas, como o naval ou a automoción, e imos seguir innovando e continuando a aposta decidida pola súa modernización. 

E tampouco renunciamos a apostar por sectores novos sen tradición na nosa historia económica, pero con potencial de crecemento como o aeronáutico ou o biotecnolóxico. Porque iso tamén é innovar.

Pero ademais do noso propio convencemento, estamos obrigados a seguir por este camiño de innovación porque a Unión Europea tamén vai por aí. Neste sentido, o Fondo habilitado a nivel comunitario é unha fiestra de oportunidade que non podemos desaproveitar.

Por iso, seguirá sendo unha prioridade para nós apoiar ás pemes en ferramentas 4.0 e á industria na aposta pola fábrica intelixente.

Tamén os centros de fabricación avanzada, que dean continuidade aos primeiros que xa están aprobados como o Polo TIC da Coruña.

Seguir acompañando aos emprendedores na comercialización de solucións innovadoras fronte á COVID, como viñemos facendo nestes meses.

E por suposto, apoiando a Galicia innovadora na dixitalización, que neste contexto é absolutamente imprescindible.

O Fondo de Reconstrución europeo tamén reforza a nosa aposta pola Galicia verde. Convócanos a afondar no reto da economía sostible e Galicia tamén está nel.

Seguiremos apostando por un sector estratéxico para a economía galega, como é o forestal, e en concreto lanzaremos a liña Emprega Madeira para fomentar a construción ou rehabilitación a partir deste material.

Tamén polo crecemento das enerxías renovables. Galicia é a 2ª CCAA con maior potencia eléctrica renovable instalada, cunha produción equivalente ao 88% do total do noso consumo. E seguiremos traballando no seu impulso porque queremos que esta porcentaxe chegue ao 100%.

Estamos convocados, en definitiva, a acelerar a transformación económica e Galicia está disposta. De feito, como lles dixen, xa pedimos ao Goberno central que implique ás Comunidades no Plan de Investimentos e Reformas que está elaborando e este venres volverei solicitalo na Conferencia de Presidentes.


Debemos sentarnos para que no outono poidamos levar a Europa un Plan acordado por todos. Desde logo Galicia ten vontade e ten tamén xa deseñados os primeiros proxectos tractores que, na nosa opinión, encaixan perfectamente na filosofía do Fondo Europeo.

A instalación dunha planta de produción de hidróxeno verde.

A implantación dun centro para o impulso da economía circular.

E a creación dun centro de fabricación de fibras téxtiles sostibles a partir da celulosa soluble da madeira, que permita diversificar un sector estratéxico para Galicia.

Son tres proxectos tractores que vimos traballando neles desde fai meses.

Señorías. Só estes proxectos supoñen un investimento aproximado de 1.300 millóns, pero o noso compromiso é darlle continuidade con iniciativas adicionais que deseñaremos cos expertos e sectores máis innovadores.

Ese é o noso obxectivo porque encaixan na aposta por facer unha transición enerxética planificada, ordeada e xusta.

A transición ecolóxica que nos gustaría acordar co Goberno central, máis que apoiarse en pechados criterios doutrinarios, debería sustentarse na realidade.

Esa realidade está definida por comarcas necesitadas de reactivación industrial, por traballadores e profesionais ben cualificados, e por industrias que requiren un cambio e unha adaptación gradual. Non somos orixinais neste punto. Europa, sen distincións partidarias, sigue este camiño que, por razóns difíciles de entender, o Goberno da Nación, de momento, desdeña.

Señorías, é incuestionable que a chegada desta pandemia trastocou os plans de Galicia como en todo o mundo. As familias reordenaron os seus hábitos e as institucións da nosa comunidade tampouco foron alleas a esta reorientación colectiva.

Nestes meses cambiaron as urxencias do Goberno galego, pero non os nosos compromisos coa cidadanía porque os nosos compromisos coa cidadanía permanecen e serán fixados no Plan Estratéxico que estamos elaborando.

As decisións que tomamos e tomaremos para combater a pandemia deixarán un cimento na nosa comunidade. O noso labor é garantir que, sobre ese cimento, poida seguir construíndose a Galicia que queremos e pola que levamos tantos anos traballando.

Nesta época brumosa resulta complicado mirar ao lonxe, cara adiante. Pero é o noso deber facelo. Cando superemos xuntos esta situación —que a superaremos—, non podemos nin debemos atoparnos ante o baleiro, sen unha planificación que guíe os nosos pasos.

Antes desta crise, Galicia tiña unhas metas compartidas, uns obxectivos comúns e unhas rutas de consenso para acadalos. Pode que haxa que alterar o plan de viaxe, pero desde logo non imos renunciar ao destino que nos marcamos.

O primeiro dos retos ao que non podemos renunciar é o futuro demográfico de Galicia. Non se trata dunha cuestión novidosa.

Hoxe existe un amplo consenso sobre que a demografía debe estar no máis alto da axenda das prioridades dos gobernos europeos. Confío en que ese sentir colectivo atope reflexo nesta cámara, algo que haberá ocasións de demostrar ao longo desta lexislatura.

A Xunta aprobou neste ano o Proxecto de lei de impulso demográfico de Galicia, un texto pioneiro non só na nosa comunidade senón a nivel nacional. Unha das primeiras decisións que debe tomar o próximo Goberno será remitila a este Parlamento para que se debata, se enriqueza e se lle dea luz verde definitivamente.

Para abordar esta cuestión co rigor que precisa, debemos evitar caer en simplismos: non é só unha cuestión cultural, non é só un problema económico, non é só un problema de conciliación, non é só un problema de preferencias persoais. É unha combinación de todos estes factores, que calquera política demográfica debe ter en conta para ser eficaz.

Nesa liña van as medidas que recolle a Lei de impulso demográfico, algunhas das cales xa están en vigor.

Na semana na que os máis pequenos da casa, hoxe, empezan a reincorporse ás aulas, é obrigado recordar que as familias galegas son as únicas de España que dispoñen dunha educación infantil totalmente gratuíta para os segundos fillos e sucesivos.

A gratuidade da atención educativa para máis de 12.500 cativos non é unha decisión illada. Trátase da continuación lóxica a once anos nos que a educación infantil viviu en Galicia unha etapa de expansión sen precedentes co dobre de prazas públicas, novas axudas e novos instrumentos de conciliación como as casas niño do rural.

Nos vindeiros anos profundaremos na conciliación máis alá dos límites da escola infantil, con fondos para que as empresas poñan en marcha servizos de atención á infancia, máis apoio para contratar “canguros” e unha especial reflexión sobre os horarios e a flexibilidade, cuestión que o confinamento volveu poñer de plena actualidade.

Ademais das medidas de conciliación, nestes anos tamén diriximos aos fogares con fillos máis axudas económicas que nunca. Desde o ano 2016 repartimos 60.000 Tarxetas Benvida cunha aportación económica de 70 millóns de euros en beneficio das familias que teñen un fillo ou unha filla.

Nesta lexislatura, Galicia volverá estar á vangarda das políticas de apoio ás familias, equiparando a efectos do imposto da renda os fogares monoparentais ou con dous fillos ás familias numerosas e concedéndolles a estas unha bonificación de 250 euros por cada fillo a partir do terceiro.

Como é natural, as familias con tres ou máis fillos seguirán contando co apoio incondicional deste Goberno.  Para elas, tal e como comprometemos durante a campaña, xa temos moi avanzada a redacción dun Plan de apoio ás familias numerosas, que verá a luz antes de que remate este ano 2020.

Dentro deste paquete de medidas, estes fogares con familias numerosas poderán atopar medidas como: descontos en todas as peaxes das autoestradas de titularidade autonómica; apoio específico para as familias numerosas de tipo especial (con 5 ou máis fillos); ou prezos reducidos nos aparcamentos dos hospitais ou outros centros da Xunta.

Pero a demografía engloba moito máis que as políticas de conciliación e apoio ás familias. Tamén é fixación e atracción de nova poboación, o equilibrio territorial, a igualdade e son políticas destinadas aos máis novos e aos maiores.

A Galicia do futuro debe presentar novas oportunidades para a mocidade. É básico para iso que sigan tendo unha formación axeitada ás necesidades presentes e futuras. Como as que se garanten coa maior aposta de Formación Profesional (hoxe hai un 50 % máis de matriculados e cada vez máis FP dual). E como as que garanten tamén as universidades a través da renovación do mapa de titulacións que están a facer.

Oportunidades tanto para os mozos que naceron aquí como para os que veñen de fóra.

Señorías, cada vez son máis as persoas que queren asentarse na nosa terra, por iso no ano 2019 conseguimos crecer timidamente en poboación, por primeira vez en dez anos.

Desde 2009, entraron en Galicia 46.661 persoas máis das que se foron.

E desde logo as nosas portas seguen abertas para todos os que queiran volver, especialmente pensando nos galegos de segunda e terceira xeración que están a vivir un momento dificilísimo na maioría dos países de Latinoamérica.

A Galicia do futuro debe apostar polo envellecemento activo, porque os nosos maiores seguen tendo moito que dicir e que achegar.

A Galicia do futuro debe seguir dando pasos en igualdade porque é moito o que avanzou nesta materia pero debe seguir avanzando para que non queden restos de machismo na nosa terra.

A Galicia do futuro debe afondar en cohesión, para que as oportunidades non dependan do lugar da nosa comunidade onde vivan.

A fenda que aínda existe entre a Galicia rural e a das cidades seguirase reducindo durante esta lexislatura. Por iso é necesario avanzar na dotación de infraestruturas que reduzan os tempos necesarios para moverse dentro da nosa comunidade.

O mesmo compromiso que fixo posible renovar as liñas de transporte público e garantir que sexa gratuíto para todos os menores de 21 anos en todas as liñas de transporte público da Xunta de Galicia.

O mesmo compromiso que fixo que o 80% dos galegos xa teñamos a menos de 15 minutos da nosa casa unha vía de alta capacidade, que garantirá tamén que se materialicen novos avances.

Falo da intermodalidade —que nesta lexislatura poderán comezar a aproveitar moitos galegos—, falo de infraestruturas viarias, nas que seguiremos traballando  e, por suposto, da chegada do tren de alta velocidade

Non pode haber máis escusas, supoño: Galicia non admitirá novos retrasos sobre retrasos, nin máis incumprimentos sobre incumprimentos. Queremos un calendario definitivo xa. Non creo que iso sexa moito pedir.

Tamén temos moi presente que, ás portas da terceira década do século XXI, algunhas das infraestruturas máis importantes non están dedicadas á mobilidade das persoas.

No “debe” de Galicia está aínda a conectividade móbil en certas zonas rurais, algo que supón importantes dificultades para os seus veciños á hora, por exemplo, de teletraballar.

Para poñerlle remedio, a Xunta vai liderar os esforzos para mellorar a cobertura nas zonas onde os operadores non teñen previsto facelo. Porque unha Galicia vertebrada pasa necesariamente por garantir un acceso a Internet decente en calquera punto do noso territorio.

A mellora das infraestruturas é unha das ferramentas fundamentais para mellorar a vertebración da nosa comunidade, pero non a única. Na última década fíxose un importante esforzo normativo para avanzar cara a un territorio máis ordenado, no que persistiremos nos primeiros compases desta lexislatura con dúas Leis moi ambiciosas:

A problemática histórica da propiedade da terra no rural abordarase na nova Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia, que axudará a identificar terreos abandonados, cuxos propietarios son descoñecidos ou ilocalizables, e mobilizalos para facelos produtivos;

E a normativa de ordenación do territorio, segunda lei, dará un novo paso cara á súa racionalización coa nova Lei desta materia, que fará máis simples e áxiles os trámites necesarios para a posta en marcha de proxectos de interese estratéxica, sempre que todas as garantías legais e ambientais queden cumpridas.

A situación urbanística de moitos concellos pequenos tamén se clarificará grazas aos Plans Básicos Municipais e unha trintena de municipios modernizarán o seu urbanismo coa aprobación de novos PXOM.

Os instrumentos de ordenación non deben supoñer obstáculos inxustificados aos proxectos que os galegos queiran desenvolver. Ben ao contrario: a normativa que levamos anos perfilando consolida un territorio máis vertebrado, que conxuga a harmonización das iniciativas dos particulares e as empresas coa necesaria protección dun dos bens máis valiosos que posuímos: a nosa paisaxe.

Galicia leva moitos anos apostando por un modelo de desenvolvemento compatible coa protección do medio natural e co futuro do planeta.

A miña proposta para a vindeira lexislatura pasa pola economía circular, por unha xestión máis racional dos residuos e por unha reforma histórica na ordenación dos recursos hídricos a través da creación da Sogama da auga.

Galicia tamén porá o seu gran de area para mitigar as causas do cambio climático e paliar as súas consecuencias, desenvolvendo a Estratexia aprobada xa o pasado ano. A nosa comunidade, que xa é referencia en materia de enerxías renovables, seguirá traballando para reducir as emisións.

Farémolo, iso si, como cremos que cómpre facerse: de xeito progresivo, con racionalidade e procurando sempre alternativas para o mantemento e desenvolvemento do tecido produtivo.

Aproveitar de xeito responsable o rico patrimonio natural de Galicia é o mellor xeito de respectalo. Darlle un uso e promover a súa permeabilidade coa sociedade galega é o modo máis eficaz de preservalo.

Nos vindeiros anos imos favorecer que os galegos, especialmente os máis novos, coñezan mellor os nosos parques naturais..

En paralelo, seguiremos traballando nas candidaturas galegas a Patrimonio da Humanidade: Cíes-Illas Atlánticas, Ferrol da Ilustración e Ribeira Sacra son tres xoias que deixaremos aos nosos fillos e netos cun recoñecemento, prestixio e nun estado de conservación mellor que o que nos atopamos.

Continuaremos tamén a aposta decidida pola recuperación do noso patrimonio urbanístico. Ademais de impulsar a rehabilitación de preto de 3000 vivendas, maioritariamente nos cascos históricos, ao abeiro das áreas Rexurbe, poremos en marcha unha liña de axudas específica para que os propietarios con menos recursos poidan finalizar as construcións que teñan inacabadas respectando as indicacións da Guía de cores e materiais.

A Galicia do futuro debe quererse máis a si mesma. Outorgarlle máis valor ao que é noso.

Iso engloba seguir defendendo a nosa lingua para abrila a todas as idades (especialmente aos mozos) a todos os ámbitos (como o económico) e a linguas irmás, a través da lusofonía.

E engloba tamén, por suposto, o talento dos nosos creadores. Esa é a finalidade da Estratexia da cultura galega que vimos de estrear e que engloba máis de 350 medidas de apoio a un sector clave na nosa terra.

Señorías, o urxente non pode facernos esquecer o que tamén é importante.

Por iso, estes retos estruturais de futuro deben seguir concentrando unha parte da acción de Goberno, en proporción variable segundo vaia evolucionando a pandemia.

Señorías, para o seu futuro (inmediato e non tan inmediato) o pobo galego ven de emitir un elocuente mandato nas urnas.

Fai que este Parlamento se compoña de tres forzas, ao tempo que sitúa fora da Cámara posicións que na nosa opinión son extremas dun e doutro signo. Reafirma o pluralismo propio da nosa terra e facilita a posibilidade de entendernos.

Os galegos foron chamados ás urnas nunha situación social, económica e sanitaria especial, e creo que nos enviaron unha mensaxe acorde cos tempos que nos toca vivir. Non podemos ignorar ese chamamento.

Dixéronnos que a democracia galega segue en pé, que queren estabilidade e pediron unha resposta moderada que esixe de todos nós un esforzo de achegamento.

Por iso, como candidato a esta investidura, e contando en principio (espero que se confirme) cun apoio aínda máis amplo que nas tres ocasións anteriores que me sometín a un debate como este, quero dicirlles que conto con todos os deputados e deputadas que hoxe estamos aquí.

Para min, a maioría que os galegos outorgaron nas urnas non é un mandato exclusivo senón inclusivo.

Aspiro a que a resposta que temos que dar aos retos e dificultades que temos por diante, non sexa só a dunha Xunta que conta con máis apoio dos cidadáns que en lexislaturas anteriores senón que poida ser a resposta de toda Galicia para toda Galicia.

Nos últimos anos, en crises iniciadas, no medio de crises e en crises superadas ... os galegos persistiron na súa forma de ser. Queren vivir nunha terra unida e centrada só en avanzar. Os galegos son así. Somos así. Queremos seguir sendo así.

Avogo por non importar liortas que menoscaban a convivencia que nos demos a través da Constitución Española e o Estatuto de Autonomía de Galicia.

Avogo por preguntarnos cada día, en cada decisión, en cada proxecto, que une máis aos galegos, que os fai mais libres, que os fai máis igualitarios.

Avogo por xestionar problemas reais, que xa hai de abondo, en lugar de engadir outros evitables e prescindibles e artificiais.

E por iso e para iso estou aquí e solicito o apoio deste Parlamento.

Solicito o apoio desta Cámara para que Galicia avance unida e non dividida.

Solicito o apoio desta Cámara para que o interese xeral prevaleza sempre sobre intereses cativos.

Solicito o apoio desta Cámara para defender as prioridades dos galegos: a saúde, o emprego, a recuperación económica e o benestar.

Solicito o apoio desta Cámara para que Galicia siga respondendo ante a pandemia co sentidiño que nos caracteriza.

Solicito o apoio desta Cámara para traballar nas urxencias que xerou esta crise, pero sen esquecer que hai metas, retos e soños aos que Galicia non debe renunciar. 

Solicito o apoio desta Cámara para unha Galicia que actúa como unha familia na que nos apoiamos os uns aos outros; para unha Galicia verde que coida de si mesma; para unha Galicia innovadora capaz de anticipar o porvir; para unha Galicia que confía nos mozos e no seu propio futuro; e para unha Galicia que, con todas as inquedanzas, afirmo que pode manter a confianza.

Solicito o apoio desta Cámara consciente das dificultades que temos por diante pero tamén coa esperanza que me dá a experiencia.

Estou convencido de que Galicia será capaz como xa fixemos noutros momentos da nosa historia.

Señorías, esta lexislatura é hoxe a do coronavirus pero porei todo de min para que remate sendo a lexislatura do entendemento e a lexislatura da recuperación. A lexislatura na que Galicia foi quen de volver superarse.

Galegos e galegas, estou ao seu servizo. Moitas grazas."

 



Con la tecnología de Blogger.