O PP pide máis efectivos da Garda Civil no rural ante o aumento de roubos en cultivos e explotacións gandeiras



O Grupo Parlamentario Popular no Congreso solicita ao Goberno o reforzo de efectivos da Garda Civil nas zonas rurais, ante o aumento de roubos rexistrado nestas áreas coincidindo coas limitacións de movementos impostas polo estado de alarma. 


Así consta na proposición non de lei que asinamos os representantes populares ourensáns, Ana Vázquez e Celso Delgado, facéndonos eco das queixas expresadas por agricultores e gandeiros ante a continua desaparición de maquinaria, produtos de cultivos e mesmo animais.

Coa declaración do estado de alarma e a diminución do movemento de persoas nos terreos agrícolas e explotacións gandeiras, sinalamos, detectouse un incremento no número de roubos producidos en cortellos e alpendres que se atopan situados fóra dos núcleos habitados, polo que solicitamos ao Goberno que destine máis axentes da Garda Civil ás zonas rurais, en especial nos municipios de carecen de corpos locais de policía, que en Ourense son a maioría.

Este incremento de efectivos, sinalamos, tamén serviría para controlar o cumprimento das normas nas distintas fases da  desescalada e, ademais, garantir a seguridade de todas aquelas persoas opten polo turismo rural para pasar as súas vacacións de verán.

A proposición non de lei, que ademais de Ana Vázquez e Celso Delgado tamén subscriben a portavoz do  GPP, Cayetana Álvarez de Toledo, o portavoz adxunto Carlos Rojas , e as deputadas Milagros Marcos e Carmen Navarro, expón utilizar urxentemente as vacantes do persoal en reserva sen destino -12 na provincia de Ourense-e a elaboración dun plan de incentivos profesionais e económicos para os axentes que queiran prestar os seus servizos nas zonas rurais.

Cabe lembrar que desde hai un ano o Partido Popular de Ourense vén reclamando ao Goberno a necesidade de crear unha unidade de seguridade cidadá da Garda Civil (USECIC), para apoiar aos efectivos repartidos por todos os cuarteis da provincia nas tarefas de prevención e seguridade no rural, onde se concentra o 70 % da poboación, co fin de paliar a sensación de inseguridade que sofre a poboación nestas áreas.

Unha petición avalada tamén polo carácter transfronteirizo da provincia, a máis internacional de España con 219 quilómetros de fronteira con Portugal, reforzando así aquelas zonas limítrofes co país veciño nas que existen cuarteis, pero cun número escaso de axentes, déficit de efectivos que en toda a provincia calcúlase que alcanza o medio centenar.

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ourense/ourense/2020/05/21/campo/00031590069308419388618.htm

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es

Recibirá resposta


Con la tecnología de Blogger.