As intensas choivas enchen os encoros e permiten incrementar a produción hidroeléctrica


Este pasado mércores a Confederación  Hidrográfica Miño Sil informaba que a reserva hidráulica na nosa demarcación era de 2.395 hectómetros cúbicos (o 79 % da súa capacidade total). 

Unha cifra bastante superior ás do ano anterior (1.520) e á media do últimos dez anos (1.684). Creo que estamos ante unha moi boa noticia.

Supoño que nestes días da presente semana, esta porcentaxe aumentaría pois as choivas en Galicia tiveron unha enorme intensidade.

E as previsións metereolóxicas son que o vindeiro mércores Galicia estará baixo os efectos dunha nova profunda borrasca situada ao oeste de Irlanda. Así, os ceos estaran cubertos con precipitacións intensas e persistentes en todo o territorio.

Precisamente onte, con ocasión de ir correndo polas marxes do Miño en urense puiden ver o importante caudal que levaba, e na presa de Velle, as comportas abertas, e supoño que a Central Hidroeléctrica producindo enerxía.

Lembrar que no conxunto de España o ano hidrolóxico  2018-2019 que acaba de finalizar experimentou unha situación de seca (o terceiro ano máis seco do século  XXI) cuxos efectos se deixaron sentir tamén sobre a produción de enerxía hidroeléctrica. Confiemos que o novo período 2019 2020 que acaba de comezar o 1 de outubro teña mellores resultados.


Non debemos esquecer que a diminución na produción hidroeléctrica afecta os prezos rexistrados no mercado eléctrico. A pesar de que o prezo da electricidade depende tamén doutros factores, presenta unha tendencia para aumentar nos períodos nos que a produción de enerxía hidroeléctrica diminúe. Isto é debido ao feito de que esta falta de produción é suplida por enerxía proveniente de tecnoloxías máis caras, como o carbón e os ciclos combinados de gas.











Con la tecnología de Blogger.