Hoxe o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo,
destacou a remisión ao Parlamento de Galicia do proxecto de Lei de
aproveitamento lúdico das augas termais de Galicia para protexer e impulsar
este recurso estratéxico para a nosa Comunidade.
Así o resaltou durante a rolda de prensa do Consello
na que incidiu en que o termalismo galego é un gran activo natural, patrimonial
e industrial, pero tamén turístico e lúdico. Por iso Feijóo destacou que
“Galicia é a primeira comunidade de España en regular as augas termais
lúdicas”.
Nesta liña, subliñou que o texto normativo establecerá
por primeira vez unha fronteira clara entre as augas termais destinadas a fins
terapéuticos e preventivos –reguladas por unha lei de 1995— e as destinadas a
fins lúdicos, que contarán co marco xurídico desta nova Lei, adaptándose á nova
realidade dun sector que presenta grandes potencialidades asociadas ao benestar
e ao lecer. Así, quixo destacar que esta Lei non regula as augas con fins
terapéuticos, senón as augas con fins lúdicos, e asegurou que o novo texto
regularizará as augas termais lúdicas “con rigor” para así “aproveitar ese
potencial, non malgastar o potencial, non romper os caudais e para garantir a
salubridade desas augas”.
Feijóo destacou que este texto marca un cuádruplo
obxectivo. En primeiro lugar, velar pola salubridade e a hixiene deste tipo de
aproveitamentos termais, que terán que acreditar. Por outra banda, garantir a
súa sustentabilidade ambiental para evitar que se degrade a súa calidade ou se
reduza o seu caudal. Así como protexer a súa integridade e tamén promover a
actividade económica e social das zonas nas que xorden.
Máis polo miúdo o presidente da Xunta detallou
algunhas cuestións que regulará como as liñas xerais do procedemento
administrativo para outorgar as correspondentes concesións ou autorizacións.
Así como os dereitos e obrigas dos titulares dos aproveitamentos cun réxime de
inspección e sanción e establece un procedemento simplificado para a
regularización dos aproveitamentos lúdicos preexistentes, para o que concede un
prazo dun ano desde a aprobación definitiva deste texto.
Ademais, o proxecto de Lei recolle que son os
propietarios dos terreos onde emerxan augas (ou os terceiros que acrediten a
dispoñibilidade dos mesmos) os que poden solicitar o seu aproveitamento. Así,
por unha banda, cando o terreo sexa de dominio público outorgarase o dereito de
aproveitamento mediante concesión administrativa por un período de 30 anos
prorrogable ata un máximo de 75. E, por outra banda, cando o terreo sexa de
propiedade privada concederase unha autorización administrativa polo período
previsto no proxecto de explotación, revisable por períodos de, como máximo, 10
anos.
Para concluír, o titular do Goberno galego destacou
que a futura Lei suporá novas garantías para este sector, fundamentalmente na
oferta turística de Galicia. Garantías para os propietarios dos espazos termais
que xa funcionan, pois terán un paraugas legal. Tamén suporá unha vantaxe para
os interesados en impulsar novas pozas, que contarán cun marco legal ben definido.
E ademais incorpora garantías para os usuarios, que terán a certeza de que as
augas nas que se bañan están protexidas a nivel sanitario, de accesibilidade e
de mobilidade.
O termalismo como recurso estratéxico
O presidente da Xunta destacou que o termalismo é
estratéxico para Galicia desde a perspectiva turística, cultural e patrimonial
e terapéutica.
Nesta liña, lembrou que a nosa Comunidade é a segunda maior
rexión termal de toda Europa con 300 captacións de augas mineromedicinais, das
que boa parte son termais; con 21 balnearios e 3 talasos que suman máis de
3.000 prazas hoteleiras; con 7 dos 33 balnearios que teñen Q de Calidade de
toda España; e coa segunda cidade europea con maiores reservas de augas mineromedicinais,
Ourense –só por detrás de Budapest—.
Como ourensán celebro moito esta iniciativa lexislativa
que contribuirá cando sexa aprobada a dar pulo ao noso gran potencial termal.