martes, 16 de junio de 2020

Celebramos que por fin cheguen as medidas para estimular a compra de coches


Onte o presidente do Goberno Pedro Sánchez presentou o "Plan de Impulso á cadea de valor da Industria da Automoción, cara a unha mobilidade Sostible e Conectada" que  inclúe 20 medidas de tipo económico, fiscal, normativo, loxístico, de competitividade, de formación e  cualificación profesional, de compra pública sostible e de planificación estratéxica que dan cobertura a toda a cadea de valor da industria. Ademais, este Plan promove unha mobilidade segura e sostible nun contexto de cambios asociados á  descarbonización e de transformación dixital.
O Plan conta cun orzamento de 3.750 millóns de euros e inclúe medidas de impacto a curto prazo, que se implementarán e executarán neste ano 2020, e medidas estratéxicas de medio prazo, que se implementarán e executarán a partir do próximo ano 2021 e que poderán ser financiadas co apoio dos fondos europeos para a recuperación.
Para o presidente: “no actual proceso de reconstrución económica e social, este Plan vai posibilitar a rápida recuperación dunha industria estratéxica para a economía española que representa o 10% do PIB, o 19% do total das exportacións e emprega a 650.000 persoas de maneira directa e a dous millóns de traballadores se tamén se ten en conta o emprego indirecto. Ademais, o Plan vai contribuír a paliar os efectos adversos do  COVID-19 sobre a competitividade do sector da automoción en España e dá o apoio necesario para asegurar a continuidade e liderado da industria mediante a súa adaptación aos retos identificados e a orientación á sustentabilidade” 
A Xunta celebra que o Goberno por fin active medidas para estimular a compra de coches que durante meses lle veñen reclamando desde o sector.


Cómpre lembrar que a caída das vendas non é unha consecuencia exclusiva da Covid-19, xa que os problemas que atravesaba esta industria veñen de antes, agravados cando o Executivo central provocou máis inestabilidade de xeito innecesario ao demonizar o diésel.

O cambio de actitude do Goberno evidencia que sempre toma as mellores decisións cando rectifica e escoita a todos os axentes implicados.

Falamos dunha industria estratéxica, que supón o 10% do PIB nacional e o 9% do emprego, sendo Galicia un dos seus grandes referentes grazas ao saber facer de PSA e a industria auxiliar, fabricando un de cada sete coches en España, xerando máis de 24.000 empregos directos e cunha facturación histórica en 2019 de 9.700 M€.

Por iso é preciso seguir ofrecendo certeza e seguridade á automoción e trasladando confianza aos consumidores para favorecer así a renovación do parque móbil. 

Continuaremos poñendo todas as ferramentas ao noso alcance para dinamizar este sector, como temos feito coas axudas para substituír coche con máis de 10 anos de antigüidade, ou cos 5 M€ para a electrificación da K9, contribuíndo así ao obxectivo de que a fábrica de PSA en Vigo sexa a más competitiva do grupo.