Hoxe mediante unha nota de prensa os deputados populares
por Ourense, Ana Vázquez e Celso Delgado
e os lucenses, Jaime De Olano e Joaquín García Díez, denunciamos a decisión do
Ministerio do Interior de pechar as Salas do 091 nas Comisarías de Policía das
cidades de Ourense e Lugo. Noticia que coñecemos por medio de diferentes
fontes, entre elas as dos Sindicatos Policiais.
Na actualidade, as citadas Comisarías contan con Salas do
091, que funcionan as 24 horas ao día, 365 días ao ano, atendendo a máis de
200.000 veciños en ambas as capitais.
Nelas traballan abnegados funcionarios policiais con
ampla experiencia e coñecemento desas cidades, dos seus barrios, das rúas, dos
seus recunchos, dos lugares conflitivos , etc.
Estas Salas son o órgano de coordinación operativa por
excelencia, como servizo máis próximo ao cidadán, que recibe os avisos e
distribúe os efectivos policiais, e están dotadas de avanzados equipos de
comunicacións e medios técnicos para afrontar con eficacia as situacións de
emerxencia.
Na área de telefonía, os axentes atenden as chamadas,
recollen os datos precisos e activan de forma telemática os recursos necesarios
para resolver a incidencia. O tempo medio de espera das persoas que solicitan o
auxilio policial a través do 091 ata que a súa chamada é atendida sitúase ao
redor dos 6 segundos.
A zona de radio é a que recibe a información do suceso a
través dos operadores e encárgase de contactar coas patrullas máis próximas ao
lugar onde se require a presenza de axentes co obxectivo de diminuír os tempos
de resposta policial.
Os operadores da sala do 091 son os responsables de comisionar os servizos e requirimentos
operativos ás unidades e dotacións en servizo. Tamén centralizan e dan resposta
ás peticións e consultas ás bases de datos de interese policial solicitadas
polos axentes en servizo, e transmiten as instrucións oportunas relativas ao
cumprimento das normas de aplicación das ordes xudiciais de afastamento e
protección das vítimas de violencia de xénero. Ademais, desde este centro de
operacións asúmese a coordinación operativa en caso de situacións de risco
inmediato, emerxencias e dispositivos especiais.
O peche destas Salas e a súa derivación á cidade da
Coruña, supoñería ademais dun agravio a duas importantes capitais galegas, unha
diminución notable na eficacia deste servizo prexudicando a seguridade en ambas
as cidades, debido á proximidade e ao coñecemento que deben ter os axentes da
zona de influencia. Sendo este un servizo que require de proximidade para que o
tempo de reacción sexa o máis rápido posible, cun coñecemento exacto de cada
recuncho da cidade. Así resulta máis probable a detención do autor dos feitos,
a protección á vítima e en definitiva o restablecemento da seguridade cidadá.
Así mesmo, facemos constar que as Comisarías de Policía
Nacional de Ourense e Lugo contan cun déficit de 49 e 41 axentes
respectivamente, polo que é tamén moi necesario e urxente cubrir o total do
cadro de persoal.
En definitiva os deputados populares estámos en aberto
desacordo coa decisión do Ministerio do
Interior de que as chamadas ao 091 que se fagan
dese Ourense e Lugo pasen á Sala
da cidade da Coruña.
Por todo rexistramos hoxe no Congreso cinco preguntas
sobre esta cuestión e unha Proposición non de Lei que na súa parte dispositiva
di:
“O Congreso dos Deputados insta o Goberno a manter as
Salas do 091 da Policía Nacional nas Comisarias de Ourense e Lugo, e así mesmo
aumentar os medios humanos e materiais cos que contan ditas Comisarias
provinciais.”