viernes, 31 de enero de 2020

Na presentación do centro integral público de atención ás persoas maiores de Ourense financiado pola Fundación Amancio Ortega



Asisto esta mañá ao acto de presentación á veciñanza de Ourense do futuro centro integral público de atención ás persoas maiores da cidade que se emprazará na parcela da actual estación de autobuses
Foron as conselleiras de Política Social, Fabiola García, e a de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, as que o fixeron  nunha reunión no propio lugar cos veciños do barrio do Pino na que estiveron acompañadas da delegada territorial de Ourense, Marisol Díaz, do alcalde Gonzalo Jácome e doutros responsables políticos.

Fabiola García explicou que a prioridade da Xunta de Galicia é impulsar e revitalizar o barrio do Pino, logo de que a estación de autobuses se traslade á Ponte coa nova intermodal. Desta maneira, sinalou que se quere aproveitar un espazo que queda baleiro coa posta en marcha dun servizo necesario para a cidade.
Esta nova infraestrutura, que financiará, construirá e equipara a Fundación Amancio Ortega, achegará máis servizos ás persoas de máis idade. Suporá un investimento duns 12 millóns de euros e permitirá poñer á disposición das familias de Ourense 120 prazas públicas. 
Ademais, a súa posta en funcionamento traerá a creación de 110 postos de traballo no ámbito dos coidados, un sector en auxe e no que Galicia ten potencial para ser líder. A nova residencia, deseñada polo estudio coruñés Elsa Urquijo Arquitectos, contará cun equipamento de vangarda e con servizos innovadores como as unidades psicoxeriátricas, especializadas na abordaxe do Alzhéimer e outras demencias.
Unha das mellores residencias de Europa
A conselleira de Política Social destacou que con esta proposta se dá un gran paso na atención ás persoas maiores ao dotar este barrio dunha das mellores residencias de toda Europa. Recordou que o Goberno galego ten no coidado ás persoas de máis idade un eixe fundamental. Por iso, na actualidade existe unha ampla rede de servizos tanto para aqueles que queren ser atendidos na súas casas, con programas como o de Teleasistencia, o Xantar na Casa ou o Servizo de Axuda no Fogar; como para os que precisan dunha maior atención, con máis prazas públicas de residencia, máis de 8000 hoxe en día, cerca dun 50% máis que hai unha década.
Nesta liña, Fabiola García agradeceu tanto ao anterior alcalde como ao actual equipo de Goberno local pola súa predisposición e flexibilidade á hora de acordar o emprazamento do novo centro integral. Desta maneira, detallou aos veciños as características da parcela: conta con 10.000 metros cadrados, está máis preto do centro urbano de Ourense que a inicialmente prevista e conta cunha situación privilexiada con grande facilidade de acceso e vistas sobre o río Miño.
Pola súa banda, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, puxo en valor a coordinación entre os distintos departamentos da Xunta e as achegas recibidas de asociacións e veciños para darlle uso público e social a esta parcela da estación, destinándoa a albergar unha residencia da terceira idade.
Proxecto da demolición da estación
Destacou que o Goberno galego está traballando para acadar a terminal de autobuses da Intermodal e o aparcamento de 300 prazas que A Ponte necesita, ao mesmo tempo que está redactando o proxecto de demolición da actual estación para poder construír a residencia canto antes.
Subliñou que entre a nova estación intermodal e esta nova residencia para a terceira idade suman 23 millóns de euros de investimento. Tamén sinalou que o proxecto hoxe presentado antes os veciños da Ponte e O Pino, supón maiores cotas de benestar nestes barrios, máis emprego e riqueza na cidade e unha aposta por un Ourense de futuro.

Finalizada a reunión, as conselleiras tiveron oportunidade de falar cos veciños, escoitar as súas suxerencias e ampliar á información sobre o futuro centro de maiores.

A área social da Fundación Amancio Ortega 

O 13 de setembro de 2019, a Fundación Amancio Ortega asinou un convenio coa Xunta de Galicia para a posta en marcha de sete centros residenciais públicos -Centros de Atención Integral a Persoas Maiores- nas sete principais cidades galegas: A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo.

A Fundación Amancio Ortega levará a cabo a construción dos sete inmobles e dotaraos co seu equipamento completo, para a súa posterior integración na rede pública autonómica de atención a maiores. O investimento estimado inicialmente pola  FAO para o desenvolvemento deste proxecto é de 90 millóns de euros.

En total, os sete centros ofrecerán 900 prazas residenciais: 150 en Vigo e Coruña, e 120 en Ourense, Lugo, Santiago, Pontevedra e Ferrol. A posta en actividade dos sete centros públicos permitirá a creación de máis de 800 empregos directos. Estes centros contarán con servizos innovadores como unidades  psicogeriátricas especializadas no tratamento do Alzhéimer e outras patoloxías similares.

Compre gabar o compromiso social da Fundación Amancio Ortega, que xa financiou un centro interxeracional de Ourense (A Farixa), e que ten feito importantes doazóns á diagnose e tratamento do cancro nos hospitais públicos, entre eles os de Ourense

Grazas a Amancio Ortega por esa vocación altruísta en beneficio da sociedade galega.

Constatando o importante atraso na construción da base de montaxe de Vilavella (A Mezquita)


Este pasado luns 27 de xaneiro de 2020 viaxei ata A Mezquita coa finalidade de coñecer o estado de execución da base de montaxe de  Vilavella, xa que é unha instalación moi necesaria para a montaxe da vía do tramo Pedralba de la Pradería-Taboadela.

Como é coñecido non son enxeñeiro nin dispoño de  coñecementos técnicos de construción, pero se levo anos vendo obras ferroviarias e tamén coñezo a base de montaxe de La  Hiniesta que me serve de referencia.

Pois ben, o visto é moi decepcionante xa que non se advirten obras como a losa de transferencia de carrís e pórticos fixos para manipulación, a  losa de provisión de desvíos, a nave de mantemento de material móbil. Nin a praia de 9 vías e por suposto a conexión coa vía convencional.

Estas fotos que fixen, o acreditan.

As previsións eran montar o carril desde dous puntos, a base de  Meamán (Baños de Molgas) e a da Mezquita. A enorme demora desta base, coñecemos pretende ser paliada por  Adif-AV  mediante un plan alternativo que é utilizar a base de La Hiniesta, nas proximidades de Zamora.

Os atrasos son moi evidentes e  ADIF-AV debe dar explicacións das súas causas e das consecuencias que terán no cumprimento do cronograma comprometido, neste momento claramente rebasado.

Estaremos vixiantes e pediremos parlamentariamente información ao Goberno e a ADIF-AV.

ANTECEDENTES

O pasado 30 de abril de 2018 daba conta neste blog da publicación Boletín Oficial do Estado dunha Resolución da Secretaría Xeral de Infraestruturas, de data 12 de abril de 2018, pola que se abría a información pública correspondente ao expediente de expropiación forzosa 017ADIF1817, motivado polas obras do ADIF-Alta Velocidade "Proxecto básico da base de montaxe no termo municipal da Mezquita e instalacións auxiliares para a montaxe de vía”

Nunha entrada deste blog do 24 de maio de 2018 daba conta de que o Consello de Administración de  Adif AV aprobara   a licitación do “contrato de construción da base de montaxe da Mezquita e instalacións auxiliares para a montaxe de vía”

Naquelas datas o Ministerio estaba dirixido por Íñigo De la Serna.

Pouco tempo, despois do cambio de executivo pola moción de censura, e baixo o mandato de José Luis Ábalos tivo lugar o 5 de xullo de 2018 a publicidade da licitación da citada  base de montaxe  por un valor estimado de 11.008.014,80 euros.

Con gran retraso, en marzo de 2019 coñecemos que o Consello de Administración de Adif AV aprobou a adxudicación da construción da base da Mezquita (Ourense) e instalacións auxiliares para a montaxe de vía no tramo Pedralba de la Pradería-Taboadela, da Liña de Alta Velocidade ( LAV) Madrid-Galicia.

O contrato foi adxudicado por 8.403.488,19 euros (IVE incluído) á Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Ortiz Construcións e Proxectos (75%) e  Cosfesa (25%) e un prazo de execución de 11 meses.

Base de montaxe da Mezquita

A base de montaxe da Mezquita situarase no subtramo Túnel da  Canda- Vilavella, na marxe esquerda da  LAV Madrid-Galicia, entre os puntos quilométricos 112/100 e 113/500.

O contrato inclúe tamén a disposición de provisións de  balasto en Pedralba de la Pradería (Zamora) e  Campobecerros (Ourense), así como a execución de instalacións auxiliares para a montaxe de vía do tramo  Pedralba-Taboadela.

A base terá unha superficie total de aproximadamente 6,1 hectáreas, sobre as cales se situarán a praia de 9 vías, disposta en 2 peites entrelazados de ancho convencional (1.668 mm) e estándar (1.435 mm), xunto cos edificios e equipamentos necesarios.

A instalación está deseñada tanto para a montaxe do tramo  Pedralba-Taboadela como para o seu posterior mantemento. O acceso á base da liña Zamora-Ourense realízase mediante conexión con vía 1.668 mm, que conecta coa vía xeral esquerda de ancho convencional.


Para a consecución dos obxectivos funcionais da base definíronse os seguintes elementos:

-   Zona de provisión de  balasto.

-     Losa de transferencia de carrís e pórticos fixos para manipulación.

-     Losa de provisión de desvíos.

-     Nave de mantemento de material móbil.

-     Zona pavimentada para circulacións rodadas e estacionamentos.

-     Instalacións exteriores de urbanización.

Xunto á propia base de montaxe, o proxecto de construción inclúe o deseño de instalacións auxiliares e superficies de provisión de  balasto en Pedralba de la Pradería (6.775  m2) e en  Campobecerros (3.500  m2).



https://www.laregion.es/articulo/ourense/plazos-2023-ave-elevan-presion-adif/20200201223022922588.html

jueves, 30 de enero de 2020

Denunciamos o incumprimento dos compromisos do Goberno socialista coa licitación da variante exterior e coas actuacións de integración ferroviaria na estación de Ourense


Reclamamos a ADIF-AV que abandone o silencio e dea cumprida información sobre as actuacións xa executadas na estación intermodal e os plans de integración urbana.

Pouco despois da sesión constitutiva da XIV Lexislatura, os deputados do Partido Popular pola provincia de Ourense, Celso Delgado e Ana Vázquez, rexistramos o 12 de decembro de 2019 varias preguntas ao Goberno, entre ellas estas dúas:

 ¿Cuáles son los motivos por los que no fueron todavía licitadas por ADIF- AV las obras de plataforma de la Variante de Ourense, Conexión Seixalbo-Seixalbo pese a que en el Diario Oficial de la Unión Europea del 7 de marzo, se había anunciado que tendría lugar el 1 de julio de 2019?

¿Cuáles son los motivos por los que no fueron todavía licitadas por ADIF- AV las obras de plataforma de la Variante de Ourense, Tunel de Rante- Conexión Seixalbo pese a que en el Diario Oficial de la Unión Europea del 7 de marzo, se había anunciado que tendría lugar el 1 de julio de 2019?

Pois ben, agora con data 24 de xaneiro de 2020, o Goberno rexistrou no Congreso unha resposta idéntica para ambas as dúas preguntas:

“En relación con los asuntos interesados, se señala que en el anuncio del pasado 7 de marzo de 2019 se indicaba como tentativa de licitación del contrato de obras del contrato “Variante de Ourense. Túnel de Rante-Conexión Seixalbo y Conexión Seixalbo-Seixalbo Plataforma, a finales de 2019.  En todo caso, se indica que las publicaciones de anuncio de licitación en el Diario Oficial de la Unión Europea (DOUE) son informativas, no vinculantes.”

Estas respostas son claramente decepcionantes e evidencian que ADIF-AV, non traballou con dilixencia e acredita no ter vontade real de licitar a variante exterior de alta velocidade ferroviaria entre Taboadela e Ourense,de 16,9 qm.

Lembramos que o 29 de novembro de 2018 a presidenta de ADIF, Isabel Pardo de Vera, estivo en Ourense para pronunciar unha conferencia titulada “As dúas caras do AVE. Desenvolvemento da obra e impacto socioeconómico”.

Nese día a presidenta falou da variante exterior de Ourense e dixo: “optouse por aproveitar o trazado actual e modernizalo con 104 millóns, pero hai unha variante que se fará, que espera pola adecuación dos proxectos á normativa, porque nós pensamos en termos ferroviarios e quedarnos con 14 qm. de vía única na entrada de Ourense pode, nalgún momento, condicionar a fiabilidade da liña. Adif ten que ter flexibilidade para que non haxa incidencias"

Engadiu entón Pardo de Vera que confiaba en que os proxectos da variante exterior estivesen listos en seis meses para proceder á licitación da primeira fase, de 135 millóns de euros.

Confiando nestas palabras, esperamos os deputados desde aquela data algúns meses, e así o 7 de marzo de 2019 o Diario Oficial da Unión Europea publicaba tres anuncios periódicos indicativos, que tiñan por obxecto reducir prazos de recepción de ofertas.

Ditos anuncios prevían estimativamente a licitación o 1 de xullo de 2019 dos tramos de plataforma Taboadela-túnel de Rante, por valor de 88 millóns de euros, túnel de Rante-Conexión Seixalbo (21 millóns) e o da conexión Seixalbo-Seixalbo (9 millóns), todos eles co IVE excluído.

Pois ben, nada do anunciado foi cumprido por ADIF-AV, non se remataron os proxectos en seis meses e non foi publicada a licitación das obras dos tramos mencionados.


ESTACIÓN INTERMODAL DE OURENSE.

Os deputados populares seguemos á espera de que o Goberno responda a outras preguntas parlamentarias, que teñen que ver con compromisos adquiridos en relación con actuacións na estación intermodal de Ourense.


En concreto, os motivos polos que non foron aínda licitadas por ADIF-AV as obras para cubrir a praia de vías, a estrutura e urbanización e o viario rodado sobre a praia de vías da estación de alta velocidade de Ourense, pese a que no Diario Oficial da Unión Europea do 7 de marzo de 2019 anunciouse que tería lugar o 1 de xullo de 2019.

Sospeitamos que ante este notorio incumprimento a resposta sexa de novo tan evasiva como as da variante exterior, e que se diga que estas publicacións no DOUE son “informativas e non vinculantes”. ADIF-AV debe abandonar o silencio e actuar con transparencia e responsabilidade.

Os deputados reclamamos -como ten pedido a Xunta de Galicia- a convocatoria urxente da comisión de seguimento da estación intermodal de Ourense para que o Ministerio  Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA), e ADIF-AV expliquen as razóns destes incumprimentos, tanto sobre a variante exterior como sobre as actuacións nas diversas fases da intermodal.

Compre lembrar que no Convenio Marco de Colaboración subscrito o pasado 22 de xuño de 2016 entre Adif Alta Velocidade, a Xunta de Galicia e o Concello de Ourense, existe na clausula quinta o compromiso de Adif Alta Velocidade de “redactar e aprobar os proxectos básicos e de execución tanto das obras correspondentes á estación do ferrocarril que permitan su adaptación aos servizos de alta velocidade, como das actuacións de mellora da permeabilidade transversal peatonal da cidade na zona da estación así como de executar e financiar ditas obras”

E dicir, a  reforma da estación ferroviaria, na súa praia de vías e plataformas, así como a integración urbana dos barrios da Ponte e do Vinteún, son responsabilidades do MITMA e polo tanto debe dar explicacións urxentes.

Por elo ADIF-AV debe tamén informar á opinión pública sobre as obras de remodelación de vías e plataformas da estación de Ourense –que deseñaron e proxectaron os seus enxeñeiros- adxudicadas en xuño de 2018 por importe de 13.695.205 millóns de euroscomezando en agosto de 2018 que están na súa fase final.

Obras que son indispensables para que a terminal ourensá sexa compatible coa chegada de trens de alta velocidade en ancho estándar (1.435 mm) nos prazos comprometidos.

No faladoiro de Voces de Galicia de Radio Voz


Participo esta mañá, vía telefónica desde Ourense no faladoiro do programa Voces de Galicia de Radio Voz, que moderou Antía Díaz e no que estivo tamén Pepe García.
Como tema principal abordamos o adianto electoral anunciado onte polo presidente da Generalitat, Quim Torra, que incide no caos político de Cataluña e terá consecuencias directas nas aspiracións de Pedro Sánchez para sacar adiante os PGE, para o que necesitará o apoio de ERC.
Dixen que estamos ante un divorcio traumático de JxCat e ERC e que a legislatura xa está esgotada. Ademais segundo unha opinión xurídica maioritaria Torra non pode continuar á fronte do Govern catalán e debería cesar de inmediato trala sua inhabilitación como deputado. Así que as decisións que poida tomar nesa situación poderían ter consecuencias de nulidade.
Preguntado sobre si este adianto en Cataluña podería influír en que houbese unha convocatoria simultánea en Galicia e País Vasco, opinei que fronte á instabilidade catalá en Galicia vivimos unha total estabilidade política e que baixo ningún concepto estamos ao rebufo do que poidan facer outros.
Lembrei que o 17 de decembro de 2019 Galicia aprobou os seus Orzamentos para 2020 e que polo tanto mantén un ano máis a normalidade do seu ciclo orzamentario, fronte á situación do Goberno central –que comezará o exercicio 2020 coas contas de 2018– e doutras comunidades que terán que prorrogar os seus presupostos. E dixen que tamén o executivo Galicia ten un programa de accións a implementar nestes meses de gran trascendencia e que no Parlamento de Galicia están en trámite proxectos leis de importancia como a de impulso demográfico ou a de ordenación do territorio. Galicia é unha comunidade de primeira e ten axenda propoa, engadín.
A moderadora tamén nos propuxo falar da decisión do Goberno de Pedro Sánchez e da ministra de Facenda, María Jesús Montero, de impagar a Galicia os 200 millóns do IVE do ano 2017 que ou Goberno xa recadou e que quere quedarse non seu peto.

Dixen que a ministra comprometeuse en agosto de 2018 a pagar eses cartos no ano 2019. Tiveron 11 meses para arranxar este problema e non quixeron facelo.  Engadín que este impago terá un impacto moi negativo non déficit de 2019 tal e como xa advertiu a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal.

Confirmei a posición expresada polo presidente Feijóo de que unha vez esgotadas todas as posibilidades dun entendemento institucional, a Xunta acudirá ao ámbito xudicial.

Lamentei a posición do PSOE galego nesta cuestión: é o único partido que defende a actuación do Goberno de Sánchez, e faino con propostas tan peregrinas como relacionar a devolución dos 200 millóns do IVE co novo modelo de financiamento.

Afirmei que foi inxustificable a posición do BNG de apoiar a investidura dun Goberno que o primeiro que fai, é negar aos galegos os 200 millóns que se deben. Recordei que non hai unha soa liña respecto diso no famoso acordo asinado por Néstor Rego, esixindo o pago desta suma.

As débedas non prescriben e hai que pagalas, porque son cartos que financian os nosos servizos públicos.


miércoles, 29 de enero de 2020

EPA IVT 2019: Retroceso na creación de emprego; inferior ao experimentado nos cinco anos anteriores


Difunde hoxe o INE a Enquisa de Poboación Activa (EPA) correspondente ao cuarto trimestre de 2019.

Segundo estes datos en España o número de ocupados aumenta en 92.600 persoas respecto ao trimestre anterior (un 0,47%) e sitúase en 19.966.900.

 A ocupación aumenta este trimestre en 67.900 persoas no sector privado e en 24.700 no público. Nos 12 últimos meses o emprego incrementouse en 360.000 persoas no sector privado e en 42.300 no público.

 Os asalariados aumentan este trimestre en 56.200. Os que teñen contrato indefinido increméntanse en 134.700, mentres que os de contrato temporal redúcense en 78.600. En variación anual, o número de asalariados crece en 392.500 (o emprego indefinido aumenta en 414.200 persoas, mentres que o emprego temporal redúcese en 21.600). O traballo por conta propia sobe en 34.300 este trimestre e en 7.500 nos 12 últimos meses.

 A ocupación aumenta este trimestre nos Servizos (83.000 máis), a Agricultura (47.600) e a Construción (14.000). Na Industria descende en 52.100. No último ano o emprego sobe nos Servizos, onde hai 374.600 ocupados máis, na Industria en 55.400 e na Construción en 4.000. Na Agricultura a ocupación baixa en 31.700 en variación anual.

 Os maiores incrementos de emprego este trimestre danse en Comunidad de Madrid (78.400 ocupados máis), Canarias (49.100) e Andalucía (35.200). Os maiores descensos obsérvanse en  Illes  Balears (–49.600), Estremadura (–19.900) e Galicia (–9.700). No último ano case todas as comunidades incrementan a súa ocupación. Comunidad de Madrid (138.900 máis), Cataluña (87.000) e Andalucía (45.800) presentan os maiores aumentos.

 O número de parados descende este trimestre en 22.500 persoas (–0,70%) e sitúase en 3.191.900.

En termos  desestacionalizados a variación trimestral é do –2,76%. Nos 12 últimos meses o paro diminuíu en 112.400 persoas (–3,40%).

 A taxa de paro sitúase no 13,78%, o que supón 14 centésimas menos que no trimestre anterior. No último ano esta taxa descendeu en 67 centésimas.

 Por comunidades, as maiores baixadas trimestrais do paro danse en Andalucía (–41.900), Canarias (–22.100) e Cataluña (–16.300). E os maiores incrementos en Estremadura (18.700 parados máis), Región de Murcia (15.200) e  Illes  Balears (7.500). En termos anuais, as maiores reducións do número de parados prodúcense en Cataluña (45.600 menos), Comunidade de Madrid (–43.800) e Canarias (–10.800).

 O número de activos aumenta este trimestre en 70.100, ata 23.158.800. A taxa de actividade sobe dúas centésimas e sitúase no 58,74%. No último ano a poboación activa incrementouse en 290.000 persoas.

Valoracións:

Estos datos da EPA trasladan que se produciu un retroceso na creación de emprego inferior ao experimentado nos cinco anos anteriores. Un dato que consolida, desgraciadamente, o arrefriado e retardación da economía consecuencia da falta de reformas do Goberno.

É o trimestre onde menos baixa o paro e menos crece o emprego desde fai cinco anos.

Sobe o paro trimestral nos servizos, a Industria e a Construción. É, xunto co  IIITR-2019, o peor trimestre interanual de ocupación desde o  IIIT-2014.

Un dato revelador é que se perden 32.100 ocupados no tramo de idade entre 16 e 19 anos e 46.600 entre os que teñen entre 20 e 24 anos.  É máis, os mozos non só perden emprego senón que nin sequera queren ir ao paro. senten  desincentivados e deixan de buscar traballo (diminúe en 141.100 o número de activos entre 16 e 25 anos).

Outro dato preocupante: descende o emprego a tempo completo en 63.000 persoas e aumenta o emprego a tempo parcial en 155.600 persoas.

Os fogares con todos os seus membros activos en paro aumenta este trimestre en 3.200 fogares fronte aos 30.300 que se reduciron o cuarto trimestre de 2018. Son máis dun millón de fogares (exactamente 1.013.200) con todos os seus membros en desemprego, un 0,3% máis respecto ao trimestre anterior.

GALICIA


A ocupación diminúe en 9.700 persoas no cuarto trimestre de 2019 respecto á cifra do trimestre anterior e sitúase en 1.096.000 persoas ocupadas. A taxa de ocupación diminúe 0,4 puntos neste trimestre, ata o 46,9%.

Nos últimos doce meses o número de ocupados e de ocupadas aumentou en 7.900 persoas, o que supón unha suba do 0,7% en termos relativos.

Por sexo, neste trimestre diminuíu tanto a ocupación masculina como a feminina: o número de ocupados varóns diminuíu en 7.200 persoas respecto ao terceiro trimestre do ano 2019 e a ocupación das mulleres diminuíu en 2.400 persoas. En termos de taxas, isto tradúcese nunha baixada da taxa de ocupación masculina de 0,7 puntos e unha diminución de 0,3 puntos no caso da feminina.

Con respecto ao cuarto trimestre do ano 2018, o número de homes ocupados aumenta en 8.800 persoas (un 1,5%), mentres que o de mulleres ocupadas diminúe nun 0,2%.

No cuarto trimestre de 2019 en Galicia había 145.800 persoas en paro, 2.300 máis que no trimestre anterior. A taxa de paro aumenta 0,2 puntos e sitúase no 11,7%.

Con respecto ao cuarto trimestre do ano 2018, o número de parados e paradas diminúe en 3.100 persoas (un -2,1%) e a taxa de paro 0,3 puntos.

Por sexo, con respecto ao trimestre anterior, aumenta o paro masculino e diminúe o feminino: o número total de homes parados sitúase en 66.200 persoas (2.500 máis que hai tres meses) e o de mulleres é de 79.500 persoas (200 mulleres menos en paro). A taxa de paro masculina aumenta en 0,5 puntos porcentuais e a feminina non amosa variación, situándose a primeira no 10,3% e a segunda no 13,3%.

No tocante á variación interanual, o número de parados entre o sexo masculino descende en 6.500 persoas (un 8,9% menos), e o volume de paradas aumenta en 3.300 persoas (un 4,3% máis que hai un ano).

No cuarto trimestre de 2019, o número de fogares nos que todos os seus membros activos están en paro aumenta en 2.200 unidades e sitúase en 52.300 fogares. Respecto ao cuarto trimestre de 2018, esta tipoloxía de fogares redúcese un 3,5%.

Pola súa banda, o número de fogares nos que todos os seus membros activos son ocupados diminúe en 4.900 unidades. O número de fogares nesta situación é de 612.600. En relación co mesmo trimestre do ano anterior hai 8.100 fogares máis nesta situación, o que supón unha suba do 1,3% en termos relativos.

Dos 317.700 mozos e mozas galegos de entre 16 e 29 anos, 122.000 (o 38,4%) están ocupados, 32.400 (o 10,2%) parados e os 163.400 (o 51,4%) restantes son inactivos.

A taxa de ocupación deste colectivo sitúase no 38,4% no cuarto trimestre de 2019. Con respecto ao trimestre anterior diminúe 2,2 puntos; con respecto ao mesmo trimestre do ano 2018 diminúe 0,1 puntos.

A taxa de paro xuvenil sitúase no 21,0% neste trimestre; aumenta 0,7 puntos respecto ao trimestre anterior. En comparación co cuarto trimestre de 2018 diminuíu 0,5 puntos.

Valoracións:

Galicia pecha 2019 con máis e mellor emprego: 

 A taxa de paro sitúase no 11,74% (0,3 puntos menos que hai un ano) mellorando en dous puntos o dato do Estado (13,78%). 

No que vai de lexislatura a taxa de paro baixou en 4,55 puntos (4ºT2016:16,29% / 4ºT2019:11,74%). 

A taxa de emprego (ocupación) alcanza o 46,89% (0,28 puntos máis que hai 12 meses).


Galicia segue a crear emprego e a taxa é a maior nun cuarto trimestre dos últimos 10 anos (4ºT2009: 47,42%). 

A Comunidade sumou 7.900 novos OCUPADOS no 4º trimestre do ano 2019 con respecto a hai un ano (+0,73%): encadeando cinco anos de crecemento; e situando Galicia en niveis superiores aos de hai 8 anos (4ºT2011: 1.080.400 ocupados). 

A ocupación crece no sector industrial, acadando a maior suba interanual de ocupación nun 4º trimestre de toda a serie histórica de datos (desde 2008). Esta suba é maior que no conxunto do Estado: (Galicia+8,07% / España +2,05%).

O MITMA debe informar sobre as súas previsións para a chegada do AVE á cidade de Ourense e para a execución das obras comprometidas na estación intermodal.


Onte a Xunta de Galicia demandou que o Ministerio de Transportes informe sobre as súas previsións para a chegada do AVE á cidade de Ourense e para a execución das obras comprometidas na estación intermodal.
A Xunta considera necesario ter en conta que unha modificación radical do proxecto da estación intermodal impediría a finalización das obras da alta velocidade ferroviaria. O Ministerio de Transportes executou recentemente unhas obras de reformulación da praia de vías que supuxeron un investimento de 17 millóns de euros e que tiveron por finalidade adaptar as instalacións á chegada do AVE.
Alterar agora ese espazo suporía asumir un retraso adicional na chegada do AVE a Galicia, ao afectar, ademais de á preparación da estación, á boa parte do treito de obras da liña ferroviaria entre Pedralba da Pradería e Ourense.
Cumprimento dos acordos

A Xunta, o entón Ministerio de Fomento, Adif e o Concello de Ourense asinaron no ano 2016 un acordo de colaboración para impulsar conxuntamente a estación intermodal da cidade.

Conforme a ese acordo, a Administración autonómica está a executar na actualidade unha nova terminal de autobuses integrada na estación de ferrocarril, conforme o proxecto que foi aprobado pola Comisión Superior de Urbanismo de Galicia tras superar un proceso de información pública na que todos os interesados puideron presentar alegacións que foron tidas en conta de forma maioritaria.
Tamén está previsto nese acordo o aparcadoiro subterráneo do complexo intermodal que actualmente está a executar Adif, e que a Xunta financia nunha porcentaxe superior ao 65% do seu custo total. Ese aparcadoiro prestará servizo á estación intermodal, pero está dimensionado para atender tamén as necesidades do barrio ourensán da Ponte, no que se atopa a terminal, e cuxos edificios carecen maioritariamente de garaxes.
O acordo asinado prevé tamén, como responsabilidades do Goberno de España,  unha importante remodelación da terminal ferroviaria, así como a integración urbana dos barrios da Ponte e do Vinteún, de forma que tanto a estación como a cidade estean  preparadas para a chegada do AVE.
Por este motivo, o Goberno galego considera imprescindible que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana aclare cales son as previsións que manexa para a chegada do AVE á cidade de Ourense, tanto no tocante ás obras de adaptación da vía convencional como no relativo á Variante Exterior. E, ademais, que concrete o calendario e alcance das obras que prevé executar na estación de ferrocarril.
A ese respecto, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade aposta por facilitar os investimentos comprometidos polo Estado en Ourense, en lugar de promover o abandono dos proxectos de progreso da cidade

Na mesma liña, a Xunta trasladoulle onte ao responsable de Renfe en Galicia a súa exixencia de garantías de calidade para uns  servizos ferroviarios dignos na Comunidade en xeral e na provincia de Ourense en particular.

lunes, 27 de enero de 2020

Nos Premios Imaxe Vigo 2020 da Federación de Empresarios de Perruquería e Estética de Galicia

Asisto onte á segunda edición dos Premios Imaxe Vigo 2020, organizada pola Federación de Empresarios de Perruquería e Estética de Galicia (Fepega), que se celebrou  no auditorio Mar de Vigo, reunindo a máis de 1.700 persoas vencelladas ao sector.

Un xurado de alto nivel profesional dictaminou e entregáronse premios en seis categorías: comercial feminina, comercial masculina, perruqueiro/a, revelación, vangarda e  body  paint. 

Tamén foi entregado un premio destinado a recoñecer toda unha vida no sector e que recibiu o perruqueiro ourensán Lito Seoane. 

Felicidades ao presidente de Fepega, Jesús  Saiz Vidal e a todo o seu equipo pola perfecta organización.




A Xunta de Galicia solicitou a convocatoria urxente da comisión de seguimento da estación intermodal de Ourense


A Xunta de Galicia solicitou hoxe a convocatoria urxente da comisión de seguimento da estación intermodal de Ourense para que o Ministerio  Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana aclare os seus plans de investimento na cidade. Así o anunciou hoxe a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, quen trasladou a súa negativa a ser “cómplice” dos movementos cos que o Partido Socialista en Ourense trata de ocultar o incumprimento do Goberno de España coa cidade e co AVE a Galicia.
A conselleira compareceu hoxe en rolda de prensa acompañada da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, e lembrou que a estación intermodal é un complexo que se basea nun acordo de colaboración asinado no ano 2016 pola Xunta, o Concello, o Ministerio de Fomento, ademais de pola actual presidenta de Adif.
De acordo co establecido nese acordo, actualmente están en execución, unicamente, a estación de autobuses que executa e financia ao 100% a Xunta, e o aparcadoiro subterráneo que cofinancia tamén a Administración autonómica. Sen embargo, sobre a reforma ferroviaria prevista no acordo como responsabilidade do Goberno de España pesa actualmente unha gran incerteza, ao non haber un cronograma previsto, nin proxectos en redacción nin contratos en licitación.
Por ese motivo, a conselleira considerou urxente que o Ministerio responsable dea información concreta sobre os seus proxectos de actuación na estación intermodal de Ourense, ademais das previsións sobre a Variante ferroviaria exterior.
A conselleira e o equipo de arquitectas responsables das obras e do proxecto da estación de autobuses intermodal explicaron polo miúdo os criterios técnicos que sustentan tanto o seu emprazamento como a súa configuración. A ese respecto, indicaron que a  nova terminal de autobuses, cuxas obras rematarán nos vindeiros meses, está a ser construída nos terreos definidos e acordados con Adif, conforme a criterios estritamente técnicos.
Ese emprazamento fai posible, ademais, a execución dun aparcadoiro subterráneo que dará servizo ao complexo intermodal pero tamén ao barrio da Ponte, onde abundan os edificios sen garaxe e falta un espazo de estacionamento de estas características e capacidade.
En relación co centro de saúde, a conselleira lembrou a situación previa ás obras, cando o centro de saúde estaba máis próximo ás vías de ferrocarril; rodeado por un supermercado con frecuente tránsito de camións de carga e descarga; un centro de almacenamento de material de Adif, e próximo a un posto de comida preparada que xeraba un importante fluxo de vehículos que estacionaban de forma irregular.
A este respecto, subliñou que as obras da nova estación de autobuses, que motivaron xa o retranqueo de 10 metros das vías férreas e a desaparición do supermercado e do posto de comida suporán unha “mellora radical” do contorno do centro de saúde, que se vai protexer cunha franxa axardinada de máis de 12 metros e se vai insonorizar.
Preocupación pola reforma ferroviaria

Fronte a isto Ethel Vázquez chamou a atención sobre a absoluta incerteza que rodea a parte do acordo asinado que se refire á reforma da estación ferroviaria e á integración urbana dos barrios da Ponte e do Vinteún, recollidos como responsabilidades do Ministerio de Transportes.

A conselleira manifestou a preocupación do Goberno galego a este respecto, tendo en conta o precedente recente do AVE a Galicia, pois hai poucas semanas que o Goberno dicía que a Xunta mentía cando denunciaba que se ían incumprir o prazo do ano 2019. Agora, cando resulta evidente que a Xunta tiña razón, ata a Comisión Europea ratifica  o prazo da Administración autonómica e o Goberno segue a negalo.

A conselleira insistiu na necesidade de que o Goberno de España informe á cidade de Ourense sobre os seus plans en relación cos compromisos que adquiriu para o desenvolvemento desta infraestrutura e insistiu en que a mellor estación intermodal é aquela que os estudos técnicos acreditan que se pode executar.