sábado, 23 de mayo de 2020

Agradecemento ao extraordinario traballo do persoal do Centro Residencial Integrado de Coidados Intermedios de Os Miragres


O pasado 24 de marzo chegaron os primeiros usuarios o Centro Residencial Integrado de Coidados Intermedios de Os Miragres da titularidade da Fundación San Rosendo, no concello ourensán de Baños de Molgas.
Este centro, cunha capacidade de 93 prazas, acollía entón  aos seus primeiros usuarios: aos 11 maiores positivos en coronavirus procedentes da residencia San Carlos de Celanova.
Pois ben,  esta semana coñecimos que as dúas últimas pacientes desa Residencia Integrada abandoaron  as instalacións, xa recuperadas, para voltar á súa residencia de orixe, o que pecha un intenso capítulo da sanidade pública de Ourense, coa posta en marcha dun novidoso sistema asistencial, no que colaborou voluntariamente persoal sanitario e residentes en formación de Centros de Saúde, Puntos de Atención Continuada e do Hospital Universitario de Ourense, e que chegou a funcionar como unha planta de ingresos Covid-19 mais.

Informa o servizo de comunicación do Sergas en Ourense, que “por este centro pasaron 66 residentes positivos a Covid, procedentes de distintas residencias sociosanitarias da provincia, cun estado de saúde que, si ben non requería dun ingreso hospitalario, si dun seguemento continuado, que derivado da súa condición contaxiosa, obrigaba a unhas medidas profilácticas e de prevención moi elevadas, o que sumado a concorrencia de factores de risco por idade avanzada e pluripatoloxía, dificultaba a súa permanencia no seu domicilio habitual.

Esta resposta asistencial púxose en marcha nun tempo record, grazas á implicación dos distintos servizos e traballadores da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, que foron quen de abrir o centro, a tarde do 24 de marzo, nun tempo record, partindo dunhas instalacións, ofertadas pola Fundación San Rosendo, nas que non estaba prevista esta función asistencial, polo que carecían de mobiliario e equipamento clínico, ou material terapeútico, e na que aínda non funcionaran nunca servizos indispensables, como cociña ou lavandería, polo que os primeiros días, estes tamén se prestaron desde o Hospital Universitario de Ourense.

Desde o primeiro momento a organización asistencial correu a cargo dun equipo formado por profesionais da Área, dirixido por Alvaro de Castro, médico de atención primaria; Ana Gómez e Mercedes Pulgar, enfermeira e traballadora social do Hospital Universitario de Ourense. A eles fóronse sumando residentes de medicina familiar e comunitaria do último ano, contratados xa como especialistas, persoal de enfermería, e facultativos voluntarios de distintos centros sanitarios públicos de Ourense e, progresivamente persoal non sanitario, da Consellería de Política Social”

Expreso o meu maior recoñecemento e agradecemento a este excepcional equipo de profesionais sanitarios e de coidados que traballaron arreo para garantir a mellor atención ás persoas maiores. 

Parabéns ao SERGAS, as Consellerias de Sanidade e Política Social da Xunta e a Fundación San Rosendo.