EPA IIIT2019: "Os datos acreditan un acusado estancamento na creación de emprego"


Difunde hoxe o INE a Enquisa de Poboación Activa (EPA) correspondente ao terceiro trimestre de 2019.

Segundo estes datos en España o número de ocupados aumenta en 69.400 persoas no terceiro trimestre de 2019 respecto ao trimestre anterior (un 0,35%) e sitúase en 19.874.300.(No terceiro trimestre de 2018 a ocupación crecera en 183.900 persoas, un 0,95 %)

Nestes datos do terceiro trimestre publicados hoxe, un trimestre que debería ser moi positivo porque inclúe a campaña turística de verán, os datos de EPA son os peores desde 2013 e mostran o estancamento absoluto na creación de emprego.

En termos  desestacionalizados a variación trimestral é do 0,09%. O emprego creceu en 346.300 persoas (un 1,77%) nos 12 últimos meses.

 A ocupación aumenta este trimestre en 34.200 persoas no sector público e en 35.200 no privado. Nos 12 últimos meses o emprego incrementouse en 285.200 persoas no sector privado e en 61.100 no público.

Os asalariados aumentan este trimestre en 101.700. Os que teñen contrato indefinido increméntanse en 25.100 e os de contrato temporal en 76.600. En variación anual, o número de asalariados crece en 356.400 (o emprego indefinido aumenta en 387.900 persoas, mentres que a temporal baixa en 31.500). O número de traballadores por conta propia descende en 30.700 este trimestre e en 8.800 nos 12 últimos meses.

A ocupación aumenta este trimestre nos Servizos en 87.700 persoas e na Industria en 51.200. En cambio, na Agricultura descende en 63.000 e na Construción en 6.500. No último ano o emprego sobe nos Servizos (248.600 ocupados máis), na Industria (90.100) e na Construción (29.700). En cambio, baixa na Agricultura en 22.200.

Os maiores incrementos de emprego este trimestre danse en  Illes  Balears (41.000 máis), Cataluña (31.300) e  Comunitat Valenciana (16.700). Os maiores descensos obsérvanse en Andalucía (–35.000), País Vasco (–15.100) e Canarias (–8.500). No último ano as comunidades que máis incrementan a súa ocupación son Comunidad de Madrid (104.500 ocupados máis), Cataluña (68.500) e Andalucía (68.100 máis). En cambio, os maiores descensos da ocupación nos últimos 12 meses danse en Canarias (18.100 ocupados menos) e Principado de Asturias (–8.300).

O número de parados baixa este trimestre en 16.200 persoas (–0,50%) e sitúase en 3.214.400. ( No mesmo  trimnestre do ano anterior o paro baixou en 164.100 persoas, un -4,70 %)

En termos  desestacionalizados a variación trimestral é do 1,72%. Nos 12 últimos meses o paro diminuíu en 111.600 persoas (–3,36%).

A taxa de paro sitúase no 13,92%, o que supón unha décima menos que no trimestre anterior. No último ano esta taxa descendeu en 0,63 puntos.

Por comunidades, as maiores baixadas trimestrais do paro danse en  Illes  Balears (–24.700), Comunidad de Madrid (–10.500) e Cataluña (–9.200). E os maiores incrementos en Andalucía (30.300 parados máis), Región de Murcia (6.000) e País Vasco (5.600). En termos anuais, as maiores reducións do número de parados prodúcense en Comunidad de Madrid (48.400 menos), Andalucía (–32.400) e  Comunitat Valenciana (–32.100). Os maiores incrementos anuais do paro danse en Cataluña (18.400 parados máis), Canarias (17.300) e  Illes  Balears (7.300).

O número de activos aumenta este trimestre en 53.200, ata 23.088.700. A taxa de actividade baixa tres centésimas e sitúase no 58,72%. No último ano a poboación activa incrementouse en 234.700 persoas.


GALICIA

A ocupación aumenta en 6.900 persoas no terceiro trimestre de 2019 respecto á cifra do trimestre anterior (0,63 %) e sitúase en 1.105.700 persoas ocupadas. A taxa de ocupación aumenta 0,2 puntos neste trimestre, ata o 47,3%.

Nos últimos doce meses o número de ocupados e de ocupadas aumentou en 9.200 persoas, o que supón unha suba do 0,8% en termos relativos.

Por sexo, neste trimestre aumentou a ocupación masculina e diminuíu a feminina: o número de ocupados varóns aumentou en 10.300 persoas respecto ao segundo trimestre do ano 2019 e a ocupación das mulleres diminuíu en 3.500 persoas. En termos de taxas, isto tradúcese nunha subida da taxa de ocupación masculina de 0,9 puntos e unha diminución de 0,3 puntos no caso da feminina.

Con respecto ao terceiro trimestre do ano 2018, o número de homes ocupados aumenta en 9.600 persoas (un 1,7%), mentres que o de mulleres ocupadas diminúe nun 0,1%.

Atendendo aos sectores de actividade económica (segundo a CNAE 2009), o número de persoas ocupadas neste trimestre aumenta en todos os sectores agás nos servizos. Na industria a ocupación aumenta en 7.700 persoas con respecto ao segundo trimestre de 2019, o sector primario rexistra un aumento de 2.400 persoas na cifra de ocupación e a construción de 6.600 persoas. Pola contra os servizos rexistran 9.700 traballadores e traballadoras menos.

Con respecto ao mesmo trimestre de 2018, a ocupación aumenta na industria un 10,8% e na construción un 9,2%; pola contra, nos servizos a ocupación diminúe un 1,8% e na agricultura e pesca un 1,1%.

No terceiro trimestre de 2019 en Galicia había 143.500 persoas en paro, 3.100 máis que no trimestre anterior. A taxa de paro aumenta 0,2 puntos e sitúase no 11,5%.

Con respecto ao terceiro trimestre do ano 2018, o número de parados e paradas diminúe en 9.500 persoas (un -6,2%) e a taxa de paro 0,7 puntos.

Por sexo, con respecto ao trimestre anterior, diminúe o paro masculino e aumenta o feminino: o número total de homes parados sitúase en 63.700 persoas (5.200 menos que hai tres meses) e o de mulleres é de 79.700 persoas (8.300 mulleres máis en paro). A taxa de paro masculina diminúe en 0,9 puntos porcentuais e a feminina aumenta en 1,3 puntos, situándose a primeira no 9,8% e a segunda no 13,3%.

No tocante á variación interanual, o número de parados entre o sexo masculino descende en 8.300 persoas (un 11,5% menos), e o volume de paradas en 1.300 persoas (un 1,6% menos que hai un ano).

No terceiro trimestre de 2019, o número de fogares nos que todos os seus membros activos están en paro diminúe en 2.100 unidades e sitúase en 50.100 fogares. Respecto ao terceiro trimestre de 2018, esta tipoloxía de fogares redúcese un 5,5%.

Pola súa banda, o número de fogares nos que todos os seus membros activos son ocupados aumenta en 400 unidades. O número de fogares nesta situación é de 617.500. En relación co mesmo trimestre do ano anterior hai 10.500 fogares máis nesta situación, o que supón unha suba do 1,7% en termos relativos.

OURENSE

Os datos do INE acreditan que Ourense conta no terceiro trimestre de 2019 con 111.100 ocupados (3.000 menos que no trimestre anterior) e 16.700 parados (2.700 máis que no trimestre anterior).

A taxa de paro sitúase nun 13,06 %, 1,14 puntos máis que no trimestre anterior

Con respecto ao mesmo trimestre do ano anterior os parados baixan en 1.900 persoas.




Con la tecnología de Blogger.