Asisto invitado esta mañá ao pleno do debate sobre o estado da provincia, "o máis importante xunto co pleno de aprobación de orzamentos", como valorou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, que deu luz verde hoxe a un total de 23 propostas dos grupos políticos: 10 do Partido Popular, 7 de BNG e 6 de Cidadáns, un plenario no que o presidente Baltar presentou 10 novas medidas, a título persoal, como xa fixera nos anteriores debates do estado da provincia, centradas nos ámbitos de medio ambiente, cultura, cooperación cos concellos, emprego, deporte, turismo e termalismo.

No debate, Manuel Baltar destacou a necesidade de que os responsables públicos e as cámaras de representación política "empreguen sempre a humildade, e desde ese prisma, se erixan como gobernos que gobernan, que resolven problemas e que garanten estabilidade institucional e política. Esa é a dinámica -dixo- da Deputación de Ourense, un goberno provincial como panca de cambio do territorio e punto de encontro da veciñanza. A Deputación, en definitiva, como gran consultora dos concellos", expresou.

As 10 medidas que propuxo o presidente Baltar son as seguintes:

1. MEDIO AMBIENTE.- Cooperación específica en materia medioambiental co Concello de Ourense, utilizando o compost obtido para rexenerar zonas degradadas por incendios forestais e para programa de cooperación cos concellos para utilizalo en zonas verdes e xardíns.
2. DEPORTE.- Ourense como sede dunha etapa da "Vuelta ciclista a España" en 2020.
3. MEDIO RURAL.- Levar o documento de conclusións do "Ourense Rural Summit" a entidades asociativas de gobernos europeos para reclamar a adopción dunha "Axenda Rural Europea".
4. CULTURA.- Desenvolver o proxecto do Centro de interpretación do galeguismo nos Peares, lembrando sempre a Rodolfo Prada.
5. TURISMO.- Presentar na vindeira edición de FITUR o xeodestino da Baixa Limia.

6. COOPERACIÓN.- Incorporar "políticas de compliance" (cumplimento normativo nos procesos) na Deputación de Ourense, como paso previo para un Plan de cooperación cos concellos nesta materia.
7. CULTURA.- Baixo o paraugas do OUFF exercer un labor de coordinación e achegamento ás iniciativas audiovisuais que existen e xurden en diferentes lugares da provincia.
8. EMPREGO.- Completar o proceso de traslado do alto emprego tecnolóxico ao edificio "Provincia Intelixente", de conformidade con Abanca.
9. TERMALISMO.- Iniciar as obras de acondicionamento e posta a punto do balneario de Berán, converténdose nunha nova e atractiva posibilidade do termalismo de Ourense.
10. ETNOGRAFÍA.- Acondicionar as dependencias actuais do Inorde para acoller o "Museo da roda de afiar", unha vez estea operativa a nova sede dos servizos provinciais, no coñecido como "Edificio de Correos".

"Momento de propostas e solucións"

Manuel Baltar, quen analizou no seu discurso os escenarios locais e globais da política e a economía, destacou que nun momento como o actual, "de incerteza e crise territorial en España, no que podería achegarse unha nova recesión económica e onde semella que hai dobre velocidade nas comunidades autónomas, cómpren propostas, solucións, feitos, realidades", dixo, destacando que no escenario global no que nos atopamos, "a internacionalización, a tecnoloxía e a xestión do talento son bazas fundamentais para o crecemento". Neste sentido, citou o investimento "socialmente responsable", que xa supera -afirmou- os 200.000 millóns de euros en España. "Os fondos queren que as empresas nas que invisten asuman prácticas de bo goberno e desenvolvan políticas sostibles e sociais, algo que seguirá medrando grazas, en parte, ao Plan de Acción sobre Finanzas Sostibles da Comisión Europea. Velaí unha andaina pública tamén por percorrer".

Baltar dixo que estamos nun momento en que a chamada "age technology", a industria relacionada cos servizos e produtos de última xeración para maiores, "esperta o interese dos grandes investidores, outra oportunidade para esta provincia, que ten retos claros como un turismo revolucionado polos "viaxes á carta" onde o proxecto de destino turístico intelixente que estamos implementando desde a Deputación marcará un antes e un despois, multiplicado polo efecto das comunicacións cando chegue a alta velocidade".

Neste sentido, salientou os bos datos turísticos rexistrados na provincia, onde agosto foi o mellor mes en turistas e pernoctacións de toda a historia, e onde Ourense foi a quinta provincia de España que máis medrou con respecto a 2018, un 10,4 %, segundo a Enquisa de Ocupación Hoteleira, subliñando que este pasado verán marcou un récord turístico en Ourense, con 150.000 visitantes aloxados nos hoteis da provincia.

"Sen dúbida, nesa estratexia ten moito que ver unha marca como Termatalia, ligada a un eixo de desenvolvemento fundamental: o ouro líquido de Ourense, os nosos mananciais e o sector balneario. Velaí os 269 expositores e expertos termais internacionais achegados á 19 edición de Termatalia, ademais de 25 medios de comunicación de América Latina e Europa. Un sector onde o proxecto de lei de augas termais con fins lúdicos é tamén unha oportunidade turística", dixo o presidente da Deputación.

Cifras ás que engadiu que Ourense foi a cidade que máis fondos europeos captou en 2017, e a provincia, a máis beneficiada en investimento por habitante en Galicia: Ourense 17,84 euros; Lugo 12,76 euros; A Coruña 6,10 euros e Pontevedra 4,66 euros, segundo o informe de fiscalización de fondos europeos que fixo público o Consello de Contas.

Economía e emprego

No que atinxe ao ámbito económico e laboral da provincia, Manuel Baltar, baseándose nos datos do Observatorio Económico Ourensán, dixo que o debate sobre o estado da provincia "desenvólvese nuns intres nos que a suma de incertezas no campo internacional e nacional teñen producido unha desaceleración do ritmo de crecemento das economías europea, española e galega, "pero onde destaca o crecemento do conxunto de bens e servizos producidos pola economía ourensá, que superou en case o dobre ao da galega e en algo mais do 50% ao crecemento da economía española".

"A esta evolución positiva das cifras do Produto Interior Bruto e do Valor Engadido Bruto súmanse tamén evolucións positivas no outro conxunto de indicadores que resultan claves para garantir o benestar dos habitantes da nosa provincia: os da ocupación e os de desemprego", salientou Baltar, apuntando que o número de persoas rexistradas nas oficinas de emprego da provincia de Ourense era, no pasado mes de outubro, un 5,4 % inferior ás de outubro de 2018, sendo a nosa a provincia galega onde mais diminuiu o paro rexistrado en termos interanuais. "Compre destacar tamén que é unha diminución xeneralizada en todo o territorio provincial e que o paro rexistrado ten diminuído en todas as comarcas ourensás", dixo, remarcando "o significativo incremento da taxa de ocupación feminina, que gaña un punto respecto á da EPA de fai un ano e que se achega cara o 38%, o que supón un máximo histórico nos últimos dez anos.

Neste sentido, afirmou que a creación de traballo feminino "é un dos elementos centrais de calquera estratexia de fixación da poboación polo que, dende esta institución, asumimos o reto de seguir acurtando o déficit que existe a día de hoxe entre a taxa de ocupación feminina provincial e a galega".

Estes datos, comentou o presidente, permiten manter para os próximos 12 meses "as previsións económicas que nos fixábamos o ano pasado, procurando achegarnos, no horizonte do ano 2020 ao obxectivo de asistir á plena recuperación e á estabilización do mercado de traballo ourensán, cunhas cifras de afiliación que se aproximen aos 106.000 afiliados no conxunto da provincia e cunha taxa de paro por baixo do 12%".

Os camiños para conseguilo, dixo, atópanse xa marcados: mellorar as taxas de ocupación feminina, poñer en marcha un plan específico para potenciar o crecemento empresarial e impulsar a actividade en sectores xa consolidados nos que as empresas ourensás posúen altos niveis de competitividade (agroindustria, viticultura, extracción da lousa, téxtil, comercio, automoción, termalismo ou turismo), ademais de favorecer a conexión cos sectores emerxentes mediante procesos relacionados con tecnoloxías avanzadas (automatización, captación e utilización de grandes masas de datos nos procesos de toma de decisións, machine learning ou intelixencia artificial), "que permitan ás nosas empresas manter e incrementar a súa capacidade de creación de valor nun entorno cada vez mais global e competitivo", afirmou Manuel Baltar.

Cooperación

O presidente do goberno provincial destacou a sempre necesaria cooperación entre administracións e co ámbito empresarial, e remarcou que a Deputación de Ourense "traballa para todos: as entidades culturais, sociais, económicas, o empresariado e o emprendemento, o cooperativismo, as pemes e os autónomos, os creadores, os empregados e os desempregados; iso e o que facemos cos plans de mandato, actualmente en execución o Plan Ourense 7273, por contar cunha visión de provincia e coa Ourensanía por bandeira", e lembrou que a Deputación de Ourense é, de novo, a primeira administración pública de España en contar cos orzamentos para 2020, aprobados no mes de setembro.

Baltar agradeceu as aportacións dos grupos a este debate sobre o estado da provincia, "unha provincia que necesita do traballo de todos e que creamos nela. Crer en Ourense para crear en Ourense. E o goberno provincial ten moito que dicir nesa estratexia, unha filosofía política propia que marca o camiño e lidera o territorio", dixo, remarcando que este "é o goberno do rigor, da xestión, da innovación, da transparencia e da cooperación. O goberno da veciñanza do territorio e da visión integral de provincia". E rematou afirmando: "Que ninguén dubide que desde Ourense seguiremos defendendo os sinais básicos da identidade galega: unha lingua propia, unha literatura de prestixio e unha cultura popular diferenciada. Cuestións todas elas ás que Ourense tanto aportou e seguirá aportando".

Propostas de resolución aprobadas

O pleno aprobou 23 propostas de resolución sobre turismo, cultura, sectores produtivos, igualdade, servizos sociais, medio ambiente, rural, economía, termalismo, infraestruturas e transporte. Son as seguintes:

1.- CULTURA E COOPERACIÓN. Posta en marcha da Rede Provincial de Museos da provincia de Ourense. Analizando a singularidade de cada uno dos museos existentes na provincia, para elaborar un plan dotando o conxunto dun instrumento de cooperación para activar sinerxias.
2.- INFRAESTRUTURAS. Poñer en marcha, da man da Asociación de Construtores de Ourense, o proxecto "XEOESTRADAS" sobre as infraestruturas viarias da nosa provincia. Unha ferramenta de participación cidadán para mellorar o estado das vías provinciais que permitirá obter estatísticas buscando sempre a prestación do mellor servizo público.
3.- TURISMO. Executar o programa "Ourense destino turístico intelixente", avanzando na vangarda do "turismo á carta" tendo en conta o extraordinario potencial dos nosos recursos. O posicionamento de Ourense, de todas as súas comarcas, da súa visibilidade dentro do turismo interior, é unha capacidade que a Deputación debe abordar dun xeito preferente.
4.- IGUALDADE. Dedicar espazos ou zonas de titularidade provincial para reivindicar a posta en marcha de políticas de igualdade e a loita contra a violencia de xénero. A transformación de espazos propiedade da Deputación en zonas que signifiquen a aposta pola igualdade e a erradicación de toda violencia de xénero.
5.- TRANSPARENCIA E GOBERNO ABERTO. Retransmisión das Xuntas de Goberno da Deputación. Liderar de novo a transparencia, sendo a primeira administración en compartir coa veciñanza o contido das xuntas de goberno da institución.

6.- IDENTIDADE. Organizar, en colaboración coa Xunta de Galicia, o Congreso Internacional da Cultura Galega, e a Exposición sobre a Xeración Nós. Cumpríndose 100 anos da aparición do primeiro número da Revista Nós en 2020, a Deputación fará un esforzo especial na reivindicación dunha xeración proverbial no pensamento galeguista. Tamén poñer en valor a cultura galega no contexto internacional.
7.- EMPRENDEMENTO. Seguir apostando polos emprendedores ourensáns, co Plan Emprendou da Deputación con fondos comunitarios, e facilitando o seu asociacionismo para que sirva de panca para o nacemento de novas iniciativas empresariais. Aproveitaremos o retorno e sinerxias das experiencias de éxito derivadas dos plans e programas postos en marcha coa Escola de Organización Industrial do Goberno de España.
8.- TERMALISMO. Poñer en marcha o proxecto do futuro Gran Hotel Balneario na cidade de Ourense. Constituirá o elemento tractor do termalismo na cidade de Ourense cunhas instalacións de referencia a nivel nacional e internacional dignas da capital do territorio con maior potencial termal de Europa.
9.- EMPRESARIADO. Apoiar desde o INORDE, en colaboración coa Xunta de Galicia, a segregación de 421.000 metros cadrados do Parque Tecnolóxico de Galicia para incorporalos ao Parque empresarial de San Cibrao das Viñas. A xeración de máis solo na área industrial máis grande de Galicia procurará a existencia de máis proxectos empresariais aumentando a riqueza e o emprego.
10.- MEDIO RURAL. Consolidar o Observatorio Internacional do Medio Rural, en colaboración coa Universidade de Vigo, convertendo a Ourense en referencia nas políticas de vangarda coa vista posta no reto demográfico. Contribuír ao deseño e implantación dun ente participativo onde os sectores interesados, desde a colaboración público-privada, teñan voz para seren escoitados e influencia nas políticas que se recomenden.

11.- MEDIO AMBIENTE. Instaurar un novo marco de xestión dos residuos sólidos urbanos establecendo axudas para todos aqueles concellos que, dentro do marco de xestión de residuos provincial ou fóra del, incorporen sistemas que permitan uns mellores criterios de separación e recuperación, especialmente no que respecta á materia orgánica, tal e como marca a estratexia Horizonte 2020 da Unión Europea.
12.- DESENVOLVEMENTO LOCAL. Establecer marcos de cooperación económicos e técnicos cos GDR (Grupos de Desenvolvemento Local) como cos órganos de Xestión das Reservas da Biosfera existentes na provincia, que lles permitan implementar fórmulas de traballo cara á sostibilidade.
13.- UNIÓN EUROPEA. Que a Deputación promova proxectos abertos a todas as corporacións locais da provincia para a solicitude como beneficiarios das distintas Ordes de Axudas da Unión Europea, permitindo que os concellos con menos de 20.000 habitantes poidan optar a estas, e actuando a Deputación como líder destas peticións ao tempo que permite a todos os interesados a participación nos mesmos.
14.- TRANSPORTE. Colaborar e esixir do Concello de Ourense e da Xunta de Galicia a posta en marcha dun sistema de transporte público integrando que permita acceder dun xeito sostible á veciñanza do resto dos concellos aos servizos da capitalidade, e eventualmente que o territorio provincial se beneficie da chegada do AVE, mediante un transporte público de calidade. Dentro deste mesmo ámbito, cómpre esixir un tren de cercanías que vertebre a provincia e esta co resto de Galicia. Así como reclamar ao Ministerio de Fomento a inmediata redución dos prezos abusivos dos trens Avant que parten de Ourense e a mellora nas súas frecuencias.
15.- ECONOMÍA LOCAL. Establecer liñas de axudas directas para que os concellos poidan desenvolver mercados de proximidade (KM0), incluíndo liñas que permitan establecer pequenos obradoiros locais de deshidratados, sistemas clave..., que permitan aos pequenos produtores facer transformacións básicas das súas producións, permitindo con isto axudar ás economías locais e á posta en valor do medio rural, promovendo a recuperación de superficies abandonadas.

16.- ECONOMÍA. Reclamar a Xunta de Galicia e do Estado que doten orzamentariamente todas aquelas competencias que teñen descargado nos últimos anos nos concellos. Así como aquelas exencións (por exemplo a taxa de IVTM para persoas con discapacidade) que o Estado aplicou, sen chegar nunca a compensar ás arcas municipais por esta merma.
17.- SANIDADE. Instar á Xunta de Galicia a dotar aos servizos sanitarios de Atención Primaria dos medios humanos e materiais mínimos indispensables para dar unha atención de calidade, mellorando a súa coordinación. Ao tempo, reclámase que a atención hospitalaria na provincia sexa cuberta e se dote de persoal e dos recursos necesarios, tal e como están a reivindicar os profesionais da sanidade pública.
18.- EDUCACIÓN. Potenciar a nosa cultura e ofrecer alternativas lúdicas aos nosos nenos e adolescentes en idade escolar, que permitan aproveitar e optimizar os nosos recursos.
19.- MEDIO RURAL. Poñer en valor o enclave "As Corcerizas", no núcleo rural de Vilar de Barrio.
20.- SERVIZOS SOCIAIS. Apostar polo benestar dos nosos maiores. Posta en marcha de proxectos de cohousing-vivendas colaborativas.

21.- TURISMO. Creación dunha APP de turismo.
22.- INFRAESTRUTURAS. Creación dunha comisión de seguimento de infraestruturas e investimentos provinciais.
23.- MEDIO AMBIENTE. Concienciación medioambiental. Poñer en marcha unha comisión de seguimento da calidade das nosas augas, da limpeza dos nosos ríos e da calidade do noso aire, en definitiva, do control da contaminación.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo a celso.delgado@congreso.es


Recibirá resposta
Con la tecnología de Blogger.