Un compromiso firme por potenciar a competitividade do Noroeste peninsular a través da súa incorporación ao Corredor ferroviario Atlántico de Mercadorías


Hoxe a  conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, demandou un compromiso firme por potenciar a competitividade do Noroeste peninsular a través da oportunidade que representa a súa incorporación ao Corredor Atlántico de Mercadorías para optar a fondos comunitarios cos que modernizar a liña ferroviaria.
Así o trasladou a conselleira durante a súa participación hoxe en Vigo no xantar coloquio organizado polo Círculo de Empresarios de Galicia co presidente da Plataforma Atlántico Noroeste e presidente da Federación Galega de Empresarios, Luis Javier Cepedano, que foi presentado polo presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros.
Ethel Vázquez lembrou que Galicia, Castela e León e o Principado de Asturias formaron unha alianza de éxito a través das súas forzas políticas, económicas e sociais, que logrou que se corrixise o erro histórico de deixar o Noroeste peninsular fóra do Corredor Atlántico de Mercadorías.
Esa posición conxunta obtivo o respaldo da Unión Europea e abriu a posibilidade de optar a fondos europeos para a modernización da liña ferroviaria de mercadorías e reforzar as conexións dos principais centros loxísticos, como os portos.
A conselleira lamentou que se deixara pasar xa desde a Administración central do Estado a primeira oportunidade de solicitar fondos europeos para impulsar proxectos estratéxicos para a competitividade do Noroeste, como a saída sur de Vigo.

Con la tecnología de Blogger.