sábado, 21 de marzo de 2020

Feijóo destaca a aprobación no Consello da Xunta de novas medidas cuantificadas en 380 millóns, para loitar contra o virus e apoiar a quen máis o precisa no eido económico e social


Onte o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, informou  na rolda de prensa do Consello das novas medidas postas en marcha pola Xunta para a prevención e o seguimento do coronavirus. “Estamos a falar de 380 millóns de euros: 51,5 millóns de investimento sanitario, 270 millóns en medidas económicas, 33 millóns en materia de política social e arredor de 25 millóns para os sectores turístico e cultural”, detallou.
“Seguimos a traballar e a poñer en marcha novas medidas para loitar contra o virus e estar preparados para facerlle fronte no sistema sanitario, especialmente nos próximos días; para que Galicia non se paralice na medida do posible; e para apoiar a quen máis o precisa e que non sufra un dano aínda maior a consecuencia desta situación”, dixo.
Unha achega de 51,5 millóns para investimento sanitario
No que respecta ao ámbito sanitario, o Consello da Xunta autorizou un plan de emerxencia para a Sanidade Pública cunha dotación inicial de 51,5 M€, dispoñible, segundo subliñou Feijóo, desde o primeiro instante.
Como aspecto máis destacable, Feijóo subliñou que, con estas compras, a Comunidade contará con 274 camas na unidade de coidados intensivos –un 71% máis, logo de transformar as camas de reanimación en camas de UCI–. “Seguiremos a ver como incrementar estas camas, tanto en hospitais públicos como en privados”, explicou Feijóo.
O presidente da Xunta precisou que todas estas necesidades para reforzar os equipos de detección, os recursos humanos nos hospitais e no 061 e os profesionais na área de Saúde Pública, atópanse no informe elaborado polo Comité de expertos para o seguimento do coronavirus.
Do mesmo xeito, sinalou a decisión de converter a todos os MIR de último grao en adxuntos médicos especialistas de área. “Son 158 médicos que se converten en persoal do Sergas cun contrato de facultativo especialista de área”, concretou, cifra á que se suman 31 enfermeiros que tamén están finalizando a súa formación.
Feijóo lembrou que Galicia tiña comprado xa parte do material e que debería enviar o Ministerio de Sanidade logo de centralizarse a súa compra –como equipos de protección, desinfectante, guantes e mascarillas de distinto tipo–, ademais de ter solicitado máis de 250 equipos de ventilación, 13 de radioloxía portátil e 50 camas de hospitalización.
Neste sentido, lembrou que, nos próximos días, xa se instalarán 45 ventiladores, un equipo portátil de raios X e máis de 800 biombos, todo isto cun investimento adicional ao plan, por parte de Xunta, de 1,2 M€.
270 millóns en medidas económicas
O Consello da Xunta tamén analizou hoxe unha serie de medidas económicas para apoiar ao tecido económico, especialmente aos autónomos e ás pemes.
Como primeira medida, Feijóo sinalou que tanto o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) como XesGalicia concederon préstamos por valor de 265 M€ e, a este respecto, explicou que se decidiu autorizar o aprazamento do pago das cotas de amortización e xuros de liquidación do primeiro semestre. Polo tanto, estas cantidades poderán devolverse cando venza o préstamo.
É dicir, a devolución de préstamos, capital e intereses que había que facer entre o mes de xaneiro e o mes de xuño tanto ao Igape como a XesGalicia non necesitan ser devoltas durante todo este primeiro semestre.
“Segundo a situación económica veremos se seguimos adiando este aprazamento. Pero, de momento, do mes de xaneiro ao día 30 de xuño ninguén ten que devolver nin préstamo, nin tipo de interese dos créditos concedidos polo Igape ou por XesGalicia”, relatou o titular do Goberno galego.
A segunda medida, coa que se prevé a mobilización de 250 M€, ten como obxectivo inxectar de inmediato a liquidez necesaria a autónomos e pemes. Esta contía económica, concretou Feijóo, serán préstamos ponte mentres o Goberno central non desenvolve a súa liña de avais de 100.000 M€, xa que, ata o momento, non se concreta como se pode empregar esta liña.
Así pois, desde a próxima semana, calquera persoa que queira pedir un préstamo –autónomo ou peme– será avalado co 75% do préstamo. A contía do préstamo, sinalou Feijóo, serán os gastos do trimestre anterior: todos aqueles gastos de autónomos ou pemes que tiveron entre xaneiro e marzo e que non teñen posibilidade de facerlle fronte, poden pedir un préstamo ás entidades bancarias.
“Entendemos que nas próximas semanas o Goberno de España xa concretará como vai conceder avais por eses 100.000 M€”, subliñou Feijóo, xusto antes de engadir que, en todo caso, Galicia se anticipa e activa este mecanismo de liquidez ata que o Estado poña en marcha as súas liñas de financiamento e o facemos de maneira inmediata.
A terceira medida, proseguiu, consiste na identificación das capacidades do sistema galego de innovación para facer fronte ao coronavirus. “Buscamos solucións innovadoras que se poidan implementar de xeito inmediato ou que estean próximas á súa implementación. Estamos falando, por exemplo, de dispositivos de intervención ao tratamento, de fabricación de ventiladores ou de equipos de protección individual”, concretou.
Así pois, ábrese ata o próximo venres unha manifestación de interese para que, se algunha industria en Galicia cre que pode fabricar ventiladores, mascarillas, gafas de protección ou vestimenta axeitada para o profesional sanitario, entre outras cousas, o comunique directamente á Xunta. Deste xeito, e automaticamente, a Axencia Galega de Innovación disporá dos fondos que sexan necesarios para que estas empresas poidan empezar a fabricar.
“Ademais, abrimos unha liña de financiamento de 10 M€ para a reestruturación produtiva das empresas galegas que empecen a fabricar este tipo de material”, engadiu Feijóo, precisando tamén que todos aqueles gastos que conleve cambiar máquinas, loxística ou procedementos organizativos serán financiados pola Comunidade galega.
Deste xeito, esta decisión de habilitar 10 M€ para facilitar o financiamento ás empresas que empecen a fabricar este tipo de materiais pode ser interesante tanto para as industrias como para o Servizo Galego de Saúde. No primeiro caso, para reactivar a súa actividade económica e, no segundo, para seguir blindando o equipamento necesario tanto para o Sergas como para outros servizos de saúde en España.
Plan de continxencia social
No eido da política social, Feijóo destacou a elaboración do Plan de continxencia social, con medidas para atender a persoas maiores dependentes, a persoas con discapacidade e a persoas en risco de exclusión social.
“Este plan social conta con tres iniciativas principais”, dixo. A primeira delas, o seguimento telefónico e ao reparto de comida, diríxese ás preto de 14.400 persoas maiores e con discapacidade que son usuarias dun centro de día ou ocupacional. Como estes centros suspenderon toda a súa actividade durante dúas semanas como mínimo, tomouse a decisión de que os profesionais que traballan neles realicen un seguimento telefónico diario dos usuarios. Ademais, para aquelas persoas usuarias que tamén contasen co servizo de comedor e carezan dunha rede familiar de apoio, repartiráselles no seu domicilio a comida para todos os días.
Así mesmo, Feijóo resaltou a posta en marcha, a partir do vindeiro luns do teléfono social (900 400 800), a través do cal se atenderán chamadas de persoas que precisen resolver dúbidas básicas ou de índole sanitaria; persoas que precisen atención psicolóxica especializada, que se derivarán aos psicólogos da Consellería de Política Social; persoas que estean en situación de necesidade ou especial vulnerabilidade, que se derivarán aos traballadores sociais dos concellos; ou persoas que necesiten conversa ou acompañamento a domicilio, que serán derivadas a persoas voluntarias que se ofrezan para botar unha man.
Ademais, a Xunta colaborará estreitamente nestas semanas cos servizos sociais municipais para detectar as situacións de emerxencia que poden darse. Así, proponse habilitar un correo electrónico, que será atendido por persoal da Consellería de Política Social e poñerase á disposición dos traballadores sociais dos concellos para que comuniquen as situacións de risco que vaian identificando. Para poder atender estas situacións, habilitaranse dous servizos extraordinarios: un de axuda no fogar e outro de alimentación a domicilio.
Plan de reforzo para as mulleres vítimas de violencia de xénero
Durante a rolda de prensa, o presidente do Executivo galego referiuse tamén á posta en marcha dun Plan de reforzo para a atención e protección das mulleres vítimas de violencia de xénero. Ao respecto, afirmou que se mantén a operatividade dos servizos de asistencia telefónica e online, así como os servizos de carácter administrativo -online, por teléfono e por correo electrónico- e todos aqueles trámites de carácter esencial, como o pago de axudas económicas ou a solicitude do bono de aluguer social, entre outros, que seguirán a tramitarse a través da sede electrónica da Xunta.
Por outra banda, o servizo de apoio psicolóxico a vítimas de violencia sexual tamén seguirá operativo a través de teléfono, correo electrónico e skype. E o Centro de Recuperación Integral para mulleres que sofren violencia de xénero, adscrito á Secretaría Xeral da Igualdade, manterá o contacto permanente coas súas usuarias e apoiará e reforzará a través das profesionais do centro os servizos de apoio psicolóxico e social de cantas mulleres o puideran precisar.
O centro de Emerxencia de Vigo, adscrito á Xunta de Galicia, funcionará con normalidade no acceso das vítimas residentes en Galicia ata completar capacidade, ao igual que os centros de acollida de titularidade municipal ou de iniciativa social, que seguirán acollendo ata completar capacidade.
“E tamén seguiremos cos recursos alternativos e temporais de acollemento para garantir a seguridade de todas as mulleres”, confirmou.
A maiores, o Bono de alugueiro social que a Administración galega ten a disposición das vítimas de violencia de xénero poderá ampliarse ata chegar a asumir a Xunta de Galicia o pagamento do 100% do alugueiro durante 1 mes. “E despois irase vendo se é necesario reforzar ou ampliar”, matizou.
Medidas para axudar á recuperación dos sectores turístico e cultural
No ámbito da cultura e do turismo, o titular da Xunta aseverou que se están a reestruturar os créditos da Consellería de Cultura para recuperar ambos sectores que suman, en conxunto, o 13% do PIB galego e preto do 14% do emprego. “Imos reestruturas 25 millóns de euros para a recuperación turística e a reactivación cultural”, explicou.
O Plan de recuperación turística reforzará a campaña de promoción de Galicia, desenvolverá o deseño de produtos especializados, recollerá axudas directas ao sector e porá en marcha unha plataforma de teleformación. E o Plan de reactivación cultural recollerá o impulso do Xacobeo como ferramenta de reactivación; incrementará o orzamento das redes profesionais e conterá un paquete de axudas á distribución interior, un bono cultural e un fondo para a produción.
Por último, en materia de construción e execución de obra pública, o titular da Xunta resaltou a aprobación da instrución acerca da execución dos contratos de obras xa iniciadas, así como de contratos asociados: de servizo para coordinación da seguridade e saúde, dirección de obra, dirección de execución, control e vixilancia e control ambiental e seguimento arqueolóxico. E, no eido de conservación de estradas, tamén se elaborou unha instrución, co obxectivo de garantir a conservación ordinaria.
Balance das medidas adoptadas ata o momento pola Xunta
Ao longo da súa intervención, o presidente da Xunta fixo tamén balance das medidas adoptadas ata o momento pola Xunta, medidas que se foron implementando e que afectan a distintos ámbitos.
Así, referiuse, primeiramente, ás medidas informativas sanitarias para a poboación, coa activación do número gratuíto 900 400 116; a creación dun portal informativo específico na páxina web do Sergas; a elaboración de infografías, carteis, e vídeos informativos e de recomendacións que se distribuíron a través das redes sociais e se remitiron a outras entidades; a publicación de recomendacións de interese xeral na web; e a habilitación dun autotest para que a poboación poida consultar síntomas e resolver dúbidas.
No tocante á recollida de mostras, salientou que todas as áreas sanitarias dispoñen de equipos diagnósticos para a detección precoz por PCR, operativos de luns a domingo, de 8 a 22 horas; ademais dun sistema de recollida de mostras operativo de luns a domingo no mesmo horario. “E vimos de estender a todas as áreas o test que se fai sen baixar do coche”, engadiu.
Nesta mesma liña, recordou tamén as recomendacións e as medidas que se tomaron para o día a día dos centros como é a limitación a 1 persoa como acompañante do paciente no centro; a suspensión das visitas aos centros sanitarios de visitadores médicos ou farmacéuticos, así como da actividade de voluntarios ou similares; a substitución das xuntanzas presenciais por sistemas de vídeoconferencia; e promoveuse a consulta telefónica e a e-consulta, así como a visita domiciliaria.
En materia de persoal, Feijóo lembrou que a Administración autonómica recoñeceu, desde o principio, a situación de accidente de traballo dos traballadores sanitarios que padezan coronavirus ou estean illados por recomendación sanitaria. Aprobouse un Plan específico de prevención de riscos laborais, así como unha Comisión de seguimento do plan en cada área. Reforzouse o persoal nos ámbitos das Urxencias hospitalarias, Medicina Interna e Unidades de Críticos e os equipos hospitalarios de Atención Domiciliaria.
No eido de compras, o presidente da Xunta lembrou a adquisición de diferentes subministros para toda a rede hospitalaria; a sinatura dun convenio de colaboración co Osakidetza para compra centralizada, entre marzo e xuño; e a adquisición de kits de diagnóstico (PCR) e materiais como mascarillas, luvas, desinfectante ou batas, que seguirán adquiríndose nos próximos 4 meses.
Logo de resaltar o incremento do persoal, para os vindeiros 4 meses, na central de chamadas do 061, así como o reforzo da liña 900, Feijóo resaltou tamén as medidas asistenciais e de saúde pública. Así, elaboráronse protocolos de manexo de caso, de toma de mostras a domicilio e de limpeza extrahospitalaria e hospitalaria; houbo unha reordenación asistencial dos espazos de cara ao illamento dos pacientes positivos; modificáronse quendas e estrutura das garda; e préstase atención domiciliaria aos afectados a través da teleasistencia para que o paciente estea monitorizado e controlado polo seu médico de Atención Primaria.
En materia educativa, lembrou a suspensión de todo tipo de actividade lectiva, incluído os servizos educativos complementarios como o comedor, o transporte ou o servizo de madrugadores.
Así mesmo, reforzáronse as ferramentas online para a atención ao alumnado como: as páxinas web dos propios centros; a aula virtual; o Espazo Abalar e AbalarMóbil e o Edixgal, que dá soporte a 27.000 alumnos para poder utilizar libros dixitais; e elaborouse un documento con directrices para o teletraballo do profesorado galego.
Na Formación Profesional, suspendeuse a formación nos centros de traballo, “e consensuouse o aprazamento das probas de admisión á universidade”, dixo.
Entre as medidas no ámbito da Política Social, o responsable do Goberno galego destacou as centradas en evitar os contaxios nun ámbito de alto risco: suspensión das visitas ás residencias de maiores ou de persoas con discapacidade, excepto en casos excepcionais. Suspensión de novos ingresos nas residencias, agás nos casos derivados polas autoridades sanitarias. Suspensión de toda a actividade nos centros sociocomunitarios, nas escolas infantís e nos centros de día. Reforzo dos servizos esenciais para a atención ás persoas sen fogar. E continúa o Servizo de Axuda no Fogar.
No que respecta aos empregados públicos da Administración autonómica, Feijóo resaltou que todos os que teñan funcións que poidan desenvolverse a distancia, teletraballan desde o seu domicilio, a excepción dos que levan a cabo servizos esenciais. E aumentouse a dotación de recursos do 012 en máis dun 30%.
“No ámbito económico, propuxemos unha serie de medidas ao Goberno central e boa parte delas foron atendidas”, afirmou, referíndose, por exemplo, á necesidade de pechar as perruquerías, salvo a atención a domicilio; á necesidade de abrir os talleres de vehículos, ao igual que as ferreterías para surtir ao sector primario; o aprazamento de impostos e taxas; apoios para dotar de liquidez ao tecido produtivo.
E, no que respecta aos autónomos, recordou a proposta ao Executivo de España da bonificación do 100% da cota de autónomos e estender a tarifa plana.
En materia de cultura e turismo tomáronse medidas como o peche ao público dos arquivos e museos; a suspensión de todo tipo de eventos, tanto en exterior como en interior; o peche de todos os dispositivos culturais -que seguen ofrecendo contidos e recursos online á cidadanía- e dos locais públicos, así como os albergues da rede pública, habilitándose as instalacións do Monte do Gozo, como lugar de aloxamento provisional de peregrinos en tránsito, que non dispoñan doutros medios de regreso ou estadía.
“E no eido das competencias de infraestruturas e mobilidade, reduciuse en polo menos un 50% a oferta de servizos de transporte público regular interurbano dependente da Xunta e limítase a un 1/3 da capacidade a ocupación dos vehículos”, destacou.
No que respecta ao medio rural, ademais dos contactos para garantir que non exista desabastecemento de produtos agrícolas e gandeiros en Galicia, Feijóo recordou a preparación do servizo de prevención e extinción de incendios para a súa eventual configuración como un servizo de asistencia a emerxencias no rural nesta situación excepcional.
A Xunta adoptou tamén medidas no ámbito marítimo, coa prórroga dos rexistros de actividade das embarcacións ata o fin do estado de alarma e a suspensión da pesca recreativa; ademais da prórroga da vixencia das autorizacións de marisqueo. “E propuxemos ao Goberno central estender as axudas ao sistema transformador e auxiliar do sector marítimo-pesqueiro”, lembrou.
Por último, e unha vez certificada que a convocatoria electoral quedou anulada, Feijóo desatacou o renomeamento nos seus postos dos cargos que os deixaran para ir nas listas electorais.
Feijóo concluíu informando que xa ten solicitado a súa comparecencia na Deputación permanente do Parlamento para dar conta aos grupos da situación e das medidas postas en marcha pola Xunta, para paliar o impacto sanitario, social e económico.