domingo, 22 de diciembre de 2019

Nas vésperas de inaugurar a Biblioteca Pública do Estado de Ourense en San Francisco (II)

2004-2019

Sendo Ministra de Cultura Carmen Calvo Poyato en decembro de 2004, o Ministerio parou as obras ao detectar presuntos incumprimentos pola adxudicataria e autorizou a suspensión temporal parcial dos traballos e a modificación do proxecto.
O 27 de setembro de 2006 no Senado a ministra Calvo en resposta á senadora Mercedes Gallego afirmou “que as obras finalizarán en 2007. Eu creo que este é un dato extraordinario para a cidade de Ourense, para toda a provincia, porque vai contar cunha biblioteca de 6.900 metros cadrados, practicamente unha duplicación da que tiñamos, e no concurso público a execución desta obra estivo cifrada en máis de 15 millóns de euros, 15 millóns de euros dunha obra que iniciamos en 2004, neste período de lexislatura, e que estará terminada no 2007”

Sendo Ministro de Cultura César Antonio Molina o 19 de febreiro de 2007 o Ministerio informaba  parlamentariamente por escrito a unha pregunta de Celso Delgado, e dicía que “exposta a remodelación do proxecto e previa reunión coas Administracións interesadas, concluíuse a necesidade de levar a cabo un reformado en cuxa elaboración se traballa actualmente”

O 26 de novembro de 2007, tras as avaliacións técnicas necesarias, o Secretario Técnico da Xerencia de Infraestruturas e Equipamentos do Ministerio, adoptou o acordo de iniciar o expediente de resolución do contrato e dar traslado do mesmo ao adxudicatario.

O 29 de maio de 2008 emitiu un Ditame o Consello de Estado e o 6 de xuño do mesmo ano o Consello de Ministros autorizaba á Xerencia declarar a resolución do contrato de rehabilitación e construción do arquivo e a biblioteca por incumprimento do contratista e acordaba autorizar a  convalidación dun gasto por importe de 2.771.724,68 € correspondente ao proxecto modificado non aprobado.

Sendo Ministra de Cultura Ángeles González Sinde o 20 de abril de 2009 asinouse a acta de continuación das obras. O 3 de marzo de 2010 licítase o contrato de servizos para a redacción do proxecto de terminación das obras.

O 28 de febreiro de 2011 os arquitectos José Manuel Casavella e José Luis Martínez presentaron o proxecto que se cifraba en 17,1 millóns de investimento e dicíase que as obras se  liocitarian no  segundio  semesntre dese ano.

Sendo Ministro de Cultura José Ignacio Wert Ortega o 29 de xuño de 2012 a Administración Xeral do Estado recibiu do Concello a cesión da parcela onde se constrúe a Biblioteca.

O 7 de decembro de 2012 o Consello de Ministros autorizou a celebración do contrato para finalizar as obras e o 29 de xaneiro de 2013 o Ministerio licitou as obras por un importe total de 16.689.022,93 €.

O 1 de xullo de 2013 adxudicouse o contrato de terminación das obras a  Corsan- Corviam, Construción S.A. por un importe de 13.310.000 € e cun prazo de execución previsto de trinta e dous meses.

Sendo Ministro de Cultura Íñigo Méndez de Vigo o 9 de marzo de 2016 o alcalde Ourense Jesús Vázquez entrevistouse co ministro para desbloquear os problemas expostos na execución da obra. En abril de 2016  Isolux- Corsan renunciou ao contrato e cedeuno a Copasa A cesión do contrato foi solicitada por Isolux- Corsan en decembro de 2015 alegando dificultades para executar as obras.

O 9 de marzo de 2017 nunha resposta a unha pregunta parlamentaria, o Ministro dicía: “a obra de construción da Biblioteca Pública do Estado en Ourense está finalizada, aínda que apareceu un problema nos chans da planta principal que o Goberno, a través da Xerencia de Infraestruturas e Equipamentos do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, xunto coa empresa construtora, están a tratar de solucionar no menor tempo posible, a efectos de proceder á súa recepción e posta ao dispor da Xunta de Galicia. Así mesmo, comezáronse a tramitar os expedientes de adquisición de equipamentos en coordinación coa Xunta de Galicia, estando prevista a súa adquisición e instalación no presente exercicio.”

Sendo Ministro de Cultura José  Guirao Cabrera, o 21 de novembro de 2018 o Ministerio nunha resposta escrita informaba que “as obras da nova sede da Biblioteca atópanse finalizadas e pendentes de recepción pola Administración Xeral do Estado, a partir da cal se procederá á subministración do equipamento e mobiliario” e engadíase “O equipamento foi adquirido con data do pasado 30 de setembro por valor de 103.183,34 € e estase pendente da recepción do edificio para proceder á súa instalación, así como estúdase – xunto cos técnicos da Xunta e a Dirección da Biblioteca – o resto de necesidades para a súa adquisición polo Ministerio de Cultura e Deporte”

O 13 de xaneiro de 2019 foron recibidas as obras pola Administración Xeral do Estado.

As solicitudes de licenza de ocupación e de actividade presentáronse ao Concello nos meses de abril e maio e a finais de xullo de 2019 fíxose entrega da finca de acceso e praza pública entre edificacións.

Do superficial relato anterior, vemos como o proceso estivo cheo de dificultades, de complexidades administrativas, de litixios xudiciais, de lentitude na toma de decisións, etc.

Nada menos que oito ministros ocuparon o Ministerio de Cultura, catro populares e catro socialistas.

Fago constar tamén que en relación co proxecto da Biblioteca presentei nestes anos no Congreso un total de 35 iniciativas parlamentarias, en solitario e en compañía doutros deputados como  Ana Vázquez, Guillermo  Collarte, Jesús Vázquez, Miguel Viso, etc. Todas elas tiveron por obxecto solicitar  información, activar trámites, coñecer os motivos dos atrasos ou das inexecucións orzamentarios, etcétera.

Tamén foron moitas as xestións para que este proxecto tivera consignación orzamentaria nas leis de PGE de cada ano.

É xusto tamén mencionar o interese  demostrado nestes anos no impulso a este proxecto doutros deputados do PSOE como Alberto Fidalgo, Laura Seara o Rocío de Frutos. Tamén senadores como Mercedes Gallego e Carmen Leyte do PP e Xosé Manuel Pérez Bouza do BNG.  E seguro que algún máis que non lembro agora.

E tamén a alcaldes e concelleiros do Concello de Ourense entre outros, Manuel Cabezas, José Luis Rodríguez Cid, Aurelio Gómez Villar, José Luis Baltar, Francisco Rodríguez, Alexandre Sánchez Vidal, Enrique Novoa, Isabel Pérez, Aurea Soto, Rosendo Fernández, Agustín Fernández, José Araujo, Jesús Vázquez, erc.


Tamén destacar o impulso que desde a Xunta de Galicia deron os diferentes Conselleiros que ostentaron as responsabilidades de Cultura. E tamén as xestións feitas polos subdelegados do Goberno, entre outros Camilo Ocampo,  Roberto Castro, e Emilio González.

Mañá será un gran día para min, pois logo de tantos anos de impulso e control deste proxecto poderei ver inaugurada unha instalación cultural de primeira orde que sen dúbida dará un extraordinario servizo aos ourensáns.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es

Recibirá resposta