Asisto esta mañá ao acto de inauguración da
nova sede da Biblioteca Pública do Estado en Ourense, a cargo do ministro de
Cultura e Deporte en funcións, José Guirao,
e do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.
No acto interveu tamén o alcalde de Ourense,
Gonzalo Pérez; e estaba presente o Presidente do Parlamento de Galicia Miguel
Santalices, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez; o presidente
da Deputación Provincial, José Manuel Baltar, o delegado do Goberno, Javier
Losada e a directora desta biblioteca, Rosa Díaz, entre outras personalidades.
Na súa intervención José Guirao mostrou a súa satisfacción pola
apertura da nova sede: “Coa inauguración desta biblioteca cumprimos a nosa
misión de facilitar, da mellor maneira posible, o acceso gratuíto e universal á
información, o coñecemento e a memoria da humanidade”.
“A nova sede da biblioteca supuxo un
investimento total de máis de 12 millóns de euros. Esta sede actualiza e
mellora a calidade do servizo bibliotecario e ten en conta as necesidades dos
usuarios e os novos modos de obter a información, unha biblioteca do
século XXI nun monumento histórico con
moitos séculos de historia.
"O complexo está destinado a converterse
nun referente cultural e arquitectónico. A súa superficie duplica o número de
metros cadrados útiles chegando a un total de 6.000”.
Finalmente, o ministro anunciou que no
próximos seis meses inaugurarase o arquivo estatal a escasos metros de alí, no
mesmo conxunto histórico.
A nova biblioteca pode agora albergar con
folgura un fondo bibliográfico de máis de 190.000 documentos e incrementar os
seus servizos. Dispón de salón de actos, zona infantil, zona de préstamo e
consulta de adultos, salas infantís e xuvenís, hemeroteca e espazos de traballo
e formación e de acceso a internet.
O
centro é de titularidade estatal e xestión transferida á Xunta de Galicia.
Situada no conxunto do Convento de San Francisco, a Biblioteca Pública do
Estado en Ourense está destinada a converterse nun referente cultural e
arquitectónico da cidade, formando parte do complexo urbano definido polos tres
edificios do Ministerio de Cultura e Deporte (biblioteca, arquivo e depósito do
arquivo) e pola súa proximidade ao Auditorio e Palacio de Congresos de Ourense.
No seu discurso o presidente
do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou que a Xunta fará partícipes a
todos os ourensáns da obra colectiva que supón a nova sede da Biblioteca
Pública do Estado, cun concurso de ideas que lanzará para elixir o seu nome,
que quedará para a posteridade.
Feijóo aseverou que para os galegos as bibliotecas son
unha especie de pequenas Galicias nas que
se produce o diálogo constante que existe no noso pobo. “Tanto en Galicia como
nas bibliotecas hai unha rica diversidade. Tanto en Galicia como nas
bibliotecas, culturas e idiomas enriquécense entre si, lonxe de polémicas
artificiais”, dixo, subliñando que a Atenas galaica sigue viva como lugar de
encontro e reencontro.
Ao fío disto, recordou que Ourense foi chamada a Atenas
galega por ser aquí onde brillaron os pensadores máis senlleiros da
galeguidade. “Desde aquí irradiaron a toda Galicia o desexo de que a nosa cultura
recibira as influencias das grandes correntes europeas, e tamén desde Ourense
crearon un afluente cultural que desembocou no pensamento europeo”, explicou,
ao que engadiu que bibliotecas como esta teñen o don de proporcionarlle
inmortalidade a todos aqueles que abriron e abren as nosas mentes.

En relación co vello emprazamento na rúa do Concello, o
responsable do Executivo autonómico destacou, malia o precario desa
instalación, o crecemento constante de visitantes e usuarios que desminte o
agoiro de que as bibliotecas son un vestixio do pasado sen lugar no futuro.
Así, entre o 2016 e o 2018 houbo un incremento anual de case mil socios, un
logro que atribuíu á rica oferta de actividades que abrangue a todas as idades,
e se diversifica en varios formatos.
Logo de afirmar que esta biblioteca que se está a
inaugurar xa está instalada no mañá e proxéctase ao exterior para converterse
nun factor de dinamización cultural, Feijóo concluíu lembrando que a Comunidade
bautizou como Rede o seu sistema de bibliotecas; unha rede colaborativa na que
interveñen diferentes administracións e onde a xestión e a titularidade
combínanse sen problema algún.

Parabéns Ourense!!!
Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta