No faladoiro de Voces de Galicia de Radio Voz
Participo esta mañá, vía telefónica desde Madrid, no faladoiro
do programa Voces de Galicia de Radio Voz, que moderou Antía Díaz na que
interveu tamén a deputada María Vilas.
Falamos en primeiro
lugar de que hoxe mesmo a presidenta do Congreso, Meritxell
Batet, acode á Zarzuela para informar o xefe do Estado e poñer en marcha
o proceso de consultas aos representantes dos partidos políticos para constatar
se hai un candidato con posibilidades de ser elixido presidente do Goberno ou
ben, certificar o fin da lexislatura iniciada o 28 de abril cunha nova
convocatoria electoral.
Dixen que a
comparecencia de onte de Sánchez foi un novo acto electoral e constatamos que
no presidente priman sempre as súas ambicións persoais ao interese xeral do
país. Demostrou un nulo interese en concitar apoios e o seu desprezo polos
cidadáns que maioríatariamente rexeitan unha nova convocatoria de eleccións, o
que supoñería un monumental fracaso.
Acreditou que nunca
quixo a coalición con Podemos e que tampouco buscou dar contrapartidas a
abstención do PP e Cs.
Dixen que España non
merece unhas novas eleccións pero tampouco merece un presidente como Sánchez
incapaz de resolver a situación de inestabilidade e o bloqueo no que se atopa
España.
Lembrei que aínda que o PP non apoiará a candidatura
de Sánchez, ofreceulle ata once pactos de Estado, respaldo internacional para
políticas de seguridade, e apoio para non subir impostos e en materia de
emerxencia social tras as malas cifras económicas e os datos de aumento de
paro.
A moderadora
propúxonos falar a continuación da carta que o presidente dá Xunta Alberto
Núñez Feijóo, remitiu ao presidente do Goberno central en funcións, cunha
proposta de Real Decreto-lei, validada polos servizos xurídicos da
Administración autonómica, que habilitaría ao Executivo de España a ingresar os
recursos que debe ás comunidades.
Unha carta pedíndolle, en primeiro lugar, que deixe de bloquear á sanidade,
os servizos sociais, a dependencia e a educación de todas ás comunidades
autónomas. Dixen que ese Real Decreto-lei podería ser convalidado no Congreso
dos Deputados a vindeira semana, co fin de que Galicia poida recibir os 700 millóns que os
galegos pagamos nos impostos desde xaneiro.
O que é absolutamente inaceptable é chantaxear ás Comunidades Autónomas dicindo que
se queren recibir os fondos os seus partidos políticos deben absterse e
propiciar a investidura de Sánchez, engadín.
Finalmente falamos
das diferenzas económicas en renda entre barrios dunha mesma cidade e da
iniciativa do Goberno galego
solicitando á empresa concesionaria da Ponte de Rande para iluminar os piares
da ponte, de máis de 100 metros de altura, nos seus máis de 150 tirantes e os
seus taboleiros, voando a 45 metros sobre a ría.