Eleccións Xerais 10N: O PP defende unha educación en liberdade, inclusiva e de calidade


Tamén onte os candidatos do PP participamos nun acto sectorial de Educación, celebrado no centro cultural Marcos Valcárcel, diante dun numeroso auditorio, e que contou coa presenza da titular desta materia no Goberno galego, Carmen Pomar, e do anterior Conselleiro, Jesús Vázquez Abad que presentou o acto.

Nunha breve intervención dixen que aspiraba a que na próxima lexislatura que naza tras as eleccións do 10 de novembro, sexa posible acordar no Congreso dos Deputados unha Lei de educación con  vocación de estabilidade. E para que o seu resultado sexa satisfactorio deberían ser oídas as Comunidades autónomas, que son as que por competencias transferidas xestionan a educación, no caso de Galicia con enorme eficacia e acreditando resultados moi satisfactorios. 

O número tres da lista ao Congreso, o profesor Avelino García, fixo un repaso ás propostas que o PP ven de facer no seu programa de intencións para o ámbito educativo. Destacando como punto de partida o máximo respecto ás competencias delegadas nesta materia nas autonomías, García citou outras cuestións como a  liberdade de elección de centro, unha proba nacional de avaliación de coñecementos en primaria e secundaria e maila ABAU, materias troncais comúns en toda España, unha inspección educativa con capacidade sancionadora, o bilingüismo en inglés ou a escolarización gratuíta de 0 a 3 anos.

Non obstante, Avelino García puxo o énfase na posta en marcha da FP dual, “unha aposta de futuro para adecuar os coñecementos dos alumnos ás necesidades reais das empresas e que terá o máximo expoñente en Ourense”. Referiuse así o candidato popular ao Centro Galego de Innovación da Formación Profesional, unha iniciativa impulsada polo presidente da Deputación e presidente provincial do PP, Manuel Baltar, “o que demostra que o noso partido fala con feitos, cando buscamos novas oportunidades formativas e laborais para os nosos mozos”.


Carmen Pomar- que salientou o gran traballo do seu antecesor Jesús Vázquez -  incidiu na aposta do seu departamento pola atención á diversidade e a escola inclusiva. Sinalou o sistema educativo galego como o máis inclusivo de España. Segundo a última estatística do Ministerio, Galicia ten a maior porcentaxe de alumnado con necesidades educativas especiais integrado en centros ordinarios, o 92,7%. A isto contribúe, en palabras da titular de Educación, o incremento do número de profesionais dedicados á atención diversidade, que pasou en dez anos de pouco máis de 2.700 a máis de 3.500.
Avanzou tamén que o seu departamento traballa nun Plan de choque contra o acoso escolar, que incluirá formación específica de profesorado en educación emocional e convivencia, e a oferta aos centros de programas orientados á prevención da violencia e á mellora da convivencia escolar.
Fixo un repaso polos avances na implantación dos programas educativos a prol dun ensino plurilingüe e tecnolóxico, que chegan cada ano a máis alumnado.
Xunto ao fomento das competencias STEM nos centros educativos, a conselleira destacou o labor desenvolvido a prol das competencias de comprensión lectora, coas bibliotecas escolares como principal eixe. Así, neste curso máis de 700 centros participan do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares.
Tamén falou da Formación Profesional  na que segue a medrar no número de alumnos e acada xa os 52.764 estudantes. A este respecto, salientou que Galicia oferta  unha FP atractiva e adaptada ao tecido socioprodutivo e que fomenta o emprendemento, ao tempo que está a dar pasos significativos para consolidar a FP dual.
Puso en valor a planificación e o importante esforzo de licitación e contratación realizado polo seu departamento para que neste curso os centros de máis antigüidade desenvolvan a súa actividade lectiva en mellores condicións.
Referiuse tamén ao cadro de persoal docente, que neste curso supera os 30.110 profesionais e garante a cobertura das necesidades do sistema educativo galego. Neste sentido, abondou no compromiso do seu departamento coa estabilidade laboral dos docentes, con continuas ofertas de emprego público; coas melloras retributivas, que comezaron en outubro de 2018 e continuarán de xeito paulatino ata o 2021; e coa formación permanente do profesorado porque para a formación inicial seguimos sen novas do Goberno central.

Con la tecnología de Blogger.