Os hoteis galegos rexistran o mellor mes de setembro da súa historia cun crecemento do 7% no número de noites


Onte divulgaba o INE a estatística de Conxuntura turística hostaleira de setembro de 2019 que difunde caos resultados da Enquisa de ocupación hostaleira, os Índices de prezos hostaleiros e os Indicadores de rendibilidade do sector hostaleiro.

Así sabemos que os hoteis galegos rexistraron o mellor mes de setembro da súa historia ao superar a barreira do millón de noites, un 7% máis que en 2018. Ademais, recolle un incremento do 7,4% no número de viaxeiros con respecto ao mesmo mes do ano anterior.
Estas cifras sitúan a Galicia como a Comunidade cun mellor comportamento nestes dous indicadores, mentres que a nivel estatal a demanda hoteleira descendeu de media un 0,6% e a cifra de viaxeiros mantívose estable, cun crecemento do 0,2%.
Segundo estos datos do INE, o turismo galego mantén o comportamento positivo rexistrado xa no primeiro semestre do ano e nos meses do verán. De feito, as cifras reflicten un crecemento en todos os segmentos do mercado, ao rexistrárense alzas tanto no turismo interno (+4,1%), como no turismo nacional (+3,2%), e destacando especialmente o incremento do 15,7% no turismo internacional. Precisamente, os visitantes estranxeiros realizaron máis de 323.000 pernoitas nos hoteis galegos, a cifra máis elevada da serie histórica nun mes de setembro.
No que respecta á estadía media, mantense estable na nosa Comunidade, mentres que o nivel de ocupación hoteleira medra por sétimo ano consecutivo nun mes de setembro, cun alza do 3,44%, acadando tamén un máximo histórico.

Crecemento en todas provincias e mellora da calidade


A nivel territorial, todas as provincias rexistraron un comportamento positivo da súa demanda hoteleira, en particular as localizadas no norte. Así, o incremento foi dun 8,9% na Coruña, dun 8,3% en Lugo, dun 5,7% en Ourense e dun 5% en Pontevedra.
Na provincia de Ourense tivemos en setembro 36.070 viaxeiros (deles 5.222 eran residentes no estranxeiros), 69.798 pernoctacións, e unha estadía media de 1,94 días.
Os datos do INE amosan tamén unha mellora noutros indicadores de calidade. Deste xeito, a rendibilidade hoteleira creceu un 11,2% e as tarifas hoteleiras melloraron na nosa Comunidade por sexto ano consecutivo, ao rexistrar unha suba dun 3,8%, a cifra máis elevada da década.

Con la tecnología de Blogger.