Na véspera do debate de investidura, Pedro Puy amosa “a mellor predisposición” para chegar a acordos cos grupos da oposición


Esta mañá o portavoz do Grupo Popular no Parlamento de Galicia, Pedro Puy, amosou “a mellor predisposición” para chegar a acordos cos grupos da oposición “para superar a crise excepcional que estamos a vivir”. 

Neste sentido, considerou “positivo” a disposición amosada por BNG e PSdeG e apuntou que “veremos a partir de mañá e do debate do xoves como se pode avanzar conxuntamente na loita contra a actual situación sanitaria, económica e social extraordinaria”

Puy lembrou que o Debate de Investidura do Presidente da Xunta dará comezo mañá ás 9.30 horas, ao que seguirá, 48 horas despois, o debate e a votación dos deputados.

“Desde o Grupo Popular afrontamos este debate conscientes da importancia do momento que vivimos, no que o país demanda estabilidade, unión e tender a man”, manifestou. Puy concretou que “as prioridades veñen marcadas pola pandemia sanitaria, que temos que intentar minimizar porque arrastra aos demais sectores económicos e sociais, sen esquecer que todo o que fagamos vai constituír as bases da Galicia dos vindeiros anos”.

APORTACIÓN DE TODOS

O portavoz popular sinalou que “a dimensión da crise require da aportación de todos” e afirmou que “a predisposición ao pacto do Grupo Popular é evidente, como consta no propio programa electoral con compromisos específicos como a remisión ao Parlamento do programa de reactivación económica”.

“Todos debemos facer ese esforzo e imos coa man tendida porque estamos dispostos a adaptar as políticas á nova situación”, subliñou, polo que apuntou que “non hai que dicir que hai que facer cousas novas e manter un discurso que as urnas veñen de contradicir”. “O importante é que os grupos falemos e conveñamos cal é o mecanismo parlamentario que facilitaría a análise da situación e as propostas alternativas á actuación do Goberno galego”, concretou.

REXISTRO DE INICIATIVAS PARLAMENTARIAS

Pedro Puy tamén informou que o Grupo Popular viu rexistrando ao longo dos últimos días diversas iniciativas para o seu debate parlamentario. “Como é natural, a meirande parte están relacionadas coa pandemia sanitaria, demandando actuacións tanto ao Goberno galego como ao Goberno central”, manifestou.

En concreto, o Grupo Popular rexistrou proposicións que demandan ao Goberno de España a retirar a limitación das taxas de reposición do persoal do sistema sanitario público, co obxecto de permitir ofertar todos os postos necesarios para poder actuar ante a crise da Covid-19; a realización dos cambios normativos necesarios na lexislación orgánica en materia de saúde pública para poder actuar ante a pandemia da Covid-19 con plenas garantías de seguridade xurídica; ou o establecemento dunha normativa común que regule as sancións derivadas do incumprimento das medidas establecidas para a prevención e loita contra a pandemia.

Tamén se solicita ao Goberno central que garanta a autonomía que a Constitución Española e as leis outorgan ás entidades locais para a xestión dos seus recursos, de xeito que poidan dispoñer da totalidade dos seus remanentes  de tesourería para a loita contra os efectos da Covid-19; o cofinanciamento do 50 por cento da Lei de dependencia; ou a aprobación inmediata do documento final da Estratexia Nacional fronte ao Reto demográfico.

Así mesmo, solicítase a adaptación do Xacobeo 2021 á nova realidade derivada da expansión da Covid-19 para que contribúa á recuperación social e económica xerando emprego e benestar para as familias. As iniciativas do Grupo Popular incorporan, ademais, demandas para os sectores produtivos galegos, como o primario, a pesca ou a industria electrointensiva.

Con la tecnología de Blogger.