Feijóo reitéralle á ministra de Hacienda a necesidade de que o Goberno central transfira a Galicia os 700 millóns de euros que lle adebeda


Da actualidade política de onte saliento  que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reiteroulle á ministra de Hacienda, María Jesús Montero, a necesidade de que o Goberno central atope unha solución para transferir a Galicia os 700 millóns de euros que lle adebeda á Comunidade Autónoma.
Di a web da Xunta o seguinte: "Fíxoo durante a presentación do Anuario 2019 elaborado polo Foro Económico de Galicia, un acto onde tamén estivo presente a ministra María Jesús Montero. Feijóo trasladoulle que o actual é un escenario “sen precedentes” na historia do financiamento autonómico, polo que agarda que haxa unha solución “o antes posible”. Porque “é xusto” –sinalou-, e tamén porque as Comunidades son imprescindibles para manter os servizos públicos e teñen un papel fundamental para consolidar o crecemento económico de España.

O titular do Goberno galego incidiu en que é imprescindible que o Goberno de España sexa capaz de actualizar os pagos pendentes ás Comunidades para que Galicia poida aprobar os seus Orzamentos. Así, lembrou que é unha das poucas Comunidades que sempre foi capaz de aprobalos ano a ano, en tempo en forma. Pero neste momento, valorou, a inestabilidade política en España, cun Goberno en funcións, dificulta a aprobación das contas públicas para 2020, tanto para o Goberno central como para as Comunidades Autónomas.
Non obstante, Feijóo trasladoulle á ministra que Galicia “vai facer o posible” para ter Orzamentos e aseguroulle que nestes momentos de incerteza política a Comunidade vai intentar “achegar certezas e favorecer o crecemento económico”.
O presidente destacou que a aprobación dos orzamentos é precisamente un dos compromisos da Xunta fronte a estas incertezas actuais, como son a citada inestabilidade política en España, a desaceleración en Europa, os efectos do Brexit ou a tensión comercial entre os Estados Unidos e a China.
Con este horizonte, quixo deixar claro que a Xunta “non quedará cos brazos cruzados” e resumiu a responsabilidade e o deber do Goberno galego en tres grandes compromisos, o citado de aprobar os orzamentos e dous máis: seguir cumprindo as regras fiscais e seguir traballando na planificación estratéxica.
Nesta liña, o presidente da Xunta recordou que os datos de Galicia confirman que é posible compatibilizar o crecemento económico co cumprimento das regras fiscais. 
Así, expúxolle á ministra que pode seguir contando con Galicia, porque Galicia quere seguir sendo a comunidade de referencia no cumprimento de débeda, o límite de débeda, a regra de gasto ou o pagamento a provedores. “Queremos seguir achegando solvencia e credibilidade ao conxunto de España”, subliñou."

Si desexa facer algún comentario poder enviar un correo celso.delgado@congreso.es

Recibirá resposta

Con la tecnología de Blogger.