sábado, 10 de agosto de 2019

Feijóo:“A Sanidade Pública non se pode someter a un Goberno en funcións”

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sinalaba esta semana que a Sanidade Pública non entende de que o Goberno Central estea en funcións e de que non aprobe a transferencia do diñeiro que adebeda ás Comunidades Autónomas. “A Sanidade Pública non se pode someter a un Goberno en funcións”, incidiu.

Comparto absolutamente esta manifestación.

Feijóo fixo esta valoración no transcurso da entrega de diplomas a profesionais sanitarios de Baiona organizada pola Asociación de Médicos Galegos (Asomega), onde tamén estivo presente o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña.

“O que precisamos é que todo o mundo traballe e, polo tanto, eu agardo que o Goberno central traballe”, manifestou o titular do Goberno galego, que agarda que o Goberno central non bloquee os servizos públicos das Comunidades Autónomas, tendo en conta que “o servizo fundamental é a Sanidade Pública”.

Sobre isto último, Feijóo subliñou que “un dos grandes monumentos que a sociedade española construíu nos últimos anos é o sistema sanitario”. 

“Probablemente é o servizo público que máis avanzou, un do que nos sentimos máis orgullos e o que máis nos diferenza do resto dos países da Unión Europea e do mundo”, abundou.

Máis en concreto, sobre a Sanidade Pública galega afirmou que está “mellor hoxe que hai dez anos”. Así, lembrou que na actualidade en Galicia hai 2.300 profesionais máis que hai unha década; acadáronse os máximos históricos en intervencións, consultas e transplantes desde que hai rexistros; hai máis probas diagnósticas; existen novos tratamentos para a hepatite C; e as listas de espera están tan controladas coma nunca.

Con estes datos na man, expresou que a hai que ser “optimistas, non conformistas” e, entre os retos do futuro, ademais da mellora das infraestruturas de Atención Primaria e dos centros hospitalarios, citou a aposta firme pola Hospitalización a domicilio (HADO) e que conta cun novo Plan aprobado recentemente, no que se recolle a premisa de lograr que se faga extensible a todo o territorio galego.