lunes, 15 de junio de 2020

Desde hoxe Galicia é a primeira comunidade autónoma en deixar atrás o estado de alarma


Galicia levantou hoxe o estado de alarma, despois de que o Goberno central autorizase o pasado venres á Comunidade a dar este paso.
Ten causa na situación epidemiolóxica que vivimos desde hai 14 días e pola solidez dos datos sanitarios, xa que nos últimos 7 días, a taxa de incidencia por 100.000 habitantes cífrase en Galicia en 0,4, mentres a media de España é de 4,2.
Damos por concluída a fase 3 e entramos nunha fase de seguimento sanitario, cunha serie de condicionamentos económicos e sociais máis permisivos.
Con todo, superar a fase 3 non significa que se teña superado o problema do coronavirus, posto que convive con nós e o risco de rebrote
Así as cousas, esta nova etapa estará rexida polo Real Decreto lei 21/2020 –o que concreta a chamada nova normalidade– e polas normas que ditadas e que dite o Goberno autonómico, dado que asume todas as normas en materia de saúde pública que considere pertinentes.
Prevención pola mobilidade e plan de rebote nacional
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reiterou onte a preocupación polo que poida pasar a partir do vindeiro 21 de xuño, cando se abran fronteiras exteriores e interiores, e avogou por axustar a lexislación sanitaria para regular a mobilidade e controlar posibles rebrotes.
Durante a décimo cuarta e última videoconferencia co Executivo central e os outros presidentes autonómicos, Feijóo pediu de novo consensuar criterios para falar de rebrote e a resposta a dar en cada caso. “Volvín formular a necesidade de ter un plan de rebrote nacional, con características homoxéneas”, dixo, insistindo en que ten que haber unha folla de ruta que permita saber cal é o criterio para falar de rebrote e cal será a reacción a nivel nacional se se produce.
“A Xunta de Galicia quere seguir cara adiante, porque recuperar a mobilidade completa significará que persoas doutras comunidades e doutros países poidan vir a Galicia, e as necesitamos para revitalizar o sector da hostalería e do turismo; e porque ademais somos unha terra aberta e hospitalaria. E o que queremos é garantía para os que nos visitan e garantía para os cidadáns da comunidade”, explicou.
Ao longo da reunión, o titular da Xunta pediu tamén avanzar conxuntamente noutras áreas comúns, como a educación, baixo dúas cuestións: a equidade e a normalidade. Sobre este punto, apelou ás recomendacións da Organización Mundial da Saúde para evitar romper os grupos que xa había nas aulas, evitándolles así aos rapaces máis cambios; e insistiu na importancia de extremar as precaucións nos recreos e nas zonas comúns, onde os expertos sinalan o maior risco.
Reactivación da economía

Así mesmo, entre outras cuestións, reiterou a petición de que se elimine a taxa de reposición en Sanidade e Servizos Sociais, ademais de recordar outras propostas fiscais como a redución do IVE para o turismo ao 4%, ou a redución do IVE para as mascarillas. “Fixen fincapé en que non podemos permitirnos o peche de industrias como Alcoa e lembrei que dos 90 millóns á disposición para incentivar o sector do viño, a Galicia corresponderanlle 300.000 euros, polo que esperamos que se rectifique esa forma de reparto”, engadiu.
Tamén no eido económico, Feijóo insistiu na necesidade de que as administracións acompañen aos emprendedores na reactivación. Ao respecto incidiu na importancia de acadar un acordo, “á maior brevidade posible”, sobre a situación dos ERTE de forza maior, a partir do 30 de xuño; “e pensamos tamén que os autónomos deben poder dispoñer das mesmas certezas e seguridade que os traballadores por conta allea”, expuxo.
En relación á automoción, trasladou a necesidade de que o plan de reactivación do sector se faga con neutralidade tecnolóxica, é dicir, “non só se debe apoiar a compra de coches eléctricos, senón tamén a compra de coches con emisións reducidas porque, do contrario, estaremos prexudicando á industria automobilística nacional e estaremos favorecendo exclusivamente que poidan cambiar de coche as rendas máis altas”, precisou.
Por último, o responsable do Goberno galego concluíu agradecendo o exemplar comportamento dos cidadáns, aos que volveu pedir responsabilidade e prudencia nesta nova etapa. E quixo tamén agradecer ao Goberno de España “a colaboración e o diálogo que houbo na maioría dos momentos e, sobre todo, recoñecer o esforzo, porque con acertos e con erros, con acordos e tamén con diferencias, non me cabe dúbida de que o Goberno intentou acertar nas súas decisións”, aseverou.