miércoles, 5 de febrero de 2020

Na inauguración do Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar


Asisto hoxe en Expourense á inauguración da XXI edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar que se celebra na cidade de Ourense ata o vindeiro domingo, día 9. 

Nela participou Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia; Manuel Baltar, presidente da Deputación, Jorge Pumar, presidente executivo de Expourense; Rita Marques secretaria de Estado de Turismo de Portugal; Luis Pedro Martins, presidente de Turismo Porto e Norte de Portugal; Flora Moure, concelleira de Turismo do Concello de Ourense; e Emma González, directora adxunta de Expourense.

Reúne en  máis de 12.000 metros  cadrados a 298 expositores (cifra lixeiramente superior á edición anterior) e hai 9 países representados (España, Portugal, Costa Rica, Cabo Verde, México, Perú, Chile, Panamá e Arxentina).

Na presenza internacional destaca a masiva presenza de Portugal que estivo presente en  Xantar desde a súa primeira edición e foi aumentando progresivamente a súa participación tanto en número de restaurantes como de expositores ou visitantes. A Entidade de Turismo Porto e Norte é o principal socio estratéxico de  Xantar no país veciño e facilita cada ano a participación de numerosas cámaras municipais lusas que acoden ao salón con caseta e organizan múltiples  showcookings, catas comentadas e degustacións para promocionar o turismo de proximidade.

Hai que destacar un ano máis a masiva presenza de expositores procedentes do Norte, pero incluíndo tamén a outros destinos do centro e sur como  Setúbal ou  Monchique. En total, participan de forma directa e independente no salón máis de 20 cámaras municipais portuguesas que se suman ás que participan baixo o paraugas de Turismo Porto e Norte.

No que respecta a as actividades, Xantar reunirá a recoñecidos chefs de 6 países que impartirán talleres de cociña en directo enmarcados no  XV Encontro Internacional de Gastronomía Saudable e Sostible que ofrecerá ao público máis de 150 experiencias. E hai 15 restaurantes -que ofrecen 22 menús con  prezos de entre 15 e 35 euros-, así como catas comentadas,  maridaxes,  degustacións, conferencias de expertos e  presentacións de  produtos innovadores,  ademais de tres aulas gastronómicas.

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, destacou que trátase dun evento no que a Xunta de Galicia está presente para promocionar e enxalzar os produtos turísticos, agroalimentarios e pesqueiros e salientou que Xantar “é un gran escaparate internacional para amosar que Galicia é unha gran potencia dentro do ámbito da enogastronomía” e para poñer en valor a rica e variada materia prima da nosa terra. Nesta liña, o titular de Turismo precisou que a riqueza dos nosos produtos fai posible que a gastronomía sexa a segunda razón pola que os viaxeiros deciden visitarnos.

Galicia participa na edición deste ano a través das consellerías de Cultura e Turismo, Medio Rural e do Mar. No caso da primeira, hai un expositor propio de 24m² para promover a imaxe de Galicia e así reforzar a promoción e consolidación dos produtos turísticos na nosa Comunidade, entre os que salienta o turismo gastronómico.
A Consellería do Medio Rural, pola súa banda, conta cun posto onde están presentes 14 entidades agroalimentarias e no que se desenvolve un amplo programa de actividades e eventos nos que se poden coñecer e degustar produtos galegos con selos de calidade como o mel, carnes, augardentes, produtos ecolóxicos, pan, patacas, grelos, queixos e castañas. Tamén se promociona a marca de garantía Galega 100%, que distingue ao leite de calidade diferenciada producido en Galicia, cun espazo expositivo propio.
Pola súa parte, a Consellería do Mar está presente neste certame cun posto de 48 metros cadrados para enxalzar a variedade e calidade dos produtos que ofrece o mar de Galicia. Con ese obxectivo tamén se celebran numerosas degustacións de receitas elaboradas por relevantes cociñeiros da gastronomía galega coas que dar a coñecer as especiais características dos peixes e mariscos galegos.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou, na inauguración que Ourense é “a gran despensa de Galicia” e definiu a Xantar como “excelente escaparate da nosa gastronomía” que converte a Ourense “na capital do turismo gastronómico”.

 Salientou a calidade de vida da provincia de Ourense e a lonxevidade dos seus habitantes, “algo que ten moito que ver coa alimentación e cos nosos excelentes produtos”, e destacando tamén que temos “o maior potencial termal de Europa”. “Ourense é unha provincia con “denominación de orixe”, cun goberno de seu, a Deputación, que apoia e pon en valor a riqueza gastronómica do noso territorio”, citando como exemplo o colectivo “Cociña Ourense”, que organiza o encontro bioceánico gastronómico Enbiga.

Ribeira Sacra

Unha das principais novidades deste ano é a promoción internacional da Ribeira Sacra e o apoio a súa candidatura para formar parte da lista de Patrimonio Mundial da Unesco. Neste sentido, instalouse en Xantar un expositor específico do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra no que participan varios concellos do xeodestino. Tamén está representado neste stand o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.
Cómpre lembrar que o Goberno galego vén de entregar no Ministerio de Cultura y Deporte a documentación da candidatura da Ribeira Sacra para a súa revisión e envío á Unesco cumprindo así o compromiso con este excepcional legado.