lunes, 16 de septiembre de 2019

Indignación coa manifestación do Ministerio de Facenda de que non vai pagar máis da metade da débeda de 700 millóns que mantén con Galicia


Recibo hoxe con sorpresa e indignación a nova avanzada polo conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez de que a Xunta de Galicia recibiu unha carta do Ministerio de Facenda na que se confirma que o Goberno central non vai pagar máis da metade da débeda que mantén coas comunidades autónomas, e que no caso concreto de Galicia ascende a uns 700 millóns de euros, 530 dos cales están incluídos nos Orzamentos para 2019.
A web da Xunta da conta dunha rolda de prensa, na que o titular de Facenda explicou que esta é a primeira vez que neste 2019 o Goberno central se dirixe á Comunidade Autónoma para explicar a situación dos impagos que mantén con Galicia polo bloqueo dos ingresos procedentes do sistema de financiamento autonómico, unha situación que non ten precedentes e que afecta directamente a todas as comunidades de réxime común.
Na carta, o Ministerio de Facenda sinala que non ten previsto pagar os 170 millóns de euros de incentivos, que a Galicia lle corresponden polo cumprimento dos obxectivos fiscais dos anos 2017 e 2018, por estar o Goberno en funcións, e tamén indica que o Goberno central tampouco vai pagar os 200 millóns da mensualidade do IVE, cartos que o Goberno xa ten en caixa pero que se nega a transferir. Esta negativa que o Ministerio de Facenda está a comunicar formalmente a Galicia ten unha afectación global ao resto de comunidades autónomas, o que implica que o Goberno vai seguir retendo uns 2.500 millóns de euros.
En canto á transferencia das cantidades xa actualizadas das entregas a conta para 2019 – uns recursos que foron comunicados polo Goberno a Galicia en xullo de 2018-, o Ministerio de Facenda tampouco garante o pago deses 330 millóns de euros e agora limítase a sinalar que está "estudando alternativas". Neste sentido, o Goberno afirma que este bloqueo é consecuencia do rexeitamento polas Cortes do proxecto de Lei de Orzamentos para 2019, un feito que se produciu o pasado mes de febreiro, é dicir, hai máis de sete meses.
Non ao Consello de Política Fiscal
Ao mesmo tempo, o Ministerio de Facenda tamén confirma a súa negativa a convocar de xeito urxente o Consello de Política Fiscal e Financeira, pese ás solicitudes realizadas por varias comunidades autónomas, Galicia entre elas. Na carta, o Ministerio di que “non parece procedente” realizar esta convocatoria estando en funcións, pese a que este órgano coordinador leva máis dun ano sen reunirse, e pese a que o propio Goberno tamén recoñece que prevé convocalo antes de que remate o ano, porque así o obriga o regulamento do Consello.
Diálogo e non chantaxe
Na súa intervención, Valeriano Martínez advertiu de que o Goberno “ten a obriga de dialogar, non de chantaxear”. “Xa estamos a mediados de setembro e xa pasou o tempo das escusas”, indicou o conselleiro, que avanzou que a Xunta de Galicia “vai seguir reclamando os cartos que se nos adebedan, porque así nolo pediu o Parlamento e porque son cartos que lexitimamente nos corresponden”.
“Que os galegos teñan a tranquilidade de que a Xunta de Galicia non se vai render, e coa máxima serenidade e a máxima lealdade continuaremos traballando para que o Goberno remate con este bloqueo”, concluíu o titular de Facenda.

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es
Recibirá resposta