Denunciamos o importante retraso no proxecto de mellora da seguridade viaria na intersección da N-525 en Ribela

O  pasado 12 de decembro de 2019 os deputados populares, Ana Vázquez e Celso Delgado, pola provincia de Ourense rexistramos no Congreso a seguinte pregunta: ¿Que razóns explican o importante atraso por parte do Ministerio de Fomento en concluír o proxecto de trazado "Mellora da seguridade viaria na intersección de Ribela. Construción dunha ligazón e reordenación de accesos na  N-525  PK. 244+368. Termo municipal de Coles, Ourense?”

Con data 31 de xaneiro de 2020, o Goberno respondeu que “o proxecto de trazado "Mellora da seguridade viaria na intersección de Ribela. Construción dunha ligazón e reordenación de accesos na  N-525  PK. 244+368. Termo municipal de Coles, Ourense” atópase actualmente en fase de redacción, pendente de ser sometido ao trámite de información ao público”.

Esta resposta é moi decepcionante pois evidencia o importante retraso do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA) e da súa Dirección Xeral de Estradas en redactar un proxecto que é de reducidas dimensións, pero de gran importancia para seguir mellorando a seguridade viaria.

A demora é moi notable xa que o 3 de xullo de 2019 o Ministerio que dirixe José Luis Ábalos, en resposta a unha pregunta dos deputados ourensáns, dicía  sobre este proxecto que “está en fase de redacción e ou  seu trazado deberá someterse a información Pública. Unha vez sometida a información pública e aprobado o proxecto de trazado iniciarase a redacción  do  proxecto de construción”. É dicir exactamente o mesmo que seis meses despois.


En consecuencia, os deputados constatamos a desidia do Goberno e denunciamos esta importante demora, urxindo ao  ministerio a que conclúa  xa a redacción  do  proxecto e dea paso aos seguintes trámites.

ANTECEDENTES

Compre lembrar que a finais de novembro de 2016, na etapa de goberno do Partido Popular, remataron as obras de rehabilitación do firme nas que se invertiron - con outras actuacións - 716.909 euros, incluíndo a sinalización e balizamento, así como a instalación dun radar de tramo, mellorando notablemente a seguridade na estrada N-525 ao seu paso polo municipio de Coles, cando antes era un tramo de alta concentración de accidentes.

Malia todo, os veciños de Ribela e Sobral consideraron que a seguridade estaría máis garantida cando se construira un paso inferior e unha ligazón en Ribela. O actual pintado dunha liña continua impide facer o xiro cara a Ourense polo que, para realizar o cambio de sentido, os condutores deben avanzar uns quilómetros máis arriba, ata ao cruzamento de Gustei.

A súa demanda foi atendida polo goberno popular e, así, en marzo de 2017 o Ministerio deu a orde de estudo previa a redacción deste proxecto. Nos orzamentos de 2018, elaborados polo Goberno do PP e agora prorrogados hai unha partida de 500.000 euros para este fin.
Con la tecnología de Blogger.