Aprobado provisionalmente o Proxecto de Trazado: "Mellora da seguridade Viaria na intersección de Ribela, Coles".



Publica hoxe o BOE o Anuncio da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia relativo a Resolución do Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana pola que se
aproba provisionalmente o Proxecto de Trazado: "Mellora da seguridade Viaria na intersección de Ribela. Construción dunha ligazón e reordenación de accesos na estrada  N-525,  p. k. 244+368".  T.M. de Coles. Provincia de Ourense. Clave: 33- OR-5330.

A resolución do Subdirector Xeral de Conservación, por delegación do Director Xeral de Estradas, resolveu aprobar provisionalmente o citado proxecto que ten un orzamento Base de Licitación (IVE incluído) de 2.104.872,04 €. 

O proxecto contén os documentos coa extensión e o contido que o seu autor considerou necesarios para cumprir co indicado no artigo 28 "Proxecto de trazado" do Regulamento Xeral de Estradas.

Con esta actuación proxectada, a intersección quedará substituída por unha nova ligazón dotada dun paso inferior para a circulación entre Ribela e Sobral a través da OU-0552, así como ramais de entrada e saída na N-525 con de carrís de aceleración e deceleración para permitir todos os movementos entre ambas as estradas.

Ademais, proxéctase unha vía de servizo en sentido Santiago entre os PP. KK. 244+000 e 244+860, que permite reordenar os accesos existentes e materializar a súa conexión ao carril de vehículos lentos da estrada a través dun único punto.

A resolución declara a urxencia do proxecto de conformidade co artigo 12.2 da Lei 37/2015, do 29 de setembro, de estradas na redacción dada pola Real Decreto-lei 18/2018, do 8 de novembro, sobre medidas urxentes en materia de estradas.

E finalmente ordénase á Demarcación de Estradas do Estado en Galicia a:

· A incoación dun Trámite de Información Pública a efectos da declaración de utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación referidos aos bens e dereitos comprendidos no reformulo do proxecto e a reposición de servizos afectados. Tamén o será a efectos de notificación aos interesados na reordenación de accesos que realiza o proxecto con obxecto de mellorar a explotación da estrada e a seguridade viaria (Art. 36 da Lei 37/2015, do 29 de setembro, de Estradas) e a efectos da Orde  FOM/2873/2007, do 24 de setembro, sobre procedementos complementarios para autorizar novas ligazóns ou modificar os existentes nas estradas do Estado.

· Someter o proxecto ao informe dos Organismos aos que poida afectar e en todo caso, á Confederación  Hidrográfica do Miño-Sil e a Deputación de Ourense.

· Levar a cabo os trámites necesarios para que a presente Resolución sexa publicada no BOE."

https://www.boe.es/buscar/doc.php?id=BOE-B-2020-27001

A nosa valoración

Celebramos a aprobación provisional deste proxecto, que levabamos esperando desde hai moitos meses e que provocou a nosa insistente e constante acción parlamentaria para activala. 

E agardamos que os trámites agora anunciados xestiónense con axilidade. Estaremos vixiantes pois estamos diante dunga actuación moi necesaria.

Lembro que o pasado 12 de decembro de 2019 o  deputados populares, Ana Vázquez e Celso Delgado, pola provincia de Ourense rexistramos no Congreso a seguinte pregunta: ¿Que razóns explican o importante atraso por parte do Ministerio de Fomento en concluír o proxecto de trazado "Mellora da seguridade viaria na intersección de Ribela. Construción dunha ligazón e reordenación de accesos na  N-525  PK. 244+368. Termo municipal de Coles, Ourense?”

Con data 31 de xaneiro de 2020, o Goberno respondeu que “o proxecto de trazado "Mellora da seguridade viaria na intersección de Ribela. Construción dunha ligazón e reordenación de accesos na  N-525  PK. 244+368. Termo municipal de Coles, Ourense” atópase actualmente en fase de redacción, pendente de ser sometido ao trámite de información ao público”.

Esta resposta foi considerada por nos como moi decepcionante pois evidenciaba o importante retraso do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA) e da súa Dirección Xeral de Estradas en redactar un proxecto que é de reducidas dimensións, pero de gran importancia para seguir mellorando a seguridade viaria.

Diciamos que a demora era moi notable xa que o 3 de xullo de 2019 o Ministerio que dirixe José Luis Ábalos, en resposta a unha pregunta dos deputados ourensáns, dicía  sobre este proxecto que “está en fase de redacción e ou  seu trazado deberá someterse a información Pública. Unha vez sometida a información pública e aprobado o proxecto de trazado iniciarase a redacción  do  proxecto de construción”. É dicir exactamente o mesmo que seis meses despois.

http://www.celsodelgado.gal/2020/02/denunciamos-o-importante-retraso-no.html

Tamén lembro que o 28 de octubre de 2019 os candidatos do Partido Popular ao Congreso -Ana Vázquez e Celso Delgado- e ao Senado –Miguel Ángel Viso, Carmen Leyte e Francisco Fernández, estivemos en Ribela, no Concello de Coles e ao caron da N-525, acompañados polo voceiro do PP neste Concello, Luis Antonio Iglesias Fernández, analizamos as obras realizadas neste punto da estrada. E considerabamos que xa transcorreu tempo máis que suficiente para que o proxecto de mellora da seguridade viaria na intersección de Ribela, a construción dunha ligazón e a reordenación de accesos neste punto estivese redactado e por iso reclamamos novamente ao Ministerio a súa axilización.

http://www.celsodelgado.gal/2019/10/finalmente-esta-mana-oscandidatos-do.html

ANTECEDENTES

Compre lembrar que a finais de novembro de 2016, na etapa de goberno do Partido Popular, remataron as obras de rehabilitación do firme nas que se invertiron - con outras actuacións - 716.909 euros, incluíndo a sinalización e balizamento, así como a instalación dun radar de tramo, mellorando notablemente a seguridade na estrada N-525 ao seu paso polo municipio de Coles, cando antes era un tramo de alta concentración de accidentes.

Malia todo, os veciños de Ribela e Sobral consideraron que a seguridade estaría máis garantida cando se construira un paso inferior e unha ligazón en Ribela. O actual pintado dunha liña continua impide facer o xiro cara a Ourense polo que, para realizar o cambio de sentido, os condutores deben avanzar uns quilómetros máis arriba, ata ao cruzamento de Gustei.

A súa demanda foi atendida polo goberno popular e, así, en marzo de 2017 o Ministerio deu a orde de estudo previa a redacción deste proxecto. Nos orzamentos de 2018, elaborados polo Goberno do PP e agora prorrogados para 2020 hai unha partida de 500.000 euros para este fin.


Con la tecnología de Blogger.