viernes, 31 de enero de 2020

Constatando o importante atraso na construción da base de montaxe de Vilavella (A Mezquita)


Este pasado luns 27 de xaneiro de 2020 viaxei ata A Mezquita coa finalidade de coñecer o estado de execución da base de montaxe de  Vilavella, xa que é unha instalación moi necesaria para a montaxe da vía do tramo Pedralba de la Pradería-Taboadela.

Como é coñecido non son enxeñeiro nin dispoño de  coñecementos técnicos de construción, pero se levo anos vendo obras ferroviarias e tamén coñezo a base de montaxe de La  Hiniesta que me serve de referencia.

Pois ben, o visto é moi decepcionante xa que non se advirten obras como a losa de transferencia de carrís e pórticos fixos para manipulación, a  losa de provisión de desvíos, a nave de mantemento de material móbil. Nin a praia de 9 vías e por suposto a conexión coa vía convencional.

Estas fotos que fixen, o acreditan.

As previsións eran montar o carril desde dous puntos, a base de  Meamán (Baños de Molgas) e a da Mezquita. A enorme demora desta base, coñecemos pretende ser paliada por  Adif-AV  mediante un plan alternativo que é utilizar a base de La Hiniesta, nas proximidades de Zamora.

Os atrasos son moi evidentes e  ADIF-AV debe dar explicacións das súas causas e das consecuencias que terán no cumprimento do cronograma comprometido, neste momento claramente rebasado.

Estaremos vixiantes e pediremos parlamentariamente información ao Goberno e a ADIF-AV.

ANTECEDENTES

O pasado 30 de abril de 2018 daba conta neste blog da publicación Boletín Oficial do Estado dunha Resolución da Secretaría Xeral de Infraestruturas, de data 12 de abril de 2018, pola que se abría a información pública correspondente ao expediente de expropiación forzosa 017ADIF1817, motivado polas obras do ADIF-Alta Velocidade "Proxecto básico da base de montaxe no termo municipal da Mezquita e instalacións auxiliares para a montaxe de vía”

Nunha entrada deste blog do 24 de maio de 2018 daba conta de que o Consello de Administración de  Adif AV aprobara   a licitación do “contrato de construción da base de montaxe da Mezquita e instalacións auxiliares para a montaxe de vía”

Naquelas datas o Ministerio estaba dirixido por Íñigo De la Serna.

Pouco tempo, despois do cambio de executivo pola moción de censura, e baixo o mandato de José Luis Ábalos tivo lugar o 5 de xullo de 2018 a publicidade da licitación da citada  base de montaxe  por un valor estimado de 11.008.014,80 euros.

Con gran retraso, en marzo de 2019 coñecemos que o Consello de Administración de Adif AV aprobou a adxudicación da construción da base da Mezquita (Ourense) e instalacións auxiliares para a montaxe de vía no tramo Pedralba de la Pradería-Taboadela, da Liña de Alta Velocidade ( LAV) Madrid-Galicia.

O contrato foi adxudicado por 8.403.488,19 euros (IVE incluído) á Unión Temporal de Empresas (UTE) formada por Ortiz Construcións e Proxectos (75%) e  Cosfesa (25%) e un prazo de execución de 11 meses.

Base de montaxe da Mezquita

A base de montaxe da Mezquita situarase no subtramo Túnel da  Canda- Vilavella, na marxe esquerda da  LAV Madrid-Galicia, entre os puntos quilométricos 112/100 e 113/500.

O contrato inclúe tamén a disposición de provisións de  balasto en Pedralba de la Pradería (Zamora) e  Campobecerros (Ourense), así como a execución de instalacións auxiliares para a montaxe de vía do tramo  Pedralba-Taboadela.

A base terá unha superficie total de aproximadamente 6,1 hectáreas, sobre as cales se situarán a praia de 9 vías, disposta en 2 peites entrelazados de ancho convencional (1.668 mm) e estándar (1.435 mm), xunto cos edificios e equipamentos necesarios.

A instalación está deseñada tanto para a montaxe do tramo  Pedralba-Taboadela como para o seu posterior mantemento. O acceso á base da liña Zamora-Ourense realízase mediante conexión con vía 1.668 mm, que conecta coa vía xeral esquerda de ancho convencional.


Para a consecución dos obxectivos funcionais da base definíronse os seguintes elementos:

-   Zona de provisión de  balasto.

-     Losa de transferencia de carrís e pórticos fixos para manipulación.

-     Losa de provisión de desvíos.

-     Nave de mantemento de material móbil.

-     Zona pavimentada para circulacións rodadas e estacionamentos.

-     Instalacións exteriores de urbanización.

Xunto á propia base de montaxe, o proxecto de construción inclúe o deseño de instalacións auxiliares e superficies de provisión de  balasto en Pedralba de la Pradería (6.775  m2) e en  Campobecerros (3.500  m2).



https://www.laregion.es/articulo/ourense/plazos-2023-ave-elevan-presion-adif/20200201223022922588.html